A menos dun mes para que o balón bote a rodar na Terceira RFEF, os bancos dos equipos galegos teñen nome e apelido. Entre continuidades, estreas e cambios, cada club afina as súas pezas para afrontar unha tempada moi emocionante.
SD Compostela, o favorito indiscutible
En Santiago, o proxecto ten un capitán coas ideas claras. José Manuel Martínez Paz, ‘Secho‘, seguirá á fronte do Compostela tras chegar en marzo co reto de salvar ao equipo en Segunda RFEF. Aínda que a permanencia non se logrou, o obxectivo agora é innegociable: regresar á categoría perdida pola vía directa. Sobre o papel, os da capital parten como claros favoritos ao ascenso.
Manuti repite no Estradense
Na Estrada, a aposta é a continuidade porque… Para que cambiar as cousas que van ben?. Manuel Ángel González Beceiro, ‘Manuti‘, seguirá no banco por segundo curso consecutivo. O obxectivo: manter a inercia positiva e, polo menos, igualar a fazaña do pasado curso, no que os rojillos alcanzaron o playoff.
Juan Rodríguez colle o temón en Vilalba
No Rácing Villalbés ábrese unha nova etapa tras a marcha de Alberto López. O elixido foi Juan Rodríguez, actual coordinador da base do club, que afronta a súa primeira experiencia como primeiro adestrador en Terceira RFEF a pesar de que non é un descoñecido na categoría: foi segundo de Simón Lamas tanto na campaña do ascenso a Segunda RFEF (22-23) como na do debut na devandita división.
Novo ciclo en Noia con Alberto Mariano
O Noia, outro dos equipos que xogou a fase de ascenso, confiou o seu proxecto a Alberto Mariano despois do adeus de Iván Carril. O técnico conta con seis tempadas de experiencia en Terceira Federación, nas que logrou ascender ao Estradense desde Preferente e levalo a disputar o seu primeiro playoff. O seu último destino foi o Vilalonga, que non puido evitar o descenso a Preferente. Agora, buscará repetir éxito en terras noiesas co obxectivo de asentar ao club na categoría.
