Os grupos ao sur da nosa comunidade tamén tiveron auténticos partidazos. Continuamos a repasar a xornada facendo fincapé nas estrelas dunha categoría tan igualada como competida. Chegan os Diferenciais da Primeira Futgal.
O ascenso vaise vender caro
No grupo 4 son varios os equipos na terna polo ascenso. Unha realidade futbolística que promete grandes emocións e unha loita encarnizada polos primeiros postos.
O Sporting Carballiño súmase a estes conxuntos logo de vencer ao Velle por 3 goles a 2. Non foi doado sacar os tres puntos do partido, pois os de Anxo Valcárcel controlaron con dous goles a primeira media hora. A reacción branquiazul foi inmediata e conseguiron remontar grazas á participación de Víctor Gallego. Non pasan os anos polo centrocampista alaricano, que lle deu á volta ao electrónico con dous tantos, o segundo deles na prolongación. Unha actuación que, sen dúbida, puxo en pé á bancada da Uceira.
Nos Medos celebran a primeira vitoria do Brollón no seu feudo. O conxunto adestrado por Chura fixo os deberes ante o Monterrei e sae da parte baixa da táboa ao gañar por 2 a 0. O primeiro da tarde chegou ao pouco de comezar o partido e, preto do descanso, Guiti abraiou aos asistentes cun golazo desde o medio campo. Aproveitando que Diogo se atopaba adiantado, o interior alzou a cabeza e disparou de tal xeito que o porteiro do Monterrei non puido tan sequera interceptar o balón. A partir de entón, o cadro local dedicouse a xestionar a vantaxe ata o final do choque.
Por outra banda, o Muíños logrou salvar un punto do seu enfrontamento ante o Allariz (1-1). O cadro local tivo que facer fronte a un marcador adverso desde os minutos. Pero os branquiverdes non cesaron no seu empeño e conseguiron a igualada cun tanto de Gregorio, que suma xa a súa segunda diana nesta campaña. Logo de pasar polas filas do Velle, o killer ourensán recalou este verán na Moreira decidido a amosar o bo fútbol que atesouran as súas botas. O Muíños aínda non gañou polo momento, pero xa ten ao seu atacante a pleno rendemento.
Non está dita a última palabra
Xa se comeza a percibir un cisma entre os equipos do grupo 5, pero aínda é cedo para falar de “dúas ligas”. E é que ninguén está disposto a dar o brazo a torcer neste inicio de campionato.

Non foi a mellor das tardes para os afeccionados que se achegaron ata Chan da Barcia para animar ao Pontecaldelas. O seu equipo saíu goleado no partido que os enfrontou ao Cordeiro (0-4). Tras un comezo parello, Moi foi o encargado de abrir a lata para o cadro branco e pouco agardou para volver ver porta. O atacante pasa por un momento doce na súa traxectoria futbolística. Proba dilo as 4 dianas que leva neste curso e que lle valen ao seu equipo para situarse ás portas do play-off.
Chegou a primeira nas Cachizas, onde a Unión Dena superou por 4 goles a 0 ao Amanecer. Aínda así, os de Meaño non respiraron tranquilos ata os últimos 15 minutos. A entrada de Alejandro Santorum no terreo de xogo deulle un salto de calidade ao cadro de José Luís Salgueiro. O ariete saíu desde o banco para poñer terra de por medio con dous goles. Minutos despois, os branquiazuis sentenciaron o encontro anotando novamente para conseguir os tres primeiros puntos da temporada. Vitoria balsámica para un Dena que sae dos postos de descenso.

Marcón Atlético e Abanqueiro asinaron táboas tras empatar a un tanto. No Carrasco tiveron que agardar ata a fin da primeira metade para celebrar o primeiro dos seus, obra de Nico Iglesias. Trátase do terceiro gol para o dianteiro, que está a realizar un gran comezo de temporada. O conxunto boirense seguiu a insistir á procura do empate e os seus esforzos tiveron o premio da igualada nos instantes finais. Con este punto, os dous equipos permanecen na zona nobre da clasificación sen pasar apuros.

Tolemia en Vigo e arredores
E igual de competido está o panorama futbolístico vigués. No grupo 6 pode pasar de todo. Como por exemplo que gañe o pechacancelas ou perda o líder para desfrute dos afeccionados
Goián e Candeán chegaron ao Lito Oliveira coa necesidade de gañar. O duelo caeu do lado do conxunto vigués que venceu aos homes de Juan Francisco Rodríguez por 2 goles a 5. David Gil foi o encargado de abrir a lata, pero a cousa non parou aí e o equipo visitante logrou poñerse tres tantos por riba. A pesar de verse abaixo no marcador, os branquiazuis refixéronse e reduciron a diferenza para poñer o 2 a 3. Porén, o Candeán non renunciou ao ataque, cun David Gil pletórico que volveu furar as redes rivais para darlle ao seu equipo a primeira vitoria na competición.
A sorpresa da xornada protagonizouna o Tomiño. O cadro do Alivio superou por 0 a 3 ao Vilaboa, que chegaba como líder do grupo 6. Logo dunha primeira metade sen pena nin gloria, os vermellos racharon coa defensa de Cobres grazas á actuación de Brais Gómez. Os dous goles do tudense serviron para poñer o peche ao partido e acabar coa xeira do Vilaboa, que aínda non perdera ningún punto. Saír do Cabalo cos tres puntos non é tarefa doada, pero o Tomiño soubo utilizar as súas armas para cumprir co obxectivo.
Festa por todo o alto nas Gaiandas, onde o Gondomar goleou ao Caselas (8-0). Os do Val Miñor demostraron todo o seu potencial ofensivo e non tardaron en facerse co control do partido. E entre os seus dianteiros sobresae o nome de Saúl Vecina. Non hai quen pare ao dianteiro vigués, todo un pesadelo para os celestes, que sufriron en primeira persoa o talento do atacante. Inaugurou o electrónico, pechouno e, ademais, viu porta pouco antes do tempo de lecer. Hat-trick para situar aos seus na segunda posición e que tamén lle vale para seguir na loita polo pichichi da categoría.
Que son os Diferenciais?
Os Diferenciais de FutbolinGalicia son eses xogadores que anotan goles chave para os seus equipos, para levar os tres puntos, para salvar un empate in extremis… Tamén os que realizan grandes actuacións individuais. Todo iso recoñecemos nesta sección dos Diferenciais, que iremos actualizando xornada a xornada e para a que agardamos contar tamén coa colaboración dos lectores.

Cada xornada, a Primeira Futgal deléitanos con máis de medio cento de partidos. Como ter ollos en todos e cada un dos campos é imposible, agardamos a vosa participación para completar a listaxe dos Diferenciais.
Podes poñerte en contacto con FutbolinGalicia a través de X ou de Instagram.
Tamén podes acceder ás listaxes dos Diferenciais das pasadas xornadas, premendo aquí.



























































































































































































































































































































































































































































































































