Aínda queda unha semana para que volva a Primeira Futgal, si, pero moitos dos equipos das categorías rexionais galegas xa regresaron ao traballo. O motivo? Unha xornada de Copa chea de emoción, goles e moitas sorpresas e que contou coa maxia dos Diferenciais como o mellor aderezo posible. Non hai mellor agasallo de Reis anticipado que a volta do fútbol aos campos da comunidade.
Festivais de goles
32 partidos durante unha fin de semana pode parecer unha auténtica tolemia, pero así é a Copa de Coruña. E como non podía ser doutro xeito, tampouco faltaron as goleadas nesta xornada de celebración para o fútbol herculino.
Ao San Tirso non lle custou pasar de ronda e os de Abegondo endosáronlle unha auténtica malleira ao Galicia Gaiteira (0-16). A diferenza entre os equipos quedou probada nos primeiros compases do xogo, que lle valeron a Rachón para asinar un póker. Tras o paso polos vestiarios, o atacante de Corme volveu ver porta, liderando aos seus nesta contundente vitoria fronte a un conxunto que se atopa tres categorías por baixo do San Tirso.
Algo semellante ao vivido nos campos da Torre, onde o Carral superou por cero goles a once ao Ciudad. O cadro branco tardou pouco en adiantarse e, desde entón, non deixou de pisar o acelerador. Boa parte de culpa tivo Patrick, ao que lle bastaron 45 minutos para facer catro tantos. O ‘killer’ do conxunto do Castro non require de moito esforzo para furar as redes rivais e agarda contribuír cos seus goles a unha boa actuación copeira do Carral.
Co arsenal a punto
Un pouco máis ao norte, os seareiros da cidade departamental tamén deron a benvida ao novo ano cunha eliminatoria da súa prezada Copa Ferrol.
O Galicia de Mugardos caeu contra todo pronóstico ante o Narón, que o venceu na tanda de penaltis logo de empatar a un tanto no tempo regulamentario. A pesar de encaixar un tanto na primeira metade, os do Cadaval mantivéronse serenos en defensa e puideron lograr a igualada nas botas de Abraham. Nin uns nin outros puideron evitar o feito de pasar polo punto fatídico. Nesta ocasión, a fortuna sorriulle aos locais –máis acertados desde os 11 metros que o seu rival –, que avanzan xa á seguinte rolda.

Para festival de goles o encontro entre o Rápido de Neda e o Barallobre (3-5). Os de Fene encomendáronse ao seu home-gol, Julien, para facerse con esta importante vitoria. Trátase da décimo cuarta diana para o atacante, cuxo rendemento está a ser impresionante nesta primeira metade do curso. As súas dianas serviron para gañar distancia nos primeiros compases dun choque que non se lle escapou ao Barallobre en ningún momento.
Comeza a competición máis agardada
A raíña dos trofeos rexionais iniciou a súa andadura estes días. Dá igual a quen se lle pregunte desde Muros ata Carballo, porque ha saber que xa comezou a Copa da Costa.
Mazaricos e Fisterra protagonizaron unha auténtica exhibición resolta con vitoria dos visitantes por tres goles a seis. Isaac non fallou á súa cita co gol e converteu o primeiro da tarde ao pouco de iniciarse o enfrontamento. Logo de varias idas e vidas no marcador, o dianteiro verde apareceu novamente en escena para declinar a balanza en favor dos seus. Co 3-3, Isaac conseguiu anotar catro dianas máis para acabar coas esperanzas do Mazaricos.


Iso si, a sorpresa da xornada tivo lugar no Cairo, onde o Corme venceu con claridade a unha Esteirana que non atravesa o seu mellor momento (5-1). Aínda non rematara de asubiar o colexiado cando Lucas avantaxou aos azuis. A reacción dos muradáns non se fixo agardar, empatando en cuestión de minutos. Pouco lle importou aos homes de Ángel Pérez, que se fixeron coa iniciativa ao anotar dous goles, un deles co selo de Lucas. Na segunda metade, o conxunto local puxo terra de por medio con outros dous tantos para lograr a clasificación.
Hai moito fútbol a orelas do Sar
Tamén houbo xornada copeira en terras santiaguesas, onde o cadro da Copa do Sar xa está a coller forma. Polo momento, os ‘favoritos’ non fallaron, a pesar de que houbo algún resultado un tanto inesperado.
Por exemplo, o Resmón venceu ao Urdilde, equipo dunha categoría superior, por un contundente 4 a 0. Liderados por un David Ferreira en estado de graza, os de Trazo puxéronse por diante aos tres minutos grazas ao bo facer do seu pistoleiro. O combinado dirixido por ‘Pincho’ tivo opcións ata o último treito do encontro, cando David sentenciou as cousas para os seus por partida dobre.
Pero para goleada a do Bertamiráns, que superou ao Sar Extramundi sen ningún tipo de dificultade (1-8). O cadro de amarelo e negro dominou o enfrontamento desde os seus primeiros compases, índose ao tempo de lecer cunha vantaxe de tres tantos. Logo do reinicio, Manuel Leví deu entrada a varios xogadores, de entre os cales destacou o xuvenil Quintela. Cos seus dous goles, o defensor de 18 anos e perla da canteira de Ames demostrou o seu talento e habilidades para xogar no primeiro equipo do ‘Berta’.
Se non chega con unha, dúas
En Lugo dividiron a Copa Deputación en dúas competicións, unha para os conxuntos de Preferente e Primeira Futgal e outra para os de Segunda e Terceira Futgal. Así e todo, a emoción, se cadra, multiplícase ao haber enfrontamentos máis igualados.

