# Hashtag

Joel Rocha, CD Beluso: «Estamos vivindo un soño ao poder disputar a final na nosa casa»

O pasado domingo, o CD Beluso deu un importante paso cara ao soño do ascenso á Terceira RFEF cun empate a un gol en Burgáns, campo do Juventud Cambados, na ida da gran final polo salto de categoría. Un dos protagonistas do encontro foi Joel Rocha, autor do tanto do equipo celeste, que achegou un valioso gol a domicilio que mantén viva a ilusión dunha afección que leva semanas volcada co equipo.

Este domingo, o campo de As Laxes acollerá a volta dunha eliminatoria que pode marcar un fito histórico no fútbol do Beluso. A escuadra local soña con culminar unha tempada memorable diante da súa xente, e para coñecer como se vive esta semana decisiva desde dentro do vestiario, falamos con Joel Rocha, quen analiza o encontro de ida en Cambados, o momento que atravesa o equipo e o que suporía este ascenso para o club e para o pobo.

Futbolingalicia: O primeiro asalto entre Beluso e Cambados rematou con empate a un. Que valoración fas do partido?



Joel Rocha: «Sabiamos que era un partido moi complicado para nós, xa que o seu campo ten unhas características moi diferentes ao noso. Na primeira metade estivemos bastante ben, aínda que eles tiveron algunha ocasión para poñerse por diante, pero Iker salvounos unha vez máis. Tivemos a sorte de atoparnos co gol e adiantarnos no marcador. Na segunda parte, eles axustaron mellor e foron superiores, polo que mereceron o empate. En conxunto, creo que sacamos un bo resultado para a volta».

FIG: Sufristes á raíz da expulsión pero lograstes non perder. Como describirías eses últimos minutos con dez, varios xogadores con problemas físicos…?

JR: «Sufrimos moito despois da expulsión, porque ter un xogador menos no seu campo notábase moito. Manter o resultado foi un gran logro. Sabiamos que tiñamos que dalo todo, e iso foi o que fixemos. Hai moita acumulación de minutos nalgúns xogadores, polo que os problemas físicos eran evidentes. Fisicamente, o seu campo paréceme un dos máis esixentes da liga».



FIG: Marcaches o gol do teu equipo. Que sensación tiveches tras meter un gol nun partido destas características?

JR: «Foi unha sensación de felicidade pura. Encántame poder axudar aos meus compañeiros, e facelo cun gol nun partido así é unha das mellores formas posibles».

FIG: Agora quédavos o partido de volta nas Laxes. Sodes favoritos por xogar na casa?



JR: «Creo que neste partido non hai favorito. A eliminatoria está moi igualada polos resultados que sacamos nos tres encontros que disputamos. Eles teñen unha moi boa plantilla e poden adaptarse a calquera terreo de xogo».

FIG: Que ambiente esperas en Beluso?

JR: «Se xa foi unha tolemia a volta da primeira eliminatoria, onde houbo ata recibimento, non quero nin imaxinarme o que será esta fin de semana. Ten moito mérito que unha vila como Beluso, con menos de 3.000 habitantes, viva o fútbol desta maneira. O responsable principal disto é un rapaz de 18 anos chamado Roi, que é fundamental para mobilizar a toda esta xente».

FIG: Que significaría para o club e para os xogadores este ascenso?

JR: «Hai que vivir o presente, estamos centrados na volta da final e non se poden facer ilusións. Pero sería algo histórico para o club e para a vila. Tanto afeccionados como xogadores estamos vivindo un soño ao poder disputar unha final na nosa casa».



FIG: Cales foron as claves do gran rendemento desta tempada?

JR: «O pilar fundamental foi o ambiente do vestiario. Non só somos compañeiros, senón tamén amigos, incluso familia. Nunca vivín unha experiencia así dentro dun vestiario. Ademais, Rafa Villaverde e Álex Fajardo teñen un mérito moi importante neste éxito».

FIG: Que diferenzas hai entre este ano e o ano onde o equipo descendeu a Primeira Galicia?

JR: «A diferenza principal está no nivel da liga. Na tempada 22/23 a liga era moi esixente: descendemos con 49 puntos, que este ano servirían para quedar oitavos. Aquel ano houbo ata seis arrastres».

FIG: Segundo comentaches en Fica Coa Bola, para o curso que vén seguramente estarás na Coruña por motivos académicos. Xa tes algunha oferta ou ata que acabe a fase de ascenso non queres saber nada do mercado de fichaxes?

JR: «Estou totalmente centrado na fase de ascenso e no Beluso. Unha vez remate a tempada, xa se falará do futuro». 

Fotografía: Adrián Rodríguez (RNXfoto)

Joel Rocha, CD Beluso: «Estamos vivindo un soño ao poder disputar a final na nosa casa»

A Sarriana, un vello coñecido e as

Dejar un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *