No outono de 2015, a selección galega sub-16 reunía unha xeración cunha presenza destacada nas canteiras máis potentes do panorama autonómico. Celta e Deportivo monopolizaban os focos, pero tamén destacaban talentos emerxentes en equipos como o Galicia de Caranza, o Val Miñor ou o Bertamiráns.
Algúns chegaron á elite e outros fixeron camiño no fútbol modesto, mais todos forman parte da memoria dunha xeración prometedora. Repasamos, con detalle, o destino de cada un daqueles rapaces que vestiron a camiseta galega hai xa case unha década.
Porteiros
Ignacio Pego (FC Alisontia Steinsel): Formado no Celta, completou a súa etapa base no club vigués antes de debutar como sénior no Gran Peña. Posteriormente xogou en Preferente co Caselas e o Cultural Areas. En 2023 deixou Galicia e segundo Transfermarkt xogou a tempada 24/25 na Segunda División de Luxemburgo, co FC Alisontia Steinsel.
Antón de Ramos (Sen equipo): Porteiro do Deportivo, chegou a xogar en Terceira RFEF co Silva cando aínda era xuvenil. A seguinte tempada defendeu a portería do Olímpico de Rutis en Primeira Galicia, pero en 2020 decidiu retirarse do fútbol federado.
Defensas
Sergio Barcia (UD Las Palmas): Central formado no Celta, co que completou toda a súa etapa formativa. Como sénior debutou no Ourense CF e despois fichou polo filial do Granada, chegando a debutar en Primeira. Pasou polo Celta B, o Mirandés en Segunda, e o Legia de Varsovia, onde xogou Conference League. Este verán asinou pola UD Las Palmas, co que volverá competir en Segunda División.
José Fontán (FC Arouca): Outro central procedente da Madroa. Pasou polo filial celeste antes de formar parte do primeiro equipo durante dúas tempadas. En 2022 fichou polo Go Ahead Eagles neerlandés, logo xogou no Cartagena e actualmente milita no Arouca da Primeira Liga portuguesa.

Diego Pampín (Levante UD): Lateral esquerdo que xogou catro tempadas co Celta B sen debutar co primeiro equipo. En 2022 chegou ao Andorra, debutando en Segunda. En 2024 asinou polo Levante, co que conseguiu o ascenso a Primeira División.
Pablo Castrín (Ribadeo FC): Criado no Lugo, pasou por Deportivo e Racing Vilalbés antes de destacar no Sporting Pontenova como extremo goleador. Xogou en Preferente co Santaballés e Ribadeo, volveu ao filial do Lugo (ascendendo a Segunda RFEF) e foi convocado co primeiro equipo. Desde 2023 está de novo no Ribadeo, onde renovou.
José Caneda (SD Dubra): Defensor do Conxo, xogou como sénior en Sigüeiro, Xallas, Dubra e Arzúa, case sempre en Preferente. Esta tempada volveu fichar polo Dubra.

Gabiel Jar (Sen equipo): Formado no Pabellón, pasou por Unionistas, UD Ourense, Choco, Arnoia e Pontevedra B. A última campaña xogou só tres partidos co Campo Lameiro en Primeira Galicia.
Samuel Monín (Sen equipo): Canterán do Lugo, en 2016 pasou ao fútbol sala co Prone Lugo, disputando dúas tempadas en Segunda División da modalidade antes de retirarse.
Adrián Casariego (San Tirso SD): Lateral dereito que formaba parte do Deportivo e que completou xuvenís no Lugo. Como sénior, destacou no Olímpico de Rutis e xogou tres anos co Paiosaco (dous en Terceira). Tras dúas tempadas no Betanzos, asinou este verán co San Tirso de Preferente.
Centrocampistas
Víctor Vilariño (SD Tordoia): Xogador do Bertamiráns que xogou en xuvenís na SD Compostela e Conxo. En Preferente militou no Noia e Dubra antes dun parón. Desde 2023 xoga no equipo da súa vila, o Tordoia, en Primeira Galicia.
Sergio Otero (Racing Vilalbés): Canteirán do Racing de Ferrol, fixo carreira en Terceira RFEF con As Pontes, Arzúa, Viveiro, Silva e Somozas. Este verán asinou polo Racing Vilalbés.

Ces Cotos (Utebo FC): Mediocentro do Deportivo, debutou no Paiosaco e xogou dúas campañas no Ourense CF. No Polvorín debutou en Segunda co Lugo. Logo xogou en Segunda RFEF no Sanse e actualmente no Utebo, co que renovou.
Atacantes
Manu Xiraldez (Sen equipo): Dianteiro do Bertamiráns, xogou tamén no Conxo antes de abandonar o fútbol federado tras a súa etapa xuvenil.
Alberto ‘Tiko’ Estévez (Juventud Cambados): Formado no Val Miñor e Celta, xogou en Pontellas, Pontevedra B e Juvenil de Ponteareas. Co Cambados logrou o ascenso a Terceira RFEF e renovou para a 25/26.
Jesús Gabarre (Galicia Mugardos): Extremo do Galicia de Caranza e, despois, do Lugo. En Terceira xogou no Arzúa e Somozas, destacando especialmente no Mugardos, co que renovou este verán.
Martín Rafael (Alondras CF): Canterán do Celta e convocado tamén coa selección española. Como sénior xogou no Choco, Coruxo, Gran Peña e Somozas. Este ano fichou polo Alondras.
Yohannes Serpa (Sen equipo): Extremo formado no Celta, pasou polo Málaga e o Pontevedra. Tras dous anos afastado, xogou no Cultural Areas e no Mos de Segunda Galicia. Sen datos recentes.
David Rojo (Atlético Arteixo): Dianteiro do Deportivo, xogou no Silva, Paiosaco, Somozas, Polvorín (co que ascendeu a Segunda RFEF sendo máximo goleador), UD Ourense e Atlético Arteixo. Tamén ten traxectoria no fútbol praia.
Javier Armas (Atlanta United 2): Tras formarse no Deportivo e pasar polo Santiago de Compostela, xogou na NCAA estadounidense cos Oregon State Beavers grazas a unha beca universitaria. Foi escollido no SuperDraft da MLS 2024 por Atlanta United e actualmente compite co seu filial.
Rodri Sánchez (Al-Arabi SC): Extremo que pasou polo Deportivo antes de regresar a Extremadura. No Betis recalou en xuvenís e xogou catro tempadas co primeiro equipo, gañando unha Copa do Rei e sendo subcampión da Euro sub-21. En 2024 foi traspasado ao Al-Arabi de Catar por 8 millóns de euros.
A sub-16 galega de 2015 demostra que o talento en idade temperá non sempre garante un futuro na elite. Só uns poucos, como Rodri Sánchez, Sergio Barcia, José Fontán ou Diego Pampín, conseguiron consolidarse no profesionalismo e chegar a Primeira División. Outros fixeron traxectorias destacadas en categorías nacionais e moitos máis encontraron o seu espazo no fútbol modesto ou mesmo decidiron abandonar a práctica federada.