Coa tempada 2025/26 xa no punto de mira, os grandes nomes do curso pasado na Terceira RFEF foron definindo o seu futuro… aínda que non todos.
Rodrigo Parafita, máximo goleador da liga regular con 17 tantos, decidiu continuar no Silva. O club coruñés asegura así o seu maior activo ofensivo.
Na portería, Álex Cobo, que foi o gardameta menos goleado defendendo a meta da UD Ourense, cambiou de aires tras o ascenso e fichou pola SD Compostela, descendido de Segunda RFEF e principal candidato ao ascenso directo.
O que aínda non definiu o seu futuro é Álex Comparada ‘Compa’, autor de 16 goles co Arosa. O dianteiro continúa sen equipo xa entrado o mes de agosto.
Na Sarriana, Azael deu o salto a Primeira RFEF ao fichar polo Racing de Ferrol, onde xa goza de bos minutos na pretemporada á espera de saber se esta campaña lle toca saír cedido ou non. En tanto, o goleador Millán renovou o seu compromiso.
O Estradense perdeu as súas principais referencias ofensivas: Jaichenko e Gamarra suben de categoría coa UD Ourense, mentras que Porrúa recala no conxunto da capital galega.

Gabri Palmás, Gustavo Cellerino ou Miguel Freiría
O Arosa, pola súa banda, quere volver estar nos postos altos. Entre as incorporacións, Adrián Lombao, extremo habilidoso procedente do Viveiro, e Gabri Palmás, dianteiro moañés que chega tras uns anos en Segunda RFEF, nas filas do Ourense CF e, máis recentemente, do Ejea aragonés.
Outro movemento destacado protagonízao Gustavo Cellerino. O veterano dianteiro arxentino con pasado no Celta deixou a UD Ourense para incorporarse ao Gran Peña, co obxectivo de seguir desfrutando do fútbol un ano máis e estar máis preto da súa familia, que vive en Vigo.
Tamén se moveu o CD Barco. O equipo de Valdeorras fíxose cos servizos de Miguel Freiría, dianteiro de Gondomar que vén de marcar 14 goles co Valladares e que xa destacara previamente en Preferente.

Imaxe de portada: Racing de Ferrol.