# Hashtag
#Fútbol Feminino #Segunda Galicia Feminina

Miriam Martínez, Ponte Caldelas: «Logramos ascender dous anos seguidos mantendo a base e a esencia do equipo»

O Ponte Caldelas foi un dos equipos que o pasado mes de xuño loitou polo ascenso a Primeira Galicia a través da promoción. Tras caer fronte ao Touro na eliminatoria decisiva, o soño do segundo ascenso consecutivo parecía esvaecerse. Porén, semanas despois, e grazas á reestruturación das categorías do fútbol feminino, o conxunto pontevedrés acabou certificando o seu ascenso e competirá a vindeira temporada en Primeira Galicia.

Unha das referencias do equipo é Miriam Martínez Lorenzo, máxima goleadora do Ponte Caldelas nas dúas últimas temporadas. Na campaña 2024-25 anotou 32 goles e contribuíu a que o conxunto se proclamase campión do grupo 5, logrando o ascenso a Segunda Galicia. Xa na 2025-26, asinou 13 tantos para axudar ao equipo a dar un novo salto de categoría. A futbolista repasa como viviu un ascenso que recompensa o traballo dun grupo que non deixou de medrar.

FutbolinGalicia (de agora en diante, FIG): Como recibistes a noticia do ascenso e que foi o primeiro que pensaches?



Miriam Martínez (de ahora en diante, MM): A noticia recibímola a través do noso entrenador, Sergio, quen nos citou a un adestramento sen que soubesemos nada para darnos a noticia. O primeiro que sentimos foi unha mestura entre alivio e felicidade xa que todo o esforzo da tempada valeu a pena finalmente.

FIG: Que significa este ascenso para o Ponte Caldelas?

MM: Este ascenso para nós significou moito, debido a que logramos o noso cometido, que era ascender dous anos seguidos mantendo a base e a esencia do equipo, cun sistema de xogo identificativo e unha plantilla de xogadoras unidas e remando na mesma dirección.



Por outro lado, o ascenso tamén significou situar no mapa a Ponte Caldelas, dándonos a coñecer ao resto da xente que normalmente non sabía de onde viñamos.

A recepción que lle fixo o concello ao equipo. Foto: Ponte Caldelas Fem.

O segundo ascenso

FIG: Son dous anos seguidos subindo de categoría. Cal cres que é a clave para manter este nivel?

MM: A clave para manter o nivel, eu penso que é conseguir que o equipo se conciencie de que cada ano, precisamente, hai que subir un pouco máis o nivel, non acomodarse no que xa fomos o ano pasado.



Poñerse metas alcanzables antes de comezar a liga é importante para que todos, tanto o corpo técnico como as xogadoras, saibamos cara a onde queremos ir e como afrontalo ao longo da temporada.

FIG: Como foi pasar de pensar que non conseguiades o ascenso a acabar celebrándoo?

MM: Ao principio foi un mal trago que houbo que pasar, debido a que tanto o equipo como a afección estabamos moi motivados para superar a fase de ascenso, a cal, por desgraza, non rematou co resultado que imaxinabamos.

Cabe recalcar que a emoción de ascender a Primeira non foi tanta como o puido ser de conseguir o ascenso a través do playoff, pero, evidentemente, foi unha gran alegría e unha oportunidade que temos pensado aproveitar.

FIG: Fuches a máxima goleadora do equipo. Cómo viviches ti personalmente estas temporadas tendo ese rol ofensivo?

MM: Para min foi un gran pracer poder formar parte desta experiencia no Ponte Caldelas. Foron dous anos con subidas e baixadas que conseguimos afrontar todos xuntos. Ser extremo é un rol que adoptei ao chegar ao equipo e ao que me tiven que adaptar durante este tempo para achegar o que o equipo requiría de min. É por iso que non só foi un camiño cheo de traballo, senón tamén de aprendizaxe. Grazas á talentosa plantilla coa que contamos, os goles chegaron por si sós.



O futuro

FIG: Como afrontades esta nova etapa en Primeira?

MM: Cara á nova temporada temos pensado afrontala con moita enerxía, ganas e cambios a nivel organizativo. O corpo técnico, xunto coa directiva do Ponte Caldelas, adoptou novas medidas para facer que as xogadoras esteamos máis motivadas de cara a este novo reto. Grazas a isto, o fútbol feminino en Ponte Caldelas vese cada vez máis arroupado e cun bo futuro de cara ás próximas temporadas.

Miriam Martínez, Ponte Caldelas: «Logramos ascender dous anos seguidos mantendo a base e a esencia do equipo»

Os Vintage: SD Amanecer 2017/2018