Co remate da tempada e o merecido ascenso a Primeira Futgal no peto, os equipos que lograron subir de maneira directa desde Segunda Futgal xa traballan na planificación do novo curso. Renovacións, cambios nos bancos e primeiras incorporacións marcan as novidades dun verán que se presenta intenso para uns conxuntos que buscarán consolidarse na nova categoría.
O Almeiras aposta por Rubén Rivera
O Almeiras confirmou a chegada de Rubén Rivera como novo adestrador para afrontar unha temporada que se presenta ilusionante para a entidade. O técnico comprometeuse a achegar traballo e dedicación para dar continuidade ao crecemento do club.
Rivera conta cunha ampla experiencia tanto nos bancos como sobre o terreo de xogo. Dirixiu equipos da base do Montañeros e estivo á fronte do Arteixo B. Como futbolista, militou en equipos como o Fabril, Montañeros, Laracha e chegou mesmo a competir na Primeira División de Austria.
O Sada é outro dos equipos que non perde o tempo e xa confirmou importantes movementos. A primeira novidade foi a incorporación de Adrián Vilar como novo adestrador, procedente do Once Caballeros.
A partir de aí, a dirección deportiva puxo o foco na continuidade do bloque que conseguiu o ascenso. Xa renovaron Gonzalo, Javier Míguez, Ridpath, Elías, Agrelo, Álex Paz e Víctor. Ademais, o club reforzouse con varias incorporacións para dar un salto de calidade ao cadro de persoal. Chegan Vicos, Raúl Montes, Manu e Gonzalo Ferreiro.
Continuidade no Atlético Vilariño
No Atlético Vilariño, un dos representantes ourensáns entre os ascendidos, seguirá Héctor Conde á fronte do equipo. O técnico continuará liderando o proxecto tras o éxito conseguido nesta campaña. Pola contra, o club xa confirmou as saídas de ata cinco futbolistas, polo que tamén se agardan novidades no capítulo de fichaxes durante as próximas semanas.

O Luaña apostará pola estabilidade para afrontar o salto de categoría. Sergi Mata continuará como adestrador principal, mentres que o corpo técnico incorporarase con Moldes, que exercerá como segundo adestrador. O club tamén pechou as renovacións de Joel e Tonecho, como parte do staff.
O Folgueiro xa move ficha
O ascenso tamén serviu como aval para a continuidade de Manuel Vicente e Aurelio no banco do Folgueiro. A entidade lucense aposta pola mesma dirección deportiva e técnica para afrontar o novo reto en Primeira Futgal. Ademais, o club está a garantir a permanencia da súa columna vertebral. Xa confirmaron a súa continuidade Kiños, Martínez, Iago, Oki, Sergio, Isma, Xavi e Lalas, unha base sólida sobre a que construír o proxecto da próxima campaña.
Outro dos ascendidos que xa comezou a traballar é o Atlético Combarro. O conxunto pontevedrés seguirá contando con Javi Nogueira como máximo responsable técnico. No apartado de xogadores, o club anunciou xa seis renovacións de peso. Miñán, Charly, Saúl, Papalo, Diego e Josete continuarán defendendo a camisola do Atlético Combarro na súa aventura en Primeira Futgal.




































































































































































































































































































































































































































































































































































































































































































