O Verín CF continúa firme no liderado do grupo 4 da Primeira Futgal e dá un paso máis cara ao ascenso tras unha tempada marcada pola regularidade. A falta de seis xornadas, o conxunto ourensán mantén unha importante vantaxe sobre os seus perseguidores e depende de si mesmo para lograr o obxectivo.
Un dos nomes propios do momento é Jorge Aires, protagonista inesperado na última xornada tras asinar un hat-trick ante o Melías. O central destaca o compromiso do equipo nun curso cheo de dificultades e pon en valor a solidez defensiva como unha das claves para estar na cabeza.
Futbolingalicia: O Verín encabeza o grupo 4 da Primeira Futgal. Que valoración fas do que vai de tempada?
Jorge Aires: «Creo que estamos a realizar unha tempada moi boa en todos os sentidos. Está claro que tivemos momentos mellores e outros máis complicados, pero en xeral o equipo estivo a un gran nivel durante toda a liga. A disposición e o compromiso de todos foron clave, sobre todo tendo en conta as dificultades que tivemos para adestrar. Por culpa da choiva estivemos moitos meses sen poder adestrar con normalidade: o campo das Escolas Deportivas estaba a medio arranxar e o José Arjiz en malas condicións. Iso fixo que moitas veces tivésemos que adestrar no ximnasio municipal, en Chaves ou incluso en pistas de fútbol sala. Por iso creo que a implicación do grupo foi fundamental para estar onde estamos agora».
FIG: Levades sete puntos de vantaxe sobre o Córgomo e nove sobre o Sporting Carballiño. Como ves a loita polo ascenso nestas últimas seis xornadas?
JA: «Creo que estamos moi ben posicionados para lograr o obxectivo, aínda que non hai nada feito. Cada partido que pasa achéganos máis á meta de gañar a liga, pero nestas últimas xornadas temos que apertar máis ca nunca. Respecto aos rivais, penso que tanto o Córgomo como o Sporting Carballiño están a facer as cousas moi ben e merecen estar arriba loitando polo ascenso».

FIG: Sodes a defensa menos goleada da liga. Que importancia está a ter a solidez defensiva na tempada?
JA: «É un factor clave. Canto menos encaixes, máis preto estás de gañar partidos ou, polo menos, de puntuar. A solidez defensiva está sendo moi importante para nós».
FIG: No último partido antes da Semana Santa anotaches un hat-trick na goleada fronte ao Melías (5-1). Como se deu isto sendo defensa?

JA: «A verdade é que nunca esperaba marcar un hat-trick sendo central. O primeiro gol foi tras unha condución na que superei dúas liñas do rival, cedín o balón ao lateral esquerdo, que centrou, e Junior deixouno de cara para que eu rematase de volea polo primeiro pau. O segundo nace dun saque de banda do Melías: anticípome ao dianteiro, combinamos cun par de pases e quedo só para conducir cara á portería e definir cruzado. E o terceiro foi nun córner ao punto de penalti que conseguín rematar».

FIG: É o teu primeiro triplete no fútbol sénior?
JA: «Si, é o primeiro. Recordo marcar algún en categorías inferiores, pero nunca pensei en conseguilo como sénior, e menos sendo defensa».
FIG: Necesita o club conseguir o ascenso a Preferente?
JA: «Desde o inicio da tempada deixouse claro que o obxectivo é o ascenso. O Verín ten que estar, como mínimo, en Preferente».

FIG: Que efecto tivo no equipo a eliminación na Copa Deputación por aliñación indebida?
JA: «Saímos moi tocados dese partido, porque a Copa é unha competición importante para nós. Durante unhas semanas démoslle voltas ao tema, porque queriamos facer un bo papel, pero tamén nos serviu para centrarnos aínda máis no obxectivo principal, que é gañar a liga».
FIG: Como se viviu o descenso do ano pasado?
JA: «Foi un mazazo moi duro. Viñamos de descender na 22/23, logo conseguimos ascender e gañar a Copa na 23/24, e ao volver a Preferente a idea era asentarnos e medrar pouco a pouco. Non o logramos e foi un ano moi complicado para todos. No meu caso, seguramente o máis duro como sénior».
FIG: Era unha necesidade persoal quedar e intentar volver a Preferente?
JA: «Ao rematar a tempada pasada recibín ofertas de equipos de categorías superiores con proxectos interesantes. Pero desde o descenso, e coa chegada da nova directiva, tiña claro que o meu obxectivo era quedar e intentar ascender co Verín».
FIG: Este ano tiveches a oportunidade de representar a Ourense nun amigable benéfico ante o Celta en Balaídos. Que significou para ti?
JA: «Cando nos comunicaron o partido estaba lesionado, pero por sorte puiden adiantar prazos e chegar a tempo. Foi un día moi especial, porque me sentín como un profesional, non só no partido, senón tamén na convivencia cos compañeiros. Xogar en Balaídos e ter alí a familiares e xente próxima foi algo moi bonito, unha experiencia que non esquecerei nunca».












































































































































































































































































































































































































































































































































































































































