Logo de dúas semanas cunha situación meteorolóxica bastante favorable, o mal tempo presentouse de novo nas nosas terras. Os días de sol xa quedan atrás e son substituídos pola chuvia e as nubes, o que supón a volta dos campos enlamados e os paraugas nas bancadas. Xa o di o refrán: “Ata o 40 de maio, non quites o saio!”. E ata chegar ao 17 de maio –un pouco antes dese 40 –calquera dos equipos da Primeira Futgal ten oportunidade de acadar os seus obxectivos. Para iso contan coa axuda inestimable dos Diferenciais, capaces de decidir un partido cando entran en xogo.
Cortar sangrías
Rachar cunha mala dinámica non é nada sinxelo mais, cando se logra esta fazaña, os triunfos non saben coma sempre: saben mellor!
Case tres meses despois, o Marte volve á senda da vitoria ao superar por 2 a 0 ao As Pontes. Os de Montealto saíron decididos ao terreo de xogo e conseguiron adiantarse desde os 11 metros ao pouco de terse iniciado o duelo. Unha vez por diante, ofreceron a súa mellor versión sobre o céspede artificial da Torre, ata que Gabri ampliou a renda pouco antes do tempo de lecer. Fundamental na ofensiva coruñesa, o dianteiro sumou o seu quinto gol nesta temporada para encarrilarlle as cousas aos seus. Na segunda metade tan só tiveron que manter a raia aos xogadores adestrados por Joaquín Breijo, incapaces de ver porta nos 90 minutos.
Sorrí o Orillamar e non é para menos, pois remontaron o seu compromiso ante o Perlío facéndose con tres puntos moi importantes fóra do seu feudo (1-3). Iso si, os primeiros en golpear, como dicíamos, foron os de azul e amarelo, que abriron o marcador á media hora. Tras o descanso, a escuadra herculina mudou a cara e conseguiu igualar a contenda para, no treito final, darlle a volta á tortilla grazas a un dobrete de Sergio Busto. O mediocampista herculino non parece ter teito, tal e como proban os seus doce tantos neste curso futbolístico.
Máis axustado foi o Sporting Cambre – Meirás, resolto cun 0-1 a prol do combinado de Valdoviño. A Artai bastáronlle cinco minutos para abrir a lata, demostrando unha vez máis que ten o gol entre cella e cella. Desta vez, o extremo ferrolán adiantou aos seus ao converter unha pena máxima, a cal resultaría clave no devir do encontro. A partir de entón, o Meirás botoulle a pechadura á súa defensa, anulando calquera intento do seu rival por furar as súas redes. Con este resultado, aséntanse na zona media da clasificación e poñen fin a unha xeira de tres semanas sen sumar de tres puntos.
Abandonar o inferno ou subir aos ceos
Como é propio a estas alturas do ano, a clasificación divídese en dúas partes ben diferenciadas. É o caso do grupo santiagués, onde se libra unha intensa batalla tanto por evitar o descenso como por acceder aos play-off.

Tordoia e Bertamiráns asinaron táboas logo de empatar a tres goles no Manuel Juncal. Os primeiros en golpear foron os de Ames, cuxa ledicia se viu interrompida pola igualada local. Tras varias idas e vidas por parte de ambos contrincantes, o partido entrou na súa fase final co triunfo momentáneo do cadro de Manolo Leví. Foi entón cando o colexiado sinalou o punto fatídico, desde onde Víctor Vilariño logrou a segunda diana na súa conta particular. Unha vez máis, o centrocampista vestiu a capa de súper heroe para salvar un punto in extremis.
Quen colle aire na súa loita pola salvación é o Castriz, que derrotou ao Boimorto por un 4 a 2. Se ben o primeiro tempo non contou con moitas ocasións, o segundo foi todo un festival de anotacións. Os homes de Marc Vidal sorprenderon aos locais, remontando o encontro en apenas dous minutos. Lonxe de tirar a toalla, os de San Pedro recompuxéronse e puxeron o empate por mediación de Juanjo, autor dun dobrete. Animados pola bancada vermella e negra, seguiron a insistir e remataron por levarse o +3 grazas a un autogol do Boimorto e outro tanto na prolongación.
Despois de golear ao Racing San Lorenzo na Cañoteira, o Cacheiras continúa na loita polos postos de arriba (5-1). As cousas non puideron comezar peor para o equipo de Teo, que debeu remontar un gol en propia meta aos dous minutos de comezar o choque. Co paso dos minutos, os pupilos de Ángel Domínguez foron a mellor e lograron o 1 a 1 nas botas de Manu Vaamonde. Ese foi o punto de inflexión para un Cacheiras que non deixou de pisar o acelerador en toda a segunda parte. De feito, furaron as redes visitantes ata en catro ocasións, unha delas baixo o selo –novamente –de Manu Vaamonde.

Toca cumprir!
A Primeira Futgal lucense estase a converter unha auténtica caixa de sorpresas e o que menos queren os equipos é levar un sobresalto a menos dun mes para o remate.
Por exemplo, o Foz acariña a salvación ao derrotar por dous goles a un ao Chantada. O líder aterrou no Martínez Otero coa posibilidade de proclamarse campión de liga. Todo un aliciente para os mariñáns, que non dubidaron en estragarlles a festa desde os primeiros minutos, cando Diego aproveitou unha indecisión na zaga chantadina para facer o primeiro da mañá. Así e todo, a reacción dos de ‘Traste’ non se fixo agardar e devolveron o golpe cun golazo desde a frontal da área. Pouco a pouco fóronse facendo co dominio do xogo, aínda que o Foz demostrou ser máis eficaz e, finalmente, tombou aos vermellos cunha boa combinación.

Para goleada a vivida na Liga, onde o Santaballés se impuxo con contundencia ao Oural (4-1). Conscientes da necesidade de facerse co triunfo, os chairegos fixeron valer o seu bo xogo desde o inicio. Aínda non rematara de asubiar o árbitro e os branquiazuis xa tomaran vantaxe, aumentándoa dúas veces máis grazas a Dani Sam. Non contento con iso, o dianteiro vilalbés viu porta unha vez máis para pechar o seu hat trick e poñer terra de por medio.
Nin Atlético Escairón nin Outeiro de Rei puideron pasar do 2-2, tendo que conformarse co reparto de puntos. Non pasaran nin dous minutos cando Julito fixo o primeiro da tarde para poñer en pé á bancada do Saviñao. Porén, a alegría non puido ser máis efémera e o conxunto de Fernando Corredoira reverteu a situación ao aproveitar dúas accións en ataque. Xa no reinicio, Julito fixo das súas outra vez e conseguiu rescatar un punto para os seus. Os anos non pasan polo killer de Samos, que está a firmar os mellores números da súa traxectoria como futbolista.
Que son os Diferenciais?
Os Diferenciais de FutbolinGalicia son eses xogadores que anotan goles chave para os seus equipos, para levar os tres puntos, para salvar un empate in extremis… Tamén os que realizan grandes actuacións individuais. Todo iso recoñecemos nesta sección dos Diferenciais, que iremos actualizando xornada a xornada e para a que agardamos contar tamén coa colaboración dos lectores.

Cada xornada, a Primeira Futgal deléitanos con máis de medio cento de partidos. Como ter ollos en todos e cada un dos campos é imposible, agardamos a vosa participación para completar a listaxe dos Diferenciais.














































































































































































































































































































































































































































































































































































































































