A Segunda RFEF feminina enfila o seu tramo decisivo e os equipos galegos seguen transitando por realidades moi diferentes. Coa liga xa superando o seu ecuador, As Celta, Dépor B e Atlético Villalonga afrontan a segunda metade do curso con obxectivos e necesidades ben distintas.
As Celtas métese na promoción de acenso
O equipo celeste volve a unha posición ilusionante na clasificación. O equipo ocupa a terceira praza con 34 puntos tras 16 xornadas, nun grupo moi igualado na parte alta. A última xornada deixou unha vitoria importante no campo do Atlético de Madrid C (1-3), un triunfo que axuda a volver estabilizarse na senda das vitorias.
Con once vitorias no seu haber, o Celta segue mostrando solvencia competitiva, aínda que a distancia co liderado obriga a non fallar se quere manter opcións reais de loitar polo ascenso directo ou, cando menos, asegurar unha praza de ‘play off’. A próxima cita, o derbi ante o Atlético Villalonga será tamén unha boa oportunidade para seguir sumando.
O filial do Dépor na busca da continuidade
As de Coruña continúa nunha situación máis delicada. Co equipo situado na undécima posición con 15 puntos, a irregularidade está a marcar o seu camiño nesta campaña. A dura derrota ante a Real Sociedad B (5-0) evidencia as dificultades para competir con regularidade fronte aos conxuntos máis sólidos do grupo.
A proximidade cos postos de descenso obriga ás coruñesas a reaccionar canto antes. O encontro da vindeira xornada ante o Racing de Santander preséntase como un test importante para medir a capacidade do equipo de recuperar confianza e afastarse da zona perigosa.

Urxencia na loita pola permanencia do Atlético Villalonga
A situación máis complicada é, sen dúbida, a do Atlético Villalonga. Son as pechacancelas do grupo con só 6 puntos no que vai de liga, cunha única vitoria no seu casilleiro, conseguida fronte ao Bizkerre.
Na última xornada caeron na casa ante o Athletic Club B (1-3), confirmando as dificultades para sumar nunha categoría de gran nivel. Cun balance de 10 goles a favor e 33 en contra, o equipo necesita mellorar tanto en solidez defensiva como en eficacia ofensiva para manter vivas as opcións de salvación.
O partido ante As Celtas na próxima xornada suporá un reto de máxima esixencia, pero tamén unha oportunidade para tentar cambiar a dinámica nun dos poucos desprazamentos próximos.

















































































































































































































































































































































































































































































































































































