# Hashtag
#Fútbol Feminino #Primeira Galicia Feminina #Segunda Galicia Feminina #Terceira Galicia Feminina

As Copas femininas xa teñen campioas

O pasado fin de semana xogáronse a maior parte dos títulos copeiros do fútbol galego: a Copa da Costa, a de Ferrol, a Copa Sar e a Copa Deputación de Pontevedra. Quedan pendentes a Copa Deputación de Lugo, prevista para o 21 de xuño, e a de Ourense.

O Atlético San Pedro coróase en Riazor

A primeira final do ano enfrontou ao Victoria B e ao Atlético San Pedro no estadio de Riazor. As de Oleiros disputaban a súa primeira final, mentres o Victoria B buscaba ampliar o seu palmarés.

O San Pedro saíu mellor ao encontro e dous goles de Alba Martínez puxeron o 0-2 ao descanso. Na segunda metade, o Victoria B reaccionou: Yara Rodríguez recortou diferenzas e, no minuto 90, Alma Reiriz igualou o marcador para levar o duelo aos penaltis.



Na quenda de lanzamentos, o Atlético San Pedro estivo máis acertado e proclamouse campión. A final tivo ademais un forte compoñente emocional, ao supoñer a despedida de Joana Montouto.

As de Oleiros están tamén a un paso do ascenso á Terceira Federación, tras gañar na ida do playoff ao Rosalía, 1-0, cun gol de Alba Martínez. A volta disputarase esta fin de semana en Ourense.

As vencedoras da IV Copa Coruña levantan o trofeo. Foto: RFGF

O Xallas conquista a súa segunda Copa da Costa

Despois de quedar a pasada tempada ás portas, caendo en oitavos ante o Cee, o Xallas chegaba este ano coa oportunidade de revancha e esta vez non a deixou escapar. As de Santa Comba, que xogaban na casa, na Fontenla, foron superiores desde o inicio do encontro.



O primeiro golpe chegou cedo, no minuto 11, cun gol de Olalla Antelo, e apenas cinco minutos despois chegaba o segundo da dianteira xalleira para poñer terra de por medio. O Cee tentaba reaccionar, pero sen demasiado éxito, mentres o Xallas seguía acumulando ocasións.

Antes do descanso, Claudia Espasandín apareceu para sentenciar co seu dobrete e deixar o 4-0 no marcador xa na primeira metade. Na segunda non se movería o resultado.

As xalleiras levantan así a súa segunda Copa en dous anos, despois de gañar xa en 2024 ante o Dumbría.



O Val suma a súa terceira Copa consecutiva

O Val acadou un novo título copeiro, desta vez co seu segundo equipo, nun encontro no que tiveron que remontar ante o Discalzas. As de Cedeira comezaron mellor e adiantáronse con dous goles nos primeiros dez minutos.

Costoulles ás gañadoras entrar no encontro, pero na media hora xa recurtaron distancias cun primeiro tanto que as meteu de novo no partido. Na segunda metade conseguiron empatar e, a falta de 13 minutos para o final, puxeron o 3-2 definitivo para levantar o título.

A final, en principio, ía enfrontar ao Val B e ao CD Narón, pero unha aliñación indebida das segundas deixou ao equipo fóra do campionato. As gañadoras do grupo 1 de Terceira Galicia, o Narón, chegaban con opcións de sumar outro título esta tempada, tendo en conta os bos números acadados na liga.

O club gaña a súa terceira Copa Ferrol consecutiva. Foto: RFGF

O Calo gaña a Copa Sar dende o primeiro minuto

Un único tanto, o de María Lougzili no minuto 1, acabou co soño do Touro, que buscaba este ano romper coa mala xeira das pasadas edicións, nas que quedara ás portas do título. Con todo, a pesar de loitar e intentalo, as de Teo amosáronse firmes e conseguiron manter o resultado ata o final.



As de Teo conseguen así a súa primeira Copa na súa primeira final, despois de quedarse en anteriores edicións sen pasar de semifinais.

Unha vez coñecidas as gañadoras de todas as Copas da provincia da Coruña —Xallas, Val B, Calo e Atlético San Pedro—, mediranse entre si para determinar cal é o mellor equipo da provincia na Copa Deputación da Coruña. Esta competición está prevista, en principio, para o mes de agosto



O Calo conquista o seu primeiro título copeiro. Foto: RFGF

O Valladares alza a Copa Deputación de Pontevedra

As campioas do grupo 2 da Segunda Galicia conseguen o seu segundo título da tempada tras vencer ao Lóstrego B, equipo de Primeira Galicia, por 3-2.

Foron as de maior categoría as que se adiantaron no marcador por medio de Vanesa Estévez. Antes do descanso, Sofía Romero puxo as táboas para o Valladares.

Na segunda metade, dous goles de Antía Salgueiro decantaron o encontro a favor das que finalmente foron campioas. O Lóstrego B aínda intentou reaccionar, pero só puido recurtar distancias.

Milagrosa e Ponte Caldelas toman vantaxe nos playoffs

Os dous conxuntos, que remataron cuartos nos seus respectivos grupos da Segunda Galicia, adiantáronse na casa e xogarán a volta con dous goles de vantaxe.

Ambos encontros, Milagrosa–Bergantiños B e Ponte Caldelas–Touro, remataron co mesmo resultado de 2-0, o que lles dá marxe de cara aos partidos de volta.

Os equipos da provincia da Coruña terán que darlle a volta ao marcador se queren conseguir unha praza na Primeira Galicia.

As Copas femininas xa teñen campioas

Os Vintage: Atlético Arteixo 2003/2004

As Copas femininas xa teñen campioas

As Copas femininas xa teñen campioas