Non foi o caso do duelo celebrado na Fonte, en Cospeito, onde o Oural bateu ao Rácing Vilalbés B por un resultado de 0 a 4. Iso si, os primeiros minutos foron ben complexos para os cementeiros, que tiveron que facer fronte ao asedio do filial chairego. Foi entón cando Cayuela apareceu en escena para culminar unha xogada de contraataque e declinar a balanza a favor da escuadra azul. Tras o reinicio, o Oural ampliou a súa renda ante a desesperación dos homes de Iván Lamas, que non deixaron de intentar a remontada.
Máis apertado estivo o Comercial – Castroverde. Ambos contrincantes sumaron ata 9 goles, finalizando o encontro cun marcador favorable aos visitantes. Pese a comezar por debaixo, o cadro branquiverde encomendouse á figura de Borja para aguantar o empate ante os capitalinos, que sorprenderon ao seu rival nos primeiros minutos. No segundo tempo, o Castroverde deu un paso adiante e con tres goles máis selou o seu paso á seguinte rolda.
Un non se rende ata que soe a campá
Antes de comer o roscón de Reis, os seareiros ourensáns puideron gozar dunha eliminatoria do seu particular torneo do K.O.: A Copa Deputación de Ourense, onde ata os máis fortes caen.
Os Medos vestiuse de Coliseo romano para acoller unha verdadeira batalla de gladiadores entre o Atlético Vilariño e o Francelos (3-3). Tras encaixar dous tantos na primeira hora de choque, os ribeiráns puideron devolver a igualdade ao electrónico. Volvería golpear o Vilariño, pero Diego empatou novamente para rescatar aos seus e darlles unha oportunidade de pasar a eliminatoria na tanda de penaltis. O de Beade foi o encargado de converter a pena máxima decisiva, erixíndose como o gran heroe dos vermellos.
Por outra banda, o Moreiras derrotou por tres goles a catro a un Viana que vendeu cara a súa pel. Os das Carrelas levaron a iniciativa do encontro ata a irrupción de Luís Pumar. O mediocentro volveu ser decisivo para a agrupación dirixida por Luís Parada, contribuíndo con dúas dianas para a remonta dos de amarelo e negro. Con estes tantos suma xa 12 nesta campaña, onde busca liderar aos seus cara a un histórico ascenso a Primeira Futgal.
David contra Goliat
Ao igual que o resto de competicións, a Copa Deputación é unha caixa de sorpresas na provincia de Pontevedra. Calquera cousa pode suceder por estas terras, onde non hai distinción entre ’favoritos’ e outros equipos.
A malleira histórica do Erizana non ha pasar desapercibida para os afeccionados de Baiona, pois os seus golearon por sete tantos a un ao Tyde, conxunto da Preferente Futgal. Aos tres minutos, Arturo fixo o primeiro da tarde no campo do Aral e, non contento con iso, volveu ver porta uns intres despois para sumar o seu segundo tanto. De nada valeu a tímida reacción tudense. O furacán vermello arremeteu nos seguintes corenta e cinco minutos con máis forza aínda, rematando coas aspiracións do seu rival.
Un dos seus competidores na Segunda Futgal, o Colegio Hogar, tamén superou a outro conxunto de categoría superior, neste caso, o Chaín (4-3). E iso que as cousas non comezaron ben para os vigueses. Despois de encaixar ata en dúas ocasións, puideron recortar diferenzas grazas ao bo facer de Ricardo. O canteirán vestiuse de súper heroe e asinou un hat-trick para axudar aos seus a conseguir o billete para os dezaseisavos de final.
Que son os Diferenciais?
Os Diferenciais de FutbolinGalicia son eses xogadores que anotan goles chave para os seus equipos, para levar os tres puntos, para salvar un empate in extremis… Tamén os que realizan grandes actuacións individuais. Todo iso recoñecemos nesta sección dos Diferenciais, que iremos actualizando xornada a xornada e para a que agardamos contar tamén coa colaboración dos lectores.































































































































































































































































































































































































































































































































































































