# Hashtag

Así é un partido fóra para un equipo galego de Segunda RFEF

A Unión Deportiva Ourense xoga o seu cuarto partido na Segunda RFEF. É unha campaña ilusionante para o conxunto ourensán, con máis apoio que nunca na súa curta pero apaixonante historia, grazas ás máis de 1.800 persoas que xa abonadas, entre renovacións e novas altas. Tras dúas derrotas e un empate, buscar sumar o primeiro triunfo, a domiclio ante o Salamanca CF UDS, pero o destino preparaba un cruel desenlace (1-0). FutbolinGalicia acompañou a expedición ourensá.

8:30 horas: saída do equipo dende Ourense

Os convocados por Borja Fernández toman o autobús con destino a Salamanca. Teñen por diante unha viaxe de tres horas, cunha pausa a medio camiño para estirar as pernas e tomar o café. O feito de xogar en horario de tarde permítelles viaxar no día, o que supón sempre unha boa noticia para as arcas do club, xa que un partido ás 12:00 horas sería sinónimo de hotel e, por tanto, de elevado gasto para a entidade.



12:00 horas: chegada a Salamanca

O reloxo vai avanzando e quedan só 5 horas para o asubío inicial. Nas horas previas, a concentración do cadro de xogadores e corpo técnico vai en aumento. Neste inicio de liga, o equipo colleitou un punto de nove posibles e precisan sumar canto antes. Saben que hoxe é un bo día e todos están mentalizados con ese obxectivo. Cada vez queda menos para o partido, pero antes hai que comer para chegar con forzas á cita.

13:00 horas: xuntanza dos afeccionados

Cóntase por ducias os afeccionados chegados dende Ourense para seguir ao equipo. Os seareiros encheron un autobús que saíu ás 9:00 dende a cidade das Burgas. Á unha da tarde todos están xa no salmantino Bar Baviera, onde se citaran con seguidores de Unionistas, un club irmán que tamén segue a filosofía do fútbol popular.



15:30 horas: os xogadores chegan ao campo

O Salamanca UDS, rival de hoxe dos ourensáns, xoga no histórico Estadio Helmántico. Con todo, o club non obtivo aínda do Concello os permisos necesarios para abrir a instalación, de modo que teñen que xogar nun anexo. Deste xeito, as Pistas del Helmántico acollen o encontro de hoxe. O recinto non ten nada que ver co estadio principal. É un campo con pistas de atletismo, o que fai que a separación entre a afección e o verde sexa grande, dificultando a visibilidade.

«As obras no noso estadio avanzan a moi bo ritmo e atópanse en fase final. Quedan unicamente pendentes algúns detalles eléctricos cuxa finalización é necesaria para recibir a habilitación definitiva do Concello. Estas demoras, alleas á nosa vontade, obrigan a que esta xornada debamos disputar o encontro nun escenario provisional«, xustificara o Salamanca CF UDS días antes.



16:30: comeza o quecemento

No medio dos aplausos e berros dos desprazados, saltan os xogadores da UD Ourense para realizar o quecemento previo. Os afeccionados coñecen entón o XI inicial polo que aposta o adestrador Borja Fernández. Hoxe estará formado por Rielo, Varo, Bueso, Noel, Samu Pardo, Parrilla, Champi, Manu, Justino, Jaichenco e Gamarra, con ata cinco trocos con respecto ao da pasada xornada.

16:45 horas: xogadores a vestiarios

Conta atrás. Regreso aos vestiarios, momento de refrescarse, enfundar as novas equipacións, da marca Nike, e saltar de novo ao verde. Borja dálle as últimas instrucións aos seus xogadores. Deben dar a súa mellor versión ante un Salamanca CF UDS que xa foi quen de sumar catro puntos, grazas a un empate como visitantes e unha vitoria nas Pistas, precisamente ante outro equipo que acaba de ascender, o Astorga.

17:03 horas: comeza o partido

Con minutos de atraso respecto ao previsto, por unha rede en mal estado que houbo que reparar, comeza o partido. As Pistas presentan unha boa entrada, o sol aperta forte por momentos e hai arredor de 250 seareiros chegandos dende Ourense dispostos a animar.



17:49: tempo de lecer

Descanso tras unha primeira parte na que á Unión Deportiva Ourense lle custou avanzar en campo rival. Os vermellos tiveron unha chegada perigosa, pero foi o Salamanca o que concentrou as ocasións, cun par de lanzamentos potentes dende fóra da área, malia non poñer en perigo real a portería defendida por Rielo.

18:50 fin do encontro



Na segunda metade, os vermellos reclamaron un penalti que o colexiado negou. O Salamanca mandou un balón ao pau nos últimos minutos do tempo regulamentario e errou unha clara ocasión antes de poñer o único gol do partido, obra de Tomi, no minuto 96.

https://www.instagram.com/reel/DPJ20ksigkM/?igsh=bHNlcjM1aHQ2NzYw

Viaxe de regreso

A expedición ourensá puxo rumbo de novo a Galicia con tristura e confiando en poder sumar a primeira vitoria a próxima xornada.

Así é un partido fóra para un equipo galego de Segunda RFEF

Víctor Vilariño, SD Tordoia: «Levaba anos sen

Así é un partido fóra para un equipo galego de Segunda RFEF

Os Diferenciais poñen o peche ao primeiro