Cándido Casal Rodríguez, alcumado Candi, está a protagonizar unha tempada para o recordo dende o grupo 6 da Primeira Futgal. O xogador do Xuvenil de Ponteareas é, polo momento, o máximo goleador conxunto dos seis grupos da categoría cando restan catro xornadas para o remate da competición.
Candi suma 26 goles nos 29 partidos de liga que disputou ata agora, unhas cifras ás que hai que engadir outros tres tantos anotados na Copa.
A súa relación co gol é evidente e constante. Xa na pasada campaña, defendendo as cores do Mondariz, asinara 22 goles nos 30 encontros nos que participou, deixando claro que a súa progresión é continua e que cada tempada consegue superar os seus rexistros.
Os seus goles están a ser determinantes para que o Xuvenil de Ponteareas afronte este tramo final da liga con opcións reais de ascenso directo. O equipo atópase a só dous puntos do líder, o Atlántida Matamá, nunha loita que se prevé intensa ata o final.
Olfato goleador
Precisamente, para seguir afondando na clasificación de goleadores da Primeira Futgal, temos que quedar no propio Atlántida Matamá. Manu Martínez leva 25 goles en liga nunha temporada excelente a nivel individual e colectivo.
No resto de grupos, os principais perseguidores de Candi son Juanín, do Estrada Sport Team, e Junior, do Verín. O primeiro, ex do Estradense, acumula 23 goles, os mesmos que o dianteiro colombiano do Verí. Con cinco puntos de vantaxe sobre o segundo clasificado, os do José Arjiz perfílanse como o principal candidato ao ascenso no grupo 4.

























































































































































































































































































































































































































































































































































































































































