Logo de dúas semanas cunha situación meteorolóxica bastante favorable, o mal tempo presentouse de novo nas nosas terras. Os días de sol xa quedan atrás e son substituídos pola chuvia e as nubes, o que supón a volta dos campos enlamados e os paraugas nas bancadas. Xa o di o refrán: “Ata o 40 de maio, non quites o saio!”. E ata chegar ao 17 de maio –un pouco antes dese 40 –calquera dos equipos da Primeira Futgal ten oportunidade de acadar os seus obxectivos. Para iso contan coa axuda inestimable dos Diferenciais, capaces de decidir un partido cando entran en xogo.
O apuro das últimas xornadas
Xa non hai marxe de erro. Quen queira acadar ese posto de play-off ou de salvación debe enfrontar este sprint inicial coa mesma ambición que os seguintes equipos do grupo 4…
Custou, pero o Brollón volver saborear as meles da vitoria ao deixar na cuneta ao Antela B (2-0). Aqueles afeccionados presentes nos Medos esquecerán de seguro a primeira metade, onde non houbo tan sequera ocasións. Tras o paso polos vestiarios, os locais meteron unha marcha máis e inauguraron o marcador por mediación de Castañer. Quen se non? A cousa non quedou aí e o atacante volveu á carga para asinar un dobrete na súa conta particular, sentenciando ao filial limiao. Mes e medio despois, o Brollón pon fin a súa mala xeira con tres puntos valiosísimos na procura da permanencia.
A fin de semana foille máis doada ao Muíños, pois o cadro da Moreira goleou por un contundente 1 a 4 ao Melias. Os da Baixa Limia fóronse ao descanso en vantaxe e, nada máis regresar da caseta, ampliaron a súa renda ao converter unha pena máxima. Álex Fernández foi o encargado de executar o lanzamento desde o punto fatídico e non errou, sumando o seu terceiro tanto nesta campaña. En apenas dez minutos, o Muíños golpeou ata en dúas ocasións acabando con toda esperanza de remontada por parte do seu rival. E é que os de Pereiro de Aguiar tan só puideron maquillar o resultado no treito final.
Tamén se viviu outra goleada no Bañadoiro, onde o Córgomo impuxo a súa lei fronte ao Loñoá (5-1). O combinado da cerámica amosou resistencia durante os primeiros compases do xogo, defendéndose con uñas e dentes nun dos campos máis complicados da provincia. Iso si, tan só puideron conter aos de Vilamartín de Valdeorras ata o 45. Pouco despois, Dani Real aumentou a contía, encamiñando o triunfo para os seus. Nin a diana visitante puido evitar que o Córgomo deixara de pisar o acelerador, levándose os tres puntos grazas ao hat trick do seu capitán e home gol. Un Dani Real que se coloca agora mesmo como o pichichi da competición.
Un bo papel
Coas únicas incógnitas de quen se vai levar o ascenso e quen vai caer a Segunda Futgal, o grupo pontevedrés non presenta unha grande motivación para os equipos da zona media. Aínda así, estes continúan a desenvolver un gran papel na categoría mentres van á busca de novos obxectivos.

Chan da Barcia acolleu a gran sorpresa da xornada coa derrota do Marín a mans dun sensacional Pontecaldelas (2-1). Logo dunha primeira metade gris e lenta, Berto puxo por diante aos verdes cun auténtico mísil que desatou a tolemia no banco local. O líder quedou tocado, pero non fundido, e puido reequilibrar a balanza a falta dun cuarto de hora para o remate do encontro. Ningún dos dous contrincantes renunciou ao ataque, poñendo toda a carne no asador con tal de levarse os tres puntos. Foi entón cando Berto volveu furar as redes morracenses para asegurar un triunfo histórico dun Pontecaldelas que está a pasar polo mellor momento da temporada.
Por outra banda, o San Martín impúxose por catro goles a un ante o Unión Dena. O gran comezo dos de Vilaxoán permitiulles tomar vantaxe ben cedo, adiantándose aos dez minutos do asubío inicial. Minutos máis tarde, a escuadra dirixida por Pedro Carregal aumentou a diferenza ata o 3-0, obra de Víctor. O xogador arousán non cesou no seu empeño e ampliou a renda coa segunda diana na súa conta particular. Tombado sobre a lona, o Unión Dena só puido converter o gol da honra.

