A xente chegou ao primeiro fin de semana de maio con gañas de aproveitar a ponte, pero a chuvia botouno todo a perder. Moitas mini-vacacións foron canceladas, aínda que non hai mal que por ben non veña! Os afeccionados máis fieis tiveron a súa dose do deporte rei, tanto nas categorías máis profesionais como no fútbol rexional. Precisamente, a Primeira Futgal –e os seus xogadores máis Diferenciais –protagonizaron un bo espectáculo para comezar o mes.
Máis diverso imposible
Polas terras herculinas houbo resultados capaces de sorprender a calquera seareiro que siga a actualidade deportiva do grupo 1, onde pode pasar de todo nunha fin de semana.
Por exemplo, o Oza Xuvenil endosoulle un claro e contundente 7 a 0 a un indolente Perlío. Aos coruñeses custoulle pouco arrincar e, antes de chegar ao entretempo, xa viran porta ata en tres ocasións. O guión non mudou nos seguintes corenta e cinco minutos e as quenllas non cesaron de atacar a portería do cadro de Fene. Co 5-0 e as cousas xa encarriladas, Imad sumouse á festa do Oza selando un dobrete nun visto e non visto. Procedente do Vitoria, o dianteiro alxerino está a realizar un gran papel coa camisola azul.
Co seu triunfo por catro goles a dous fronte ao Sporting Cambre, o Carral continúa asentado no liderado do grupo. O conxunto panadeiro saíu enchufadísimo ao terreo de xogo e en cuestión de media hora puxo terra de por medio con tres dianas. Boa parte de culpa tivo Sergio Iglesias, quen asinou una dupla de anotacións ante o seu ex equipo. Con todo, os cambreses repuxéronse dos golpes do seu rival, achegándose no electrónico ao volver dos vestiarios. Pouco despois, o Carral volveu ao ataque e sentenciou o choque cun cuarto tanto.
Olímpico e Sporting Meicende non pasaron do empate en Vilaboa (1-1) e tiveron que conformase co reparto de puntos. Logo dun inicio igualado e con ocasións para ámbalas dúas escuadras, Djibril conseguiu abrir a lata para os arteixáns. Dá igual se sae desde o banco ou se o fai como titular, porque o mediocentro sempre aporta o seu gran de area á medular albivermella. Neste ocasión, o seu gol non valeu de moito porque os locais reequilibraron a balanza ao comezo da segunda parte.

Moito por dicir
A estas alturas do campionato, un pode pensar que xa está todo máis que sentenciado. Pero este non é o caso do grupo 2…

Polo momento, o Arzúa non erra e saca peito unha vez máis ao golear por 1 a 5 á Esteirana. Aínda non rematara de asubiar o colexiado cando o ‘Queixo Mecánico’ xa fixerar o primeiro da tarde no Xosé Luís Vara. A partir de entón, as forzas quedaron parellas e o combinado costeiro comezou a chegar con perigo á meta visitante. Reduciron a fenda ata o 1-2 mais, a aparición de Hugo Súarez desde o banco resultou decisiva para os intereses arzuáns. O killer de Rianxo logrou un hat trick en apenas dez minutos, salvándolle o pelello aos seus no treito final.
Máis axustado foi o Queixas–Castriz, onde o cadro da Revolta bateu por tres goles a dous ao de San Pedro. Iso si, primeiro deberon poñerse as pilas, xa que encaixaron unha diana nada máis comezar o partido. Brayan fixo a igualada ao bordo do descanso e, non contento con iso, furou as redes rivais unha vez máis para darlle á vantaxe ao Queixas. Os branquiazuis aumentaron a diferenza, aínda que os homes de José Barca non llo puxeron doado e achegáronse novamente no marcador a pesar de rematar caendo.
Chegan boas noticias ao Municipal de Rebordelo, xa que o Calo puxo fin á súa mala xeira a costa do Racing San Lorenzo (4-0). Os de Teo saíron co coitelo entre os dentes e asediaron ao seu contrincante na primeira media hora. Non frearon co paso dos minutos e, xa no segundo tempo, puxeron a sentencia ao enfrontamento por mediación de Cristian Vieites. Tras o seu paso pola canteira do Conxo, o atacante enrolouse nos xuvenís do Calo e agora, no seu primeiro curso como xogador senior, leva xa 8 goles en menos de 15 participacións co seu club.

Non se pode desaproveitar a oportunidade
As balas que quedan na recámara son máis ben poucas e os equipos da provincia de Lugo sábeno ben, por iso están dispostos a loitar con unllas e dentes por cada punto en liza.
Santa Cruz celebrou por todo o alto a goleada do Lourenzá fronte ao Atlético Escairón (4-1). Conscientes da necesidade se sumar de tres, os fabeiros dispuxeron toda a carne no asador sendo os primeiros en golpear. Mantiveron a intensidade durante os 90 minutos, grazas en parte ao bo labor do seu dianteiro Casanova. Súa foi a terceira diana, a cal lle serviu aos xogadores adestrados por Rubén Acebedo para coller distancia. Na prolongación, o Lourenzá púxolle o peche a un encontro que dominaron desde os primeiros compases do xogo.
Tamén colle aire o Oural, logo de gañar por 2 a 1 o seu compromiso desta xornada ante o Iberia. Os goles non chegaron ata o segundo tempo, cando os de San Miguel de Reinante fixeron o primeiro no Luís Pallín. Nin un minuto pasou e os cementeiros devolveron a estocada para darlle máis emoción ao duelo. Pasaron os minutos e nin uns nin outros foron capaces de sumar outro tanto ao seu contador, ata que Cayuela rematou un córner no engadido para darlle ao Oural tres valiosos puntos na pelexa pola permanencia. Unha vitoria que, por outra banda, afunde ao Iberia e o deixa sen opcións de continuar na Primeira Futgal.
Alegría no Pepe Barrera, coa vitoria por catro goles a un do Ribadeo ante o Foz. A expectación co derbi da Mariña era grande e ningún dos dous cadros decepcionou aos seus seareiros. Tras un inicio no que as idas e voltas foron unha constante, Mario deulle certa tranquilidade aos seus coa súa anotación. Cunha vantaxe de dous goles, os de Dani Moirón xestionaron moito mellor o balón e acabaron con toda esperanza focense co segundo de Mario. O asturiano vestiuse de dianteiro para certificar o triunfo dos seus cun fantástico dobrete.
Que son os Diferenciais?
Os Diferenciais de FutbolinGalicia son eses xogadores que anotan goles chave para os seus equipos, para levar os tres puntos, para salvar un empate in extremis… Tamén os que realizan grandes actuacións individuais. Todo iso recoñecemos nesta sección dos Diferenciais, que iremos actualizando xornada a xornada e para a que agardamos contar tamén coa colaboración dos lectores.

Como ter ollos en todos e cada un dos campos é imposible, agardamos a vosa participación para completar a listaxe dos Diferenciais.

































































































































































































































































































































































































































































































































































































































































