En FutbolinGalicia non nos esquecemos de tódolos xogadores, técnicos ou siareiros que pasaron hai anos polas nosas categorías sénior. Eles tamén forman parte do noso fútbol. Sen a súa gran contribución non poderiamos gozar na actualidade dunha gran saúde en categorías tan especiais coma a Preferente Futgal ou a Primeira Futgal. «Os Vintage» é a súa sección. A de todos aqueles que aportaron un gran de area para que o fútbol galego sexa, sen dúbida, do mellorciño do fútbol estatal. Nesta quinta entrega falamos con Kiko, que no seu querido Guitiriz ten feito de todo: xogador, técnico e actualmente directivo. Unha lenda do conxunto do Suso Cruz.
FutbolinGalicia (en adiante FIG): De que equipos formaches parte como xogador?
Kiko: «Sempre xoguei na SD Guitiriz. Dende que empecei sendo cadete, no equipo xuvenil, ata a miña retirada do fútbol afeccionado.»
«Nos últimos anos tamén formo parte do equipo Parga CF de veteranos, aínda que por mor das lesións non puiden axudar nin aportar o que me gustaría.»
Diferentes funcións dentro do Guitiriz
FIG: Estiveches nalgunha outra función distinta a de xogador?
Kiko: «A verdade é que creo que fixen de todo na SD Guitiriz. Durante 8 anos fun adestrador de xuvenís, empezando esa etapa sendo eu xuvenil e adestrando a compañeiros da mesma idade.»

«Tamén fun segundo adestrador do primeiro equipo en varias ocasións con Manolo ‘Patarolo’ e con Michel na súa primeira etapa. Nalgunha época fun adestrador do primeiro equipo por circunstancias especiais, mais durante poucos partidos. E neste momento, dende hai dous anos, formo parte da directiva.»
FIG: Aprecias algunha diferenza significativa entre o fútbol de hai uns anos e o de agora?
Kiko: «A diferenza fundamental é que agora hai moita máis profesionalización. Os adestradores teñen moita formación e os métodos de adestramento cambiaron moitísimo. Trabállase moito o aspecto físico máis específico. Antes non se tiñan tantos coñrcementos. Ademais evolucionouse nos sistemas e na maneira de xogar.»

«Como anécdota pódoche dicir que durante os meus primeiros anos tódolos equipos xogaban cun defensa libre, que seguro que moitos hoxe non saben o que é. Non había ningún equipo xogando con defensa en liña e despois xa foi evolucionando.»

FIG: En entrevistas anteriores desta sección, manifestouse que antes había mellores xogadores a nivel técnico que agora, compartes esa afirmación?
Kiko: «Mirando cara atrás sempre parece que antes eramos mellores, seguramente porque como xogabamos non somos moi obxectivos.»
«En termos de calidade, creo que agora tamén hai moita. Os adestramentos, as condicións físicas e o cuidado dos xogadores tamén melloraron moito, mais si que é certo que boto de menos a competitividade, ilusión, folgos e compromiso que había cando eu xogaba.»
«Antes en cada equipo había 3, 4 ou 5 xogadores dun nivel altísimo, tanto tecnicamente como de competitividade. Normalmente había uns dianteiros moi completos con calidade, velocidade, remate e que ían moi ben de cabeza.»

FIG: Eran máis competitivas as Rexionais, Preferentes e Terceiras de antes cas de agora?
Kiko: «É un tema que falamos habitualmente entre os que estamos arredor do fútbol. Creo sinceramente que si que eran máis competitivas antes. Tamén é certo que a calidade do fútbol, debido as condicións dos terreos de xogo, era moitas veces complicada. Era difícil facer bo fútbol e os partidos eran máis exhibición de forza e poderío, que de fútbol.»
FIG: Continúa Kiko ligado ao fútbol na actualidade?
Kiko: «Como comentaba antes estou actualmente na directiva da SD Guitiriz, que por certo somos un grupo de amigos que nos entendemos moi ben e que estamos tentando axudar o máximo posible para que este equipo siga competindo. Por circunstancias tocoume a min facer de presidente, así que sigo ligado totalmente ao fútbol neste momento.»
Anécdotas e recordos que non se esquecen
FIG: Moitísimos anos no Guitiriz seguro que dan para unha gran cantidade de anécdotas. Algunha a destacar?
Kiko: «A verdade é que hai moitas, pero quédome cunha das moitas que tivemos cun entrenador moi querido que estivo moitos anos no Guitiriz e que se chamaba Camuza. De vez en cando, para rebaixar a tensión no vestuario, cantábanos a canción de Delilah de Tom Jones ou América de Nino Bravo e xa saiamos na segunda parte motivados»
FIG: Na túa carreira como xogador tes algún tramo de tempo que gardes con especial cariño?
Kiko: «Hai moitos momentos que me veñen a memoria: ascensos, Copas Diputación ou descensos. Mais do momento que máis me lembro foi un partido en Foz no que nos xogabamos a permanencia. Esa tempada estivemos sempre en descenso, a maioría no último posto.»
«Fixemos unha segunda volta con 17 partidos consecutivos sen perder e chegamos a ese encontro con opcións de manternos. Se o Foz gañaba, ascendía a Preferente e se nós perdiamos ou empatabamos, descendiamos. O partido ía 0-0 no minuto 93 e nunha contra tras un córner que defendiamos e co Foz volcado para intentar gañar e ascender, tiven a fortuna de marcar gol, gañar o partido e non descender. Este momento non se me esquecerá na vida.»