A xornada no grupo galego da Terceira RFEF deixou un resultado que sacode a clasificación e comprime a loita tanto polo ascenso como pola permanencia. A vitoria do Silva ante a SD Compostela (2-1) na Grela foi, sen dúbida, a gran nova da fin de semana.
O conxunto coruñés, antepenúltimo e en postos de descenso, deu un golpe enriba da mesa ao impoñerse ao líder da categoría. Os tres puntos permítenlle ao Silva recurtar distancias coa zona de salvación e reengancharse á pelexa pola permanencia.
Para o Compostela, pola contra, a derrota supón un serio aviso. É a segunda caída da tempada -tras a sufrida en xaneiro no Barco- e vén a confirmar o momento máis difícil do curso para os da capital. O líder suma só catro puntos dos últimos doce en xogo, cun balance de dúas derrotas, unha vitoria e un empate que reduciu de maneira considerable a súa vantaxe no alto da táboa.
O Arosa mantén a liña ascendente
Esta situación está a ser aproveitada polo Arosa, que xa se sitúa a tan só dous puntos do liderado (cun partido máis). O conxunto arlequinado cumpriu coa súa parte ao impoñerse por 0-2 no campo do pechacancelas, o Barbadás, nun encontro que confirmou a súa solidez e capacidade goleadora. Así, sen coñecer a derrota neste inicio de 2026 e sendo o equipo máis realizador da categoría, o Arosa xa é a principal ameaza para o Compostela.
A importancia do Cambados-Compostela
Malia o revés, o Compostela aínda conta cunha baza: o partido aprazado fronte ao Cambados. O encontro disputarase o vindeiro sábado no Municipal de Burgáns. Pola súa banda, o resto de equipos terán xornada de descanso debido ao compromiso da selección galega UEFA na fase final española da Copa das Rexións.
Un Barco imbatible
Outro dos equipos que merecen unha mención á parte é o Barco. Os de Valdeorras son o equipo máis enforma da Terceira, con cinco vitorias consecutivas, a última delas no Salvador Otero fronte ao Céltiga por tres tantos a cinco.

































































































































































































































































































































































































































































































































































































