A Primeira Futgal entra nun momento clave da temporada e mentres uns líderes comezan a marcar territorio nos seus respectivos grupos, a loita polos postos de play-off está moi aberta. Carral, Bertamiráns, SD Chantada, Verín, Ribadumia e Atlántida Matamá encabezan as clasificacións.
No grupo 1, o Carral continúa á fronte da táboa, aínda que sen marxe para o erro. O Sporting Meicende segue moi de preto aos líderes, a tan só dous puntos, mantendo unha presión constante que promete emoción ata o final do campionato. Algo máis afastado aparece o Galicia Mugardos, terceiro a sete puntos do primeiro posto, pero coa obriga de defender esa praza de play-off. O Orillamar, que aspira a meterse de cheo na pelexa polos postos de privilexio, será precisamente o seu rival nesta xornada nun duelo directo que pode resultar determinante.
No grupo 2, a igualdade é máxima. O Bertamiráns lidera con 36 puntos, pero cunha vantaxe mínima sobre o Arzúa (35), que non perde a estela do primeiro clasificado. Un punto por detrás aparece o Cacheiras, unha das grandes revelacións do curso, demostrando xornada tras xornada que pode competir cos favoritos. Con 33 puntos, Calo e Muxía manteñen intactas as súas opcións.
A situación é ben distinta no grupo lucense, onde a SD Chantada amosa unha clara superioridade. Con 50 puntos, conta cunha renda de seis sobre a SD Residencia, o seu principal perseguidor. A fenda agrándase aínda máis co terceiro clasificado, o Monterroso, que suma 36 puntos, catorce menos ca o líder. Precisamente, Residencia e Monterroso enfróntanse esta fin de semana nun choque clave para definir o play-off. O histórico Ribadeo ocupa a quinta posición con 33 puntos, mentres que a cuarta praza é para o filial do Racing Villalbés, inmerso tamén na loita.
Líderes dos grupos 4, 5 e 6
En Ourense, o Verín é líder con 44 puntos, aínda que a súa recente derrota fixo que o Córgomo, con 39, recortase diferenzas e manteña viva a emoción polo liderado. A batalla polos postos de play-off tamén está moi disputada, con Nogueira —rival do Verín esta fin de semana— e o Sporting Carballiño loitando por un lugar entre os mellores.
O grupo 5 é, sen dúbida, un dos máis competidos. Manda con 48 puntos o Ribadumia, pero o Marín segue á estela cun só punto menos. O Unión, con 45, tampouco perde comba e mantense á expectativa, mentres que o Cordeiro ocupa a cuarta posición, xa a dez puntos do líder de Asados, o que complica as súas súas opcións, aínda que queda liga por diante.

Finalmente, no grupo 6, o Atlántida Matamá consolidou o seu liderado tras varias xornadas de pulso co Vila do Corpus. Os vigueses contan agora cunha cómoda vantaxe de nove puntos sobre o Sporting Guardés e de once sobre o Gondomar, terceiro clasificado, que empata a puntos co Juvenil de Ponteareas. Precisamente, Guardés e Gondomar protagonizarán esta fin de semana un duelo directo que pode aclarar algo máis o panorama na parte alta da táboa.
Con todo por decidir e enfrontamentos directos á vista, a Primeira Futgal promete unha segunda volta cargada de emoción, onde cada punto pode marcar a diferenza entre o ascenso, o play-off ou quedar ás portas do obxectivo.


















































































































































































































































































































































































































































































































































































































