# Hashtag

Unha conversa moi Diferencial: Fran Moreira (Muxía)

Hoxe temos en FutbolinGalicia unha conversa moi Diferencial con Fran Moreira (Arou, 2001). O pichichi do Grupo 2 da Primeira Futgal repasa o seu curso futbolístico, o cal culminou da mellor forma posible: gañando a Copa da Costa co Muxía.

Fran Moreira controla o esférico ante a marca dun rival do Malpica. FOTO: MARIÑA BUSTO/MUXÍA CF

FutbolinGalicia (de agora en diante, FIG): 23 goles nunha campaña onde superastes as expectativas, tanto no individual como no colectivo. Que balance fas desta tempada 25-26?

Fran Moreira (de agora en diante, FM): Foi unha tempada moi boa e que non sería posible sen o apoio dos meus compañeiros. Axudarónme sempre e contribuíron de maneira significativa a que conseguira esa cifra de goles. Débolles moito.



FIG: Así e todo, non comezastes ben: unha única vitoria nas nove primeiras xornadas. Houbo ‘conxura’ para iniciar a remonta?

FM: A verdade é que non. Sabemos que a tempada é moi longa e non todo é como comeza, senón como un remata. Confiamos en nós mesmos e puidemos sacar o ano adiante. Iso si, é certo que levamos uns anos nos que nos costa arrincar con bo pé na liga.

FIG: Batestes ao Arzúa en Arliña. Xogar na casa pode ser unha das vosas maiores fortalezas? Consideras que baixades o nivel fóra da casa?



FM: Desde que cheguei ao Muxía, Arliña sempre foi un fortín. No noso campo xogamos con outra confianza e o apoio da afección nótase bastante cada fin de semana. Non é só que nos apoien cando xogamos como locais, senón que tamén veñen con nós a todos o partidos de fóra. Antes quizais dependíamos máis de sacar os partidos en Arliña, pero estes últimos anos estamos a mellorar cando toca xogar de visitantes.

FIG: Chegastes a situarvos na segunda poisición logo de encadenar varios triunfos consecutivos. Era o obxectivo inicial? Pensas que puidestes loitar ata ao final ou xogar liga e Copa da Costa minguou as vosas posibilidades de ascenso?

FM: O noso obxectivo era conseguir os máximos puntos para asegurar a permanencia canto antes. Cando nos vimos tan arriba penso que nos relaxamos un pouco, pero por plantel e nivel temos bastantes capacidades para pelexar por eses postos nun futuro. A ver se o podemos conseguir este anos.



FIG: Xogadores da mesma zona, de idades semellantes, cun técnico que coñece o clube e unha afección que responde. Hai algún segredo por revelar? Cal cres que é a chave do voso éxito?

FM: A chave é que todos xuntos somos unha familia. Non hai ninguén mellor que o outro e todos somos iguais. A amizade que temos fóra do campo ao nótase tamen dentro del, onde loitamos e metemos a man no lume por todos. A nosa afición non ten palabras porque é un escandalo.

FIG: Na primeira rolda da Copa da Costa sufristes contra o San Lorenzo. Tería sido unha decepción caer tan cedo, logo de quedarvos ás portas de gañar a competición no 2025?

FM: Sabemos que a Copa é moi dificil, xa que non hai rival fácil e moito menos cando xogas fóra da casa. Tiñamos a espiña cravada do ano pasado e ao final eso era un plus de motivación para nós. Sabiamos que non podiamos deixar escapar máis oportunidades, porque non as imos ter sempre.

FIG: Viches porta en semifinais, contra o Sofán, e grazas a ese tanto clasificástesvos á final. Foi o teu mellor gol da tempada?



FM: Penso que si, sobre todo pola importancia que tivo o gol. O que che quita o fútbol, tarde ou cedo dácho e creo que ese día devolveume a tristura da final pasada,

FIG: Que supuxo para ti gañar por primeira vez a Copa da Costa?



FM: Despois de tanto tempo intentando conseguilo foi un orgullo. Sobre todo para a vila de Muxía, que tanto o merecía e tantos anos quedou ás portas. Faime máis feliz por eles que por min mesmo. Agardo que non sexa a última e que eu estea na vindeira ocasión para levantala tamén.

FIG: Máis dun milleiro de afeccionados no Irmandiño de Vimianzo. É único o fútbol na Costa?

FM: Non hai outro fútbol como o da Costa. Incluso xente doutras zonas tolea por querer vivir un partido da Copa da Costa. Ao final, é unha sensacion que non se pode explicar e que lle recomendo a todo o que poida, ben sexa vivila como xogador ou como espectador.

FIG: Que campo lle queda a Mauro Romaní por facer a proba do conguito?

FM: Penso que ningún. Os que suben ou baixan este ano supoño. Vai ter que comezar a renovar máis o contido que sube, se non véxollo mal este ano.

FIG: Vés de asinar a renovación. Corviño para toda a vida?

FM: Agardo que si. Estou moi feliz en Muxía.

Que son os Diferenciais?

Os Diferenciais de FutbolinGalicia son eses xogadores que anotan goles chave para os seus equipos, para levar os tres puntos, para salvar un empate in extremis… Tamén os que realizan grandes actuacións individuais. Todo iso recoñecemos nesta sección dos Diferenciais, que iremos actualizando xornada a xornada e para a que agardamos contar tamén coa colaboración dos lectores.

Como ter ollos en todos e cada un dos campos é imposible, agardamos a vosa participación para completar a listaxe dos Diferenciais.

Unha conversa moi Diferencial: Fran Moreira (Muxía)

Unha conversa moi Diferencial: Iago Seijo (Galicia

Unha conversa moi Diferencial: Fran Moreira (Muxía)

Unha conversa moi Diferencial: Fran Moreira (Muxía)