Coa nova tempada cada vez máis preto, os equipos galegos de Segunda RFEF feminina seguen perfilando os seus cadros con numerosas incorporacións. Mentres As Celtas apostan por seguir medrando cun proxecto ambicioso, o Atlético Villalonga vive unha renovación profunda trala marcha masiva de xogadoras, e o Deportivo B continúa a súa liña de traballo centrada na base, pero tamén reforzando posicións clave.
Hoxe continuaremos desgranando as fichaxes dos equipos galegos que militan nesta categoría nacional.
Atlético Villalonga: nova etapa, novo equipo
Tras unha tempada marcada pola inestabilidade, o equipo viuse obrigado a reconstruír practicamente todo o cadro desde cero. A marcha de moitas xogadoras obrigou ao club a mover ficha no mercado e incorporar perfís diversos, pero intentando apostar por xogadoras con experiencia en categorías nacionais.

Entre as novas caras destacan:
- Nerea Bermudo, porteira que chega do filial do Valencia.
- Laura Martínez, mediocentro galega procedente do Avilés.
- Lucía Pérez, reforzo na defensa con experiencia en Segunda RFEF.
- Iria Otero, con pasado nas categorías inferiores do Deportivo.
- Candela Otero e Noa Santomé, dúas das xogadoras que chegan tras a desaparición da sección feminina do CD Lugo.
- Sabela Gómez, atacante de relevancia no Sárdoma que xogou playoff de ascenso a Segunda RFEF.
- Andrea Otero, capitá do Mos antes da creación das Celtas.
- Anita, peza clave do Lóstrego, que escolle dar o salto de categoría.
- Eva Valverde, outra xogadora máis procedente do Sárdoma.
Coa continuidade no banco de Romina Dadín, o club das Rías Baixas tentará consolidarse na categoría e recuperar estabilidade tras un ano de altos e baixos.
Depor B: continuidade da base e reforzos específicos
O filial branquiazul tamén se moveu neste mercado, malia que mantén a súa aposta firme pola canteira. Unha das principais baixas é a de Paula Monteagudo, que dá o salto ao primeiro equipo. Pola contra, o Depor B incorpora perfís de proxección para seguir sendo un equipo competitivo:


- Jenny Corros, quen xa xogou no Atlético Villalonga fai dúas tempadas e vén do Atlético.
- Sonsoles Martín, nova dianteira.
- Sara Barreda, central asturiana.
- Daniela Balbuena, reforzo para o centro do campo.
A idea segue sendo clara: nutrir ao primeiro equipo mantendo un nivel competitivo alto no segundo, unha fórmula que tan bos resultados deu nos últimos anos.
As Celtas, proxecto ambicioso e reforzos de nivel
Logo dun debut soñado en categoría nacional, con ascenso incluído, As Celtas non queren poñer teito ao seu crecemento e seguen reforzando o equipo con xogadoras de contrastada calidade e experiencia.
Entre os nomes máis destacados:

- Nerea Cuquejo, procedente do Atlético Villalonga e con contrastada experiencia.
- Sol Moreno, reforzo para a portería que chega desde o Madrid CFF co que foi convocada para varios partidos de Liga F.
- Aitana, mediocentro de 20 anos procedente do Atlético Baleares.
- Pañu, defensa ex do Atlético Villalonga.
- Noela Sánchez, atacante orixinaria de Sigüeiro, vén de ascender a 1ª RFEF co Tenerife.
- Tati Barcia, cara coñecida que chega despois dun ano no Deportivo Alavés.
- Sara Debén, defensa de Ponteareas que militou no Avilés.
O equipo que dirixe Vicky Vázquez mantén así o seu carácter competitivo e ambicioso, combinando mocidade e experiencia.