O Victoria CF coruñés regresou a Preferente Futgal só un ano despois de perder a categoría. E para iso moito tiveron que ver os goles de Óscar de Castro Murias ‘Oski’, autor do gol do ascenso das cebras e un habitual no repaso semanal dos Diferenciais que publica FutbolinGalicia. O club acaba de anunciar a renovación do dianteiro, de 25 anos, que pechou a temporada con 18 goles en liga regular.
Tras unha boa e regular campaña na Primeira Futgal, na que xa partían como favoritos, chegaron á última xornada con todo de cara para ascender de xeito directo. Pero a derrota ante o Olímpico, sumada á vitoria do Maniños (que subiron directos), obrigoulles a xogar play-off. “Foi duro pero saímos moi reforzados de alí. Sabiamos que tiñamos que dar un plus máis se queriamos ascender e a base de traballo semanal conseguímolo”, apunta o futbolista.
Oski asegura que foi “moi bonito poder celebrar algo así”. Pero non foi doado, pois “aínda que partas de favorito, non sempre sae todo de cara”, di. No camiño de volta a Preferente, o Victoria CF enfrontou un play-off esixente. Primeiro ante o Club do Mar (0-0 e 1-0) e logo ante outro rival complicado, o Carral.
Oski fixo o gol decisivo
No primeiro partido deixaron a eliminatoria encamiñada, cun 2-0. A clave, di o dianteiro, pasou por “estar máis unidos que nunca; xuntámonos máis e fixemos máis piña”. Falta facía de cara a un partido de volta que non se presentaba sinxelo e que non o foi. O Carral ía gañando 3-1 no desconto, polo que a eliminatoria estaba empatada (3-3), pero o propio Oski apareceu no último suspiro para poñer o 3-2 definitivo. “Sen dúbida ningunha é un gol que vou lembrar sempre”.
O Victoria conseguiu así o ascenso a Preferente só unha temporada despois de perder a categoría. A celebración, explica o goleador Óscar de Castro, “foi unha festa por todo o alto, empezamos no campo. pero despois volvemos á Coruña para empezar a noite en Mato Grande”.
Agora xa pensan na vindeira tempada, que se presenta con moito nivel segundo os reforzos que xa comezan a anunciar os participantes no grupo norte da Preferente. O Victoria poderá seguir contando co gol de Óscar de Castro. Tamén seguirán Iván e Miguel Mandayo, Quique Calzado, Álvaro Barato e Alberto Benito. Miguel Taibo continúa dirixindo as cebras.

Óscar de Castro, en curto
- Primeiras botas de fútbol que lembres? Unhas adidas azuis que me regalou o meu avó
- Ídolo futbolístico da túa infancia? Fernando Torres
- Un campo no que xogaches? Anxo Carro
- Algunha rutina os días de partidos? Pola noite, antes de durmir, un iogur
- A canción preferida no vestiario? Aria.
Imaxe: Cedida
