O CSD Arzúa volve á Preferente apenas un ano despois do descenso e faino tras unha tempada de enorme sufrimento e máxima igualdade, na que o ascenso non se decidiu ata a última xornada. Un dos grandes referentes do vestiario foi Ivalotelli, capitán e unha das voces máis respectadas dun grupo que conseguiu devolver a ilusión ao Viso.
O atacante destaca a unión do equipo, os cambios realizados durante o inverno e, sobre todo, a recuperación da identidade dun club que volveu conectar coa súa afección. Ademais, repasa a súa longa vinculación co Arzúa, club ao que considera «o equipo dos seus amores», e analiza unha tempada que só deixou a espiña da final da Copa do Sar.
Futbolingalicia: Logo de anos complicados, o Arzúa volveu sorrir cun ascenso a Preferente. Que significado ten este logro?
Ivalotelli: «Para min e para todos é algo moi bonito. É moi difícil ascender despois de baixar a tempada pasada. En calquera liga é complicado facer o que fixemos nós, e hai equipos aos que lles levou varios anos conseguilo. Fose como fose, logramos algo moi difícil e creo que hai que darlle moito valor».
FIG: Cales foron as claves para conseguilo?
I: «Creo que en decembro reunímonos todos e falamos sobre o que tiñamos que mellorar. O adestrador tamén deu cun once que funcionou moi ben e, a partir de aí, fomos o mellor equipo da segunda volta».

FIG: Como definirías a loita polo ascenso co resto de equipos?
I: «O Club do Mar, o Calo, o Bertamiráns e o Cacheiras puxéronnos as cousas moi difíciles. Ao final, o ascenso decidiuse pola diferenza de goles, e iso fala moi ben da igualdade que houbo na liga durante toda a tempada».
FIG: Que importancia tivo recuperar a identidade e o apoio da vila?

I: «Foi a clave deste ano. Desde a pretempada tivemos xente vendo os adestramentos, seguindo o equipo e animándonos en todos os campos aos que iamos. Nun club como o Arzúa ten que haber xente da vila; se non, perde gran parte do seu sentido».

FIG: Lideraches o equipo desde a capitanía. Que significado ten iso para ti e que mensaxe querías transmitir?
I: «Para min foi algo único. Ademais, compartín esa responsabilidade con amigos e compañeiros como Miguel, Enjamio e Brais, pero todos eramos un. O que intentaba transmitir era o que eu sinto polo Arzúa: o bonito que é xogar no Viso, o cariño da xente e o ben que nos tratan tanto a directiva como a afección».
FIG: A polémica final da Copa do Sar ante o Negreira foi a única mancha da tempada. Que valoración fas do partido e como quedou o vestiario tras escaparse a primeira copa para o club?
I: «Todo o mundo viu o que pasou. Houbo erros para os dous equipos, pero os máis decisivos e difíciles de entender prexudicáronnos a nós. Marchamos moi tristes porque o título estaba moi preto. Incluso o comentamos entre xogadores dos dous equipos, xa que teño amigos no Negreira, e moitos coincidimos en que a final acabou ensuciándose sen necesidade».

FIG: O Arzúa é o club máis importante da túa carreira, con catro etapas distintas como sénior. Que significa para ti?
I: «É o equipo dos meus amores. É o club que máis sinto e no que máis especial me sinto cando xogo. Vivín aquí etapas en Segunda Galicia, Primeira Galicia, Preferente e Terceira División. Sinto que son un privilexiado por poder vivir todo iso co equipo da miña vida».
FIG: Tamén pasaches por clubs como Lalín, Negreira ou Boimorto. Cal foi a mellor experiencia lonxe do Viso?
I: «En todos os sitios coñecín xente marabillosa e amigos que sigo conservando. Pero se falamos do deportivo, seguramente a mellor experiencia foi no Negreira. Foi a miña primeira etapa en Terceira División, cando a categoría tiña un nivel espectacular, e compartín vestiario con xogadores impresionantes. Para un rapaz que saía do Arzúa foi algo incrible. Por iso tamén me doeu especialmente como rematou a final da Copa do Sar, porque o Negreira é un club ao que lle teño moito cariño».
FIG: E a peor?
I: «No Ordes. Descendemos de Preferente e foi unha tempada moi complicada. Entre as lesións e os malos momentos, chegou a pasarme pola cabeza deixar de xogar ao fútbol.».
FIG: Que esperas da próxima tempada?
I: «Espero que o Arzúa siga sendo un equipo do pobo e que consiga manterse en Preferente. E, se eu son capaz de compaxinar todo e seguir desfrutando do fútbol, encantado de continuar. E se non pode ser, seguirei animando ao equipo e desfrutando do Viso sempre que teña ocasión».























































































































































































































































































































































































































































































































































































































































































