O Rácing Villalbés reafirmou o seu excelente momento de forma na Terceira RFEF cunha vitoria incontestable por 0-4 fronte ao Atlético Montañeiros en San Pedro de Visma. O conxunto chairego volveu amosar unha boa defensa e unha grande eficacia nas xogadas a balón parado. Javi Varela e Herrero puxeron o partido de cara na primeira metade, mentres que Trigo, desde os once metros, completou a goleada cun dobrete no segundo tempo. Con este resultado, os de Juan Rodríguez suma a súa cuarta vitoria consecutiva e consolídase nos postos de play-off. Os coruñeses, pola súa banda, non gañan dende a segunda xornada.
Outro dos protagonistas da xornada foi o Arosa. O seu poderío fixo acto de presenza na Lomba nun espectacular 5-2 ante o Noia. A pesar de chegar ao descanso cunha desvantaxe de dous goles en contra, os arlequinados lograron remontar cunha auténtico ciclón ofensivo na segunda metade. Dous goles de Palmás, e un de Concheiro, Iñaki e Seijo déronlle a volta ao partido. O Arosa sitúase segundo na táboa, igualado con Villalbés e o Somozas, e a tan só tres puntos do liderado.
Quen tamén segue gañando é o lider da categoría. A SD Compostela impúxose este domingo por 3-2 ao Lugo B nun encontro cheo de emoción no Vero Boquete. O conxunto santiagués chegou a dominar con tres goles de vantaxe, pero o filial lucense, un dos equipos revelación da tempada con tan só dúas derrotas, recurtou distancias e fixo sufrir aos locais ata o asubío final.
Tamén destacou a goleada do Estradense diante do Alondras cun contundente 4-0. Carabán abriu a conta aos seis minutos, Dani Pedrosa asinou dous tantos máis e Álex Delgado pechou a goleada no tempo engadido. Este triunfo permite aos da Estrada escalar posicións e manter unha dinámica moi positiva, mentres que o Alondras acusa un novo tropezo e catro xornadas sen sumar de tres.
Os goleadores da Terceira RFEF
No apartado goleador, sobresaen tres nomes: Aday Alcalde (Lugo B), Gabri Palmás (Arosa) e Dani Pedrosa (Estradense), todos con cinco dianas anotadas.
Imaxe de portada: Rácing Villalbés
