En FutbolinGalicia nos nos esquecemos deses equipos que marcaron unha época no noso fútbol! Hoxe, na sección Os Vintage, é o turno do fútbol feminino. Concretamente do Lóstrego CF 2021/2022, ano no que ascendeu a Primeira División galega.
O Lóstrego CF feminino naceu no ano 2020, desgraciadamente recordado pola pandemia do coronavirus. Nesa primeira tempada conseguiu ascender da Segunda División galega á Primeira División. E no curso seguinte, do que falamos neste artigo, logrou un novo salto de categoría. En dous anos, dous grandes logo. Un inicio de existencia totalmente insuperable!
O 10 de outubro do 2021 as xogadoras de Gabriel Couñago Ucha comezaban unha ilusionante tempada. A visita ao campo A Tasca-Aguiño saldouse cunha contundente vitoria por 0-8. Ata a xornada oito, e ante o Sárdoma B, o Lóstrego CF non recibiu ningún tanto (3-1 ese 5 de decembro). Ao finalizar as 16 xornadas que compoñían a primeira fase, os números eran unha auténtica tolemia: dezaseis vitorias, setenta goles a favor e unicamente dous tantos recibidos. Arousana e Sárdoma B, segundas e terceiras nese grupo B da Primeira División galega feminina 2021/2022, foron os outros dous equipos clasificados para loitar polo ascenso xunto co Lugo, Bergantiños e O Val.
Nesta segunda liga, a da loita polo ansiado salto de categoría, o Lóstrego tamén fixo pleno. Dez de dez, con 42 goles a favor e soamente 7 en contra. Un ano redondo! Imposible de mellorar! Ana Iglesias Alleres, con 27 goles anotados, e Alexandra Pichel Represas, con 20, levaron o peso ofensivo do cadro dirixido por Couñago.
Na actualidade o Lóstrego CF atópase terceiro no grupo 1 da Terceira Federación, con 41 puntos. Por diante unicamante ten ao As Celtas B (52) e ao Victoria (42). Restan dúas xornadas para a finalización da competición.


















































































































































































































































































































































































































































































































































































































































