As Copas galegas xa teñen as súas finalistas
Os equipos galegos aproveitaron o parón de Semana Santa para disputar as semifinais das distintas Copas. Ao longo do semana, conxuntos das catro provincias loitaron por un posto nas finais das competicións copeiras, mentres que na Copa Deputación de Pontevedra quedaron definidas as semifinais.
A excepción foi a Copa Ferrol, que xa ten final determinada: enfrontaranse O Val B e o CD Narón o próximo 23 de maio.
O Milagrosa recibirá ao Antas na Copa Deputación de Lugo
Os dous conxuntos chegan con experiencia á final da Copa Deputación de Lugo. O Milagrosa suma seis aparicións, mentres que o Antas de Ulla acumula sete, catro delas consecutivas, sendo ademais as actuais campioas. Ambos teñen un título no seu palmarés, pero nunca se enfrontaron nunha final nas 14 edicións que leva a competición feminina.
O Antas fixo valer a diferenza de categoría ante o Friol B. As ulloístas, terceiras na Primeira Galicia, impuxéronse con claridade a un conxunto que milita na Terceira, aínda que xa conseguiu o ascenso. Na Reigosa, Rebeca Quiñoy adiantou ás visitantes con dous goles antes do descanso, é xa a máxima goleadora da Copa con catro tantos, e Nuria Louzao pechou o triunfo (0-3).
Pola súa banda, o Milagrosa superou ao San Lázaro (2-1) nun duelo entre equipos da Segunda Galicia. Irene Sante volveu ser decisiva para encamiñar a vitoria das lucenses, que chegaban con baixas, e Leire Jauregui ampliou vantaxe antes do descanso. As visitantes reduciron distancias na segunda metade, pero o marcador xa non se movería.
A final enfrontará a Milagrosa e Antas o 10 de maio. As ulloístas buscarán revalidar o título, mentres que o conxunto lucense aspira a volver gañar a Copa doce anos despois, desde o seu triunfo en 2014.


Primeira vez para o Atlético San Pedro ante as raíñas, o Victoria
O Victoria CF B mantén o seu idilio coa Copa Coruña, nunca faltou a unha final nas súas catro edicións e gañou dúas. Na outra cara está o Atlético San Pedro, que nos seus catro anos de vida disputará por primeira vez a final en Riazor.
As de Oleiros conseguiron o pase tras a suspensión do encontro ante o Unión Campestre, que se presentou con só cinco xogadoras. Nas semanas previas, ambos clubs xa amosaran as súas discrepancias coa data do partido. O Campestre solicitara o cambio ao coincidir coa Semana Santa, alegando ausencias por compromisos persoais e xogadoras lesionadas, pero o Atlético San Pedro rexeitou a proposta.
Dende este conxunto tamén explicou a súa postura en redes sociais, lembrando que as datas estaban fixadas pola federación desde o inicio e que as alternativas propostas coincidían con outros compromisos deportivos. “O Atlético San Pedro sempre estivo e estará aberto ao diálogo, pero estes cambios deben realizarse sen que ningunha das partes resulte prexudicada”, sinalaron.

Esta situación acabou dándolle o pase ao Atlético San Pedro, que se medirá ao Victoria CF B, que goleou ao Sporting Cambre por 7-1 nas semifinais.
As coruñesas xa dominaban ao descanso (3-1) e, aínda que o Cambre recortou distancias na segunda metade, as de Isabel Vázquez impuxéronse con claridade.
A final enfrontará a dous equipos da Primeira Galicia: o Victoria CF B, líder, e o Atlético San Pedro, cuarto clasificado. Entre ambos hai unha diferenza de 10 puntos na liga, aínda que no duelo de ida impuxéronse as do San Pedro (3-1). O partido de volta dispútase este domingo e servirá como antesala da final, prevista para o 20 de maio.

O Xallas e o Cee loitarán pola Copa da Costa
O Xallas e o Cee serán os protagonistas da final da Copa da Costa. As de Santa Comba buscan sacarse a espiña do ano pasado, cando caeron precisamente ante as ceenses en oitavos, e volver levantar o título como xa fixeron en 2024. Pola súa banda, o Cee quere redimirse da final de 2023, a única que disputou, na que perdeu ante o Bergantiños.
A final xogarase na Fontenla, campo do Xallas, un escenario que pode favorecer ao conxunto de maior categoría e que xa estaba designado antes de coñecer os finalistas. O encontro está previsto para a primeira fin de semana de xuño.

As de Eloy García conseguiron o pase tras vencer ao Corme por 0-2 nas semifinais, repetindo resultado e rival respecto ao seu último título.
Máis esixente foi o camiño do Cee, que eliminou ao Muxía, un dos favoritos, na quenda de penaltis. O conxunto muxián chegara a poñerse 3-1, con dous goles de Eva Lema e un de Nerea Barrientos, pero as ceenses reaccionaron e lograron empatar no minuto 89 por medio de Saray Duarte.
Desde os once metros, o Cee estivo máis acertado e certificou o pase á súa segunda final, na que volverá verse as caras co Xallas.

Calo e Touro pola conquista da Copa Sar
O Touro, subcampión nas últimas edicións, medirase ao Calo, que disputará a súa primeira final. O encontro está previsto para a primeira fin de semana de xuño.
Tras quedar ás portas en anos anteriores, o Calo conseguiu por fin dar o paso definitivo. As de Teo superaron ao Xuventú Aguiño por 1-5, cun triplete de María Lougzli, máxima anotadora da competición con cinco tantos, ao que se sumaron os goles de Nerea Coello e Noa Ferro.
Pola súa banda, o Touro venceu con autoridade ao Noia (4-0), cos goles de Irene León, que asinou un dobrete, ademais dos de Carla Pascual e Uxía Núñez.
A pesar da diferenza de categoría, o Calo é décimo na Primeira Galicia e o Touro ocupa postos de playoff de ascenso na Segunda, agárdase unha final igualada.

Definidas as semifinais na Copa Deputación Pontevedra
O 30 de abril coñeceranse os dous equipos que disputarán a final da Copa Deputación de Pontevedra, prevista para o 24 de maio. As semifinais enfrontarán ao Teis e ao Valladares, por unha banda, e a un dos filiais do Sárdoma e do Lóstrego, pola outra.
O Teis foi quen máis sufriu para acadar o pase. As actuais campioas da Copa Vigo tiveron que recorrer á tanda de penaltis tras o empate do Atlético Villalonga B no minuto 90.
Pola súa banda, o Valladares, líder do grupo 2 da Segunda Galicia, goleou ao Cabral por 1-7, evidenciando a diferenza de categoría entre ambos conxuntos. Jimena Gil e Sofía Romero, con dous goles cada unha, e Lucía Vila, autora dun triplete, lideraron a vitoria.
Deste xeito, Teis e Valladares volveranse ver as caras tras a final da XII Copa Vigo, disputada en setembro, na que o conxunto da Terceira se impuxo por 3-2 no último minuto.

O Sárdoma B superou ao Porriño Industrial por 2-4, cos goles de Sofía Vázquez e Martina Slim, un dobrete de cada unha, e enfrontarase ao Lóstrego B, que venceu 1-4 ao Mos. Deste xeito, os equipos de Primeira Galicia confirmaron a súa presenza nas semifinais, garantindo un choque de bo nivel na loita pola final.










































































































































































































































































































































































































































































































































































































































