Hugo Suárez, CSD Arzúa: «O obxectivo é devolver ao club ás categorías altas do fútbol galego»
Hugo Suárez regresou ao CSD Arzúa hai apenas dúas semanas e xa comeza a deixar pegada. O dianteiro, procedente do Puebla de Preferente, estreouse como goleador nesta nova etapa cun dobrete que contribuíu ao triunfo fronte ao Bastavales e mantén ao equipo de cheo na loita polo ascenso.
Nunha categoría tremendamente igualada, co liderado a poucos puntos e varios aspirantes na pelexa, o atacante ten claro o reto: devolver ao Arzúa ás categorías altas do fútbol galego. Tras un cambio de aires necesario a nivel persoal, asegura ter atopado no club o escenario perfecto para recuperar confianza e seguir medrando como futbolista.
Futbolingalicia: Esta fin de semana anotaches os teus dous primeiros goles na túa volta ao Arzúa para facilitar o triunfo fronte ao Bastavales. Como valoras estes dous primeiros partidos?
Hugo Suárez: «Nótase un pouco o salto de Preferente a Primeira, pero iso tamén demostra que é unha liga bonita e moi competitiva. Se vemos a clasificación, hai moitos equipos loitando polo ascenso e iso fala do nivel que hai».
FIG: Estades a só dous puntos dun Calo que leva unha xeira incrible e hai moitos equipos na pelexa polo ascenso. Como ves esta loita?
HS: «É unha liga na que se están deixando moitos puntos. Temos que aproveitar iso, intentar perder os menos posibles e gañar os duelos directos. Agora temos cinco xornadas moi complicadas, pero dependemos de nós mesmos».

FIG: O único obxectivo é ascender?
HS: «O obxectivo é ascender e devolver a este club ás categorías altas do fútbol galego».
FIG: Fai unhas semanas tomas a decisión de saír do Puebla e firmar no Arzúa. Que motivos hai detrás disto?

HS: «A miña decisión de marchar do Puebla tomeina porque estaba nun momento persoal malo e necesitaba un cambio de aires. Creo que o atopei neste Arzúa: compañeiros, directiva, corpo técnico e afección son de dez. Seguro que vou aprender moitas cousas este ano e mellorar como xogador».

FIG: No Puebla levabas sete goles e a pasada campaña anotaches 26 axudando ao ascenso a Preferente. Que valoración fas da túa etapa alí?
HS: «A miña etapa no Puebla foi moi bonita. Quédome con moitos amigos que a día de hoxe vexo no día a día. Foron tempadas nas que mellorei tanto como persoa como futbolisticamente».
FIG: Que cambios notas entre o Arzúa co que debutaches en Terceira e o de agora?
HS: «Ao final, a diferenza entre Terceira Federación e Primeira Rexional nótase moito no ritmo de xogo. Despois, o club segue sendo o mesmo, un sitio onde saben coidar moi ben aos xogadores. Este club merece o mellor».

FIG: Este domingo tedes un partido moi importante ante o Cacheiras, cuarto clasificado. Que encontro esperas?
HS: «Creo que vai ser un partido bastante complicado e moi competitivo polos dous equipos. Nós temos moi claro o obxectivo, queremos ascender e imos ir a todos os campos a demostrar que o merecemos. O equipo está moi concienciado co que queremos lograr».
FIG: Tes algunha meta persoal para este final de tempada?
HS: «No persoal só quero coller confianza para mellorar como xogador e poder devolver ao Arzúa á Preferente».
FIG: Como recordas os teus pasos por Órdenes e Boiro?
HS: «Foron anos bonitos nos que aprendín a ser mellor xogador e madurei como sénior».
FIG: Que aprendiches de cada etapa que viviches na base (Deportivo, Compostela, Pontevedra, Conxo…)?
HS: «Cando estás en canteiras boas cres que es un xogador moi bo, pero ao final, cando saes de aí e pasas a sénior, dáste conta de que hai xente moitísimo mellor ca ti e que necesitas mellorar moito para xogar a un nivel alto. É como vivir nunha nube e baixar á realidade».







































































































































































































































































































































































































































































































































































































