Estamos de estrea! Benvidos á nova sección dos luns, na que os protagonistas serán os xogadores e equipos da nosa Terceira que destaquen en aspectos importantes do xogo durante a fin de semana. Eles son os xefes da Terceira!
A décimo quinta xornada na Terceira RFEF deixou gran cantidade de situacións a sobresaír. A UD Ourense continúa como líder tras obter unha clara vitoria a domicilio por 0-4 ante o Alondras.
A Sarriana, o seu próximo rival, é o máis inmediato perseguidor dos do Couto tras obter os tres puntos en xogo na Ribela ante o Betanzos. Foi un partido de despedida para o técnico Jaime Paz, que marcha a China para traballar no corpo técnico de Quique Setién no Beijing Guoan FC da Superliga chinesa. Guillermo Oriol, que presenciou o partido de onte ante o Betanzos, é o novo inquilino do banco da Sarriana.
Os equipos xefes da Terceira RFEF galega na xornada 15
- Máis goleador: UD Ourense (4)
- Portaría a cero: Noia, Sarriana, UD Ourense, Arteixo e Boiro.
- Postos gañados na clasificación: Sarriana, Arosa, Villalonga, Boiro (2).
- Mellor resultado: UD Ourense (0-4).
Os xogadores e adestradores xefes da Terceira RFEF galega na xornada 15
- Goleadores: Álex Comparada (Arosa) e Jorge Maceira (Polvorín): 2 tantos.
- Expulsados: Martín Blanco (Gran Peña), Joao Gabriel Carballo (Barbadás), Víctor Gamarra (Estradense), Brais Pereiro (Alondras), Borja Collar e Iván Carril (Noia).
- Adestrador destacado: Jaime Paz. Deixa a Sarriana, para emprender unha aventura exótica na China, na segunda praza da táboa tras unha nova vitoria.
Vémonos o vindeiro luns tras a disputa da última xornada do ano na Terceira. Os Xefes da Terceira adestrarán duro esta semana para rematar o 2024 da mellor maneira posible.