O balón volve rodar nos campos galegos. A pretempada 2025/2026 arranca xa para a maior parte dos equipos galegos, tanto nas categorías profesionais como no fútbol semiprofesional e afeccionado. As primeiras sesións físicas, os partidos de preparación e as probas tácticas marcan o inicio dun novo curso no que todos os conxuntos buscarán mellorar o rendemento da campaña anterior.
O RC Celta foi o equipo galego máis madrugador en iniciar a súa preparación. O conxunto celeste, xa en dinámica de traballo desde hai semanas, leva disputados tres encontros amigables, marcando un ritmo alto nesta primeira fase da tempada. Claudio Giráldez e o seu corpo técnico busca chegar con garantías á primeira xornada de liga, coas ideas claras e o equipo rodado.
O RC Deportivo da Coruña tamén puxo xa en marcha a súa maquinaria. O equipo herculino debutou este mércores nun amigable fronte á SD Compostela, disputado no estadio Vero Boquete de San Lázaro, nun dos clásicos de verán máis habituais nos últimos anos. Os de Riazor comezan así unha pretempada na que teñen moito que probar e perfilar tras unha intensa remodelación no vestiario.
Pola súa banda, o Racing Club Ferrol ten fixado o seu primeiro compromiso de preparación para este sábado, día no que se medirá ao Villalonga CF, un clásico do fútbol galego que servirá para ir afinando automatismos. Tamén o Pontevedra CF debutará esta fin de semana. O conxunto granate fará o seu primeiro test estival fronte á Cultural Leonesa, un rival de entidade que permitirá medir o nivel competitivo dos de Pasarón tras as primeiras semanas de adestramentos.
No caso do CD Lugo, o primeiro encontro da pretempada tamén está marcado para esta semana. O equipo lucense enfrontarase a unha selección de xogadores da Mariña, nun partido que servirá de escaparate para o talento da comarca e de banco de probas para o novo proxecto albivermello.
Próximos comezos
Os equipos galegos da Segunda RFEF tamén están xa inmersos na fase inicial da súa preparación. Algunhas escuadras comezan xa entre o final desta semana e os primeiros días da vindeira. É o caso da UD Ourense, que iniciará os seus adestramentos este xoves, con sesións físicas e as primeiras indicacións tácticas do corpo técnico. Outros equipos da categoría sumaranse ao longo dos vindeiros días, co obxectivo de chegar nas mellores condicións ao arranque ligueiro previsto para finais de agosto.

No caso da Terceira RFEF, a dinámica é semellante: os equipos galegos comezan a súa preparación nestas datas, repartidos entre finais desta semana e inicios da próxima. Os primeiros partidos amigables tamén empezarán a aparecer no calendario, aínda que o foco está, polo momento, en recuperar forma física e cohesionar os vestiarios.
Con todos os equipos xa en marcha ou a piques de comezar, o fútbol galego activa os motores dunha tempada 2025/26 que se prevé ilusionante, intensa e cargada de emocións en todas as categorías.