Tamén remata a mala dinámica do Campo Lameiro despois de gañaren por 0 a 2 o seu duelo ante o Abanqueiro. Pasado o primeiro cuarto de hora, Couso abriu a lata para o cadro dos petróglifos. Chegado desde as filas do San Adrián, o atacante non dispuxo de moitos minutos até o de agora mais, cando lle tocou saír, deixou o seu selo. A reacción do Abanqueiro non deu chegado en ningún momento e os de Chan da Barcia aproveitaron a situación para poñerlle o peche ao duelo cunha segunda anotación.

Cómpre facer os deberes
O grupo olívico vaise apertando cada vez máis, cos diferentes conxuntos loitando por evitar a queima do descenso. Nunca se sabe cando un punto pode resultar decisivo para garantir a permanencia na categoría raíña do fútbol rexional.
Tirar de épica é unha forma completamente válida de levarse os tres puntos. Que llo pregunten ao Progresista, pois os de Salvaterra de Miño impuxéronse ao Sporting Guardés cun gol nos intres finais do duelo (1-0). A igualdade foi unha constante no Oural, con ambos equipos protagonizando unha dura disputa durante os 90 minutos. Alentados pola bancada vermella e branca, os xogadores de Sebastián Insagaray sacaron folgos de onde non os había e conseguiron derrotar ao seu rival grazas a Hugo. A súa diana serviulle aos seus para certificar a vitoria e a salvación matemática con cinco xornadas de antelación.
Unha meta que tamén busca o Caldelas logo de superar ao Racing Castrelos por tres goles a cero. Necesitados dunha alegría, os tudenses plantáronse no céspede de xogo coas ideas claras e adiantáronse aos vinte minutos. Pouco despois, Carlos Cora ampliou a súa renda para desesperación do conxunto vigués, incapaz de responder ás ofensivas locais. O ritmo de xogo decreceu na segunda metade ata que volveu aparecer Carlos Cora para furar por segunda vez as redes do Racing Castrelos. Procedente do Arcade, o killer olívico non puido estrearse mellor co seu novo equipo, asinando un dobrete que lle permite ao Caldelas soñar con seguir un ano máis na categoría.
Vilaboa e Vila do Corpus non pasaron do empate a 2 no Cabalo. Os de Cobres fixéronse rapidamente co dominio do balón e conseguiron ver porta nunha boa acción culminada por Juanjo. Despois de pasar pola canteira do Alondras e o senior do Cruceiro do Hío, o xogador cangués está a demostrar todo o seu arsenal ofensiva no seu debut en Primeira Futgal. Á volta dos vestiarios, o Vilaboa aumentou a diferenza, malia que non puido conservar a vantaxe e rematou cedendo un empate antes os ponteareáns.
Que son os Diferenciais?
Os Diferenciais de FutbolinGalicia son eses xogadores que anotan goles chave para os seus equipos, para levar os tres puntos, para salvar un empate in extremis… Tamén os que realizan grandes actuacións individuais. Todo iso recoñecemos nesta sección dos Diferenciais, que iremos actualizando xornada a xornada e para a que agardamos contar tamén coa colaboración dos lectores.

Cada xornada, a Primeira Futgal deléitanos con máis de medio cento de partidos. Como ter ollos en todos e cada un dos campos é imposible, agardamos a vosa participación para completar a listaxe dos Diferenciais.
















































































































































































































































































































































































































































































































































































































































