O regreso da Primeira Futgal coincidiu co paso polo Ecuador na categoría. Pero, a pesar de chegar a este avanzado punto, aínda quedan moitas frontes por resolver nos diferentes grupos, onde os equipos continúan a loitar para acadar as súas metas. Apoiados nos seus xogadores máis Diferenciais, inician agora este segundo treito da máxima competición nas divisións rexionais galegas.
Pelexar por un oco nos play-off
Se un lle bota unha ollada á taboa clasificatoria, poderá ver a escasa diferenza de puntos que separa aos aspirantes ás prazas de ascenso. O Verín sácalle unha boa distancia aos seus competidores, pero as cousas atópanse máis igualadas no seguinte chanzo.
Nese grupo está o Nogueira, que ocupa a terceira posición logo de golear por 7 a 1 ao Allariz. O cadro da Tella fixo valer a súa lei desde os primeiros compases de xogo, índose aos vestiarios cunnha vantaxe de dous tantos. Tras o reinicio, Isi ampliou a renda e, media hora despois, volver ver porta para asinar un dobrete e contribuír á vitoria dos afiadores, que non deixaron de pisar o acelerador ata o final.
Pretiño deles está o Sporting Carballiño, vencedor do seu duelo ante o Melias (4-1). A Isra bastoulle cos primeiros vinte minutos do encontro para anotar dous goles e poñer terra de por medio. O centrocampista da Uceira está a asinar unha magnífica campaña nas filas dos branquiazuis, sumando xa a súa décima diana na competición. Ao volver do descanso, o Sporting ampliou a súa renda e, aínda que o seu rival reduciu a diferenza, aseguraron a vitoria cunha cuarta anotación.
No Ribeiro respiran máis tranquilos, pois o Francelos derrotou ao Monterrei por un gol a tres e sae dos postos de descenso á Segunda Futgal. Así e todo, as cousas non comezaron nada ben para os homes de Tomás Cibeira, que encaixaron á media hora de encontro. Iso si, a súa faciana mudou nos seguintes 45 minutos e, logo de conseguir a igualada, Róber deulle a volta ao electrónico cun dobrete. Para enmarcar a actuación ao extremo de Cortegada, cuxa actuación lle permitiu aos seus sumar de tres nesta xornada.
Mesma idea, diferentes obxectivos
Na actualidade, o grupo 5 semella estar dividido en varias ‘ligas’, cuxos obxectivos non poden ser máis distintos. Mentres o triunvirato segue na cabeza, hai outras escadras dispostas a loitar por cada punto disputado.

Custoulle, pero o Arcade superou ao Atlético Cuntis por dous goles a un no seu primeiro partido de 2026. O comezo non puido ser peor para os ostreiros, que viron como o seu rival foi o primeiro en tomar vantaxe. Como se dun súper heroe se tratase, Javi Cou apareceu entón para igualar a contenda desde o punto de penalti. A súa participación no encontro non rematou aí e volveu ver porta para selar o triunfo azul.
Por outra banda, o Cordeiro sufriu menos e desfíxose da Unión Dena cunha malleira impresionante (6-0). Os de Valga non tardaron en tomar a iniciativa, poñéndose por diante xusto despois do asubío inicial. A pesar deste tanto serodio, o partido volveu a igualarse ata a aparición de Moisés, que sentenciou o seu choque cun hat-trick. A partir de entón non houbo máis historia no Municipal de Baño e o Cordeiro rematou por levarse os tres puntos sen ningún contratempo.
O Ribadumia continúa á cabeza do grupo pontevedrés logo de impoñerse ao Agolada por un axustado 3 a 2. Á media hora, Cristian puxo en pé á Senra ao anotar o primeiro tanto da tarde para, acto seguido, volver ver porta. Con esa vantaxe, un podería pensar que o duelo estaba resolto en favor dos de amarelo e negro, pero nada máis lonxe da realidade. O Agolada reaccionou na segunda metade e puxo as táboas no marcador no último minuto. Con todo, foi o Ribadumia quen tivo a última gargallada ao anotar unha pena máxima na prolongación.

O líder marca o ritmo
O elevado grao de competitividade converte ao grupo vigués nunha especie de coliseo romano, onde o Atlántida Matamá é sen dúbida o gladiador máis preparado para acadar o ascenso.
Desta vez endosáronlle un claro 4 a 1 ao Ribera, sumando unha xornada máis os tres puntos. Os do Rosal non lles puxeron as cousas doadas e aguantaron o empate ata pouco antes do tempo de lecer. Foi entón cando apareceu Hugo Soto para desnivelar a balanza a prol do cadro de Penedo da Moo. Uns intres despois, o seu rival conseguiu poñer a igualdade no electrónico, malia que a ledicia do tanto foi eclipsada inmediatamente por Hugo Soto, quen volvía ver porta en apenas seis minutos. Xa na segunda metade, o Atlántida Matamá matou o encontro ao ampliar a súa renda con dúas dianas máis.
Logo de tres meses sen vencer, o Caldelas puido saborear as meles do triunfo ao golear ao Goián (4-0). O pechacancelas da categoría non foi quen de para o torrente ofensiva dos tudenses, que anotaron na primeira media hora ata en tres ocasións. Álex Gómez asinou a terceira, probando unha vez máis a súa calidade futbolística. A pesar de levar unha boa vantaxe, a escadra do Foxo non renunciou ao ataque e volveu furar as redes rivais no treito final.
Ao Goián foille mal, pero os seus veciños non tiveron queixa este domingo, pois o Tomiño fíxose coa vitoria ao derrotar por dous goles a un ao Caselas. E iso que os celestes foron os primeiros en espertar, índose por diante ao descanso. Porén, o reinicio sentoulle mellor aos locais. Nada máis volver dos vestiarios, Adri Campos fixo o 1-1 para poñer en pé a todo o campo do Alivio. Alentados pola bancada vermella, os xogadores do Tomiño insistiron durante toda a segunda metade ata levarse finalmente o +3.

Que son os Diferenciais?
Os Diferenciais de FutbolinGalicia son eses xogadores que anotan goles chave para os seus equipos, para levar os tres puntos, para salvar un empate in extremis… Tamén os que realizan grandes actuacións individuais. Todo iso recoñecemos nesta sección dos Diferenciais, que iremos actualizando xornada a xornada e para a que agardamos contar tamén coa colaboración dos lectores.

Cada xornada, a Primeira Futgal deléitanos con máis de medio cento de partidos. Como ter ollos en todos e cada un dos campos é imposible, agardamos a vosa participación para completar a listaxe dos Diferenciais.
Podes poñerte en contacto con FutbolinGalicia a través de X ou de Instagram.































































































































































































































































































































































































































































































































































