Hai pouco máis dunha semana, Borja Iglesias proclamouse campión do mundo coa selección española de fútbol. O atacante picheleiro puxo ao noso fútbol no mapa, tal e como fixeron outros xogadores galegos con anterioridade. E ollo, porque non é preciso irse moi lonxe para atopar a algún destes referentes que brillaron coa camiseta vermella. En FutbolinGalicia quixemos recuperar os casos máis recentes e dedicarlles estes artigos.
O killer de Silleda
Se un compara a traxectoria de Borja Iglesias coa de Joselu Mato non tardará en decatarse das semellanzas entre unha e outra. Chegar a elite non foi doado para ningún dos dous e, no caso do dianteiro de Silleda, foi necesario saír fóra para saborear as meles do éxito. Tras pasar pola canteira do Celta e a do Real Madrid, viuse na obriga de facer as maletas. Primeiro, a Alemania, onde xogou para tres equipos diferentes, e logo, para Inglaterra. Nas illas británicas volveu a Galicia por unha tempada, contribuíndo á salvación do Dépor na tempada 16/17.

Pero Joselu non regresaría a España ata o ano 2019, cando fichou polo Deportivo Alavés. Alí non baixou dos 10 tantos por curso, o que lle valeu para espertar o interese dun dos clubs con máis historia da Primeira División: o Español. Pese a ter xa 32 anos, o seu rendemento foi espectacular e deixou unha gran pegada en Barcelona logo de asinar 16 dianas na competición. Esas cifras permitíronlle alzarse co Trofeo Zarra e acudir por primeira vez á chamada da selección española.
Mellor debut imposible
O 25 de marzo de 2023 quedou gravado para sempre no corazón de Joselu Mato. Por fin vestiría as cores da ‘Roja’, aquelas que xa tivera a oportunidade de defender nas categorías inferiores pero nunca co equipo absoluto. E as cousas non puideron ir mellor. O xogador perico ingresou ao campo a falta de dez minutos para o final, cando España gañaba por un único gol a Noruega.
Aos dous minutos tocou por primeira vez o esférico, introducíndoo na caixa cunha sutil cabezada. A Rosaleda estoupou de ledicia co segundo tanto e Joselu celebrouno por todo o alto: debut e gol con España. Pero a súa actuación non rematou aí e, apenas uns segundos despois, aumentou a súa contía persoal para sellar a vitoria vermella ante os noruegueses. O debutante máis veterano na historia da selección resultou determinante para asegurar o triunfo, e foi así como o seu nome comezou a ser habitual nas listas de Luis de la Fuente.
De regreso ao Real Madrid, volveu deixar partidos para o recordo –chegou a anotar 17 veces en todo o curso– asegurando a súa praza entre os 26 convocados para desputar a Eurocopa de 2024.

Tocar a gloria
Se ben non viu porta en todo o torneo, Joselu aportou o seu gran de area na consecución da Eurocopa. Disputou máis de 70 minutos fronte a Albania e saíu desde o banco nos cuartos de final, cando España se enfrontou á anfritrioa, Alemaña. Ningún galego participara coa »Roja’ cando esta se fixo co ‘triplete’ -as vitorias na Euro de 2008 e 2012 ademais do Campionato do Mundo no 2010– polo que o killer de Silleda rachou cunha seca de 60 anos sen que ningún xogador galego conseguira un título coa selección masculina absoluta.
O seu precedente non foi outro que Marcelino, nado en Ares, dianteiro do Real Zaragoza e autor do tanto co que España derrotou á Unión Soviética para facerse co seu primeiro campionato continental. Pois ben, Joselu recolleu o seu testemuño e non puido deixar ao fútbol galego nun mellor lugar.











































































































































































































































































































































































































































































































































































































































































































































