A estas alturas da temporada, os equipos comezan a estar cansos, mais non é tempo de caer na relaxación! Só lles restan 180 minutos para a gloria, polo que deben continuar a esforzarse e dalo todo en cada encontro. Iso si, os afeccionados ao fútbol galego están de sorte porque van a desfrutar das finais dos play-off de ascenso ás categorías autonómicas! Pero primeiro, collede flocos de millo e gozade deste repaso ás actuacións máis Diferenciais da volta das semifinais.
Que pasou na Preferente Futgal?
Desta vez non fixeron pleno, pero as entidades do grupo sur volveron dominar as eliminatorias con tres representantes no partido decisivo!
107 anos despois, o Antela volve a ter a oportunidade de subir a Terceira RFEF. Toda unha fazaña para os xogadores da Limia, que se impuxeron por un claro 0 a 2 ao Betanzos logrando un 0-5 no resultado global. A pesar de xogar fóra do seu feudo, os de branco e negro fixéronse co control nos primeiros minutos e contaron coas ocasións máis claras no treito inicial. Non tiveron sorte de cara á meta local pero pouco importou porque, á volta dos vestiarios, Pucho peiteou unha falta lateral para facer o primeiro da tarde. A cousa non quedou aí e o defensor ourensán deu a asistencia da segunda diana, erixíndose como o gran heroe do Antela.
Na outra final estará presente o Portonovo logo de firmar un empate a un gol ante o Ordes e facer valer a vantaxe colleitada na ida. Iso si, non foi nada doado pois non pasaran nin cinco minutos e os homes de Pery López xa mandaban no marcador. A igualada na eliminatoria deulles ás e continuaron a atacar a meta rival, pero non lograron ampliar a súa renda. Co paso dos minutos, o cadro arlequinado reaccionou e comezou a chegar con perigo á área do Ordes. Baltar non deixou de apoiar aos seus e estes responderon a falta dun cuarto de hora para o final, reequilibrando a balanza por mediación de Tymo, quen rematou un pase atrás para garantir o pase dos seus á rolda final.
Que pasou na Primeira Futgal?
Fitos, sorpresas e, sobre todo, emoción e goles. Así poderíamos sintetizar a xornada na Primeira Futgal, cuxos play-off non deixan a ninguén indiferente…
O Bañadoiro estallou de ledicia co triunfo do seu Córgomo ante o Unión por cinco goles a dous. Tras caer en Asados, os de Iván González debían remontar para acceder ao último chanzo antes de tocar a Preferente Futgal. A Dani Real bastáronlle vinte minutos para abrir a lata e poñer en pé á parroquia branca e verde. Nun suspiro chegou o segundo, aínda que os barbanceses non tiraron a toalla e reduciron a diferenza antes de chegar á prolongación do primeiro tempo. Nesa fase onde calquera diana pode resultar fatal, volveu aparecer Dani Real para converter unha pena máxima e poñer o 3-1 no marcador. Os ataques do conxunto de Valdeorras non cesaron e permitíronlle sentenciar o duelo e a eliminatoria con dous goles máis.

Ao Gondomar tampouco lle custou derrotar ao Ribadeo (3-0), e avanza así a gran final polo ascenso. A resistencia mariñá frustrou bou parte dos intentos do combinado local, que saíu enchufadísimo ao verde das Gaiandas. Así e todo, os homes de Dani Moirón non foron capaces de conter o torrente ofensivo do seu rival, focalizado na figura de Saúl. O atacante do Val Miñor asinou un dobrete ao borde do descanso acabando coas esperanzas do Ribadeo. Pese a telo todo en contra, os celestes non baixaron os brazos, pero foron brutalmente rematados co terceiro tanto do Gondomar.
Os pupilos de Iago González veranse as caras co Galicia de Mugardos logo de que estes bateran por un axustado 1 a 3 ao Club do Mar. A igualdade foi unha constante no Municipal da Laracha, onde houbo alternancias para calquera dos dous equipos. Os de Moisés Pereiro tomaron vantaxe a piques de chegar ao entretempo, aínda que non foron capaces de preservala durante moito tempo debido a un autogol encaixado no 60. Iso só significaba unha cousa: a resolución debía chegar na prórroga e, se non, nos penaltis. Pero a quenda de lanzamentos desde os 11 metros non foi necesaria, porque Hugo Cartelle enviou o balón ao fondo das redes de Caión. Co 2-1, o Club do Mar foise arriba para buscar un gol que chegou do outro lado en forma de estocada definitiva.

Que son os Diferenciais?
Os Diferenciais de FutbolinGalicia son eses xogadores que anotan goles chave para os seus equipos, para levar os tres puntos, para salvar un empate in extremis… Tamén os que realizan grandes actuacións individuais. Todo iso recoñecemos nesta sección dos Diferenciais, que iremos actualizando xornada a xornada e para a que agardamos contar tamén coa colaboración dos lectores.

Cada xornada, a Primeira Futgal deléitanos con máis de medio cento de partidos. Como ter ollos en todos e cada un dos campos é imposible, agardamos a vosa participación para completar a listaxe dos Diferenciais.
Podes poñerte en contacto con FutbolinGalicia a través de X ou de Instagram.






























































































































































































































































































































































































































































































































































































































































































