# Hashtag
atlético-san-pedro-ascenso-primeira-galega

As leoas do Atlético San Pedro chegan á Primeira Galicia

Dous títulos de liga, unha copa e un ascenso en case dous anos de vida

O Atlético San Pedro, coroouse como campión da Segunda Autonómica no Grupo 1 e acadan así o ascenso directo á maxima categoría galega. A pesar da súa curta historia, tan só un par de anos dende a súa formación, levan no seu palmarés dous campionatos de liga, unha copa Oleiros e a recompensa do ascenso.

O ano pasado, o equipo demostrou o seu potencial ao rematar como primeiras de grupo. O soño do ascenso escapóuselles no play off ao ser derrotadas nunha eliminatoria a dobre partido ante o Lóstrego CF ‘B’. Así a todo, esa experiencia serviulles para voltar a repetir a fazaña e revalidar o título.

Unha das súas capitanas, Alba Martínez, compartiu con nós a súa perspectiva desta traxectoria: «O noso obxectivo era desfrutar do fútbol, pasalo ben, aprender o máximo posible e crecer como futbolistas e como persoas, xuntas».



Alba Martínez falando para FútbolinGalicia

A futbolista das leoas foi unha das pezas clave na consecución dos triunfos, acadando o trofeo como máxima anotadora da competición con 40 goles. «O ano pasado para min xa foi un bo ano goleador porque tiven a novidade de xogar de mediocentro e dianteira, cando antes o facía de central, e saíu ben».

As de Oleiros saben que o ano que vén suporá un novo reto: «Hai equipos con moito nivel en primeira, non estamos acostumadas a iso, non iamos con ese obxectivo e agora hai que afrontalo. Evidentemente temos ganas, pero vai ser esixente».

Por outro lado, a adestradora Virginia, con traxectoria no fútbol base do Victoria CF foi a encargada de facer encaixar tódalas pezas: «Gustabame a nova aventura, non coñecía que xogadoras tiña, nin coñecía a categoría. Tireime un pouco á piscina pero con moita ilusión e ver ata onde podiamos chegar».



Iñás, o seu fortín

Baixo os seus mandos, o equipo leva preto de dous anos sen coñecer a derrota en competición regular na súa casa. Neste tempo, convertiron o campo de Iñás no seu propio fortín. «Para min e para as nenas acadar o ascenso en dous anos é como estar nunha nube. Agora hai que ser realistas, imos a unha categoría complicada e onde hai equipos moi veteranos», sinalaba Virginia.

As xogadoras do Atlético San Pedro festexando o trofeo de campioas e o ascenso. Cedida

A tempada pasada quedaron ás portas da primeira autonómica pero xogadoras e corpo técnico coinciden en que non era un dos obxectivos. «O non ascenso non supuxo nada para nós, porque xogar a fase de ascenso xa foi un premio a todo o esforzo da tempada», admitiunos Alba.

Do mesmo xeito nos falou a súa adestradora dese acontecemento: «Ascender non era un dos nosos obxectivos o ano pasado, polo tanto, a nós non nos supuxo nada. Para nós foi unha nova aprendizaxe […] tomámolo como un premio».



O club de Oleiros conformou o seu primeiro equipo feminino en fútbol 7 no ano 2018. Agora coa sección de fútbol 11 en Primeira Galicia, engade un un desafío económico e deportivo para a entidade. Virginia recoñece que «a nivel de club o salto na categoría é grande, os desplazamentos cada 15 días son máis lonxe ca antes».

O esforzo colectivo e o compromiso foron piares fundamentais no conxunto albivermello. A pichichi afirmou: «que busquemos desfrutar non quita que nos esforcemos. Imos 17-18 persoas a adestrar, a pesares dos traballos, dos estudos… estamos aí».

Virginia resalta que cada xogadora aportou o seu gran de area, e que a química dentro do equipo foi esencial: «(o ascenso) foi un reto que semana a semana foron esixindo as propias xogadoras, indo a adestrar, e esixindo que querían gañar». «O grupo humano que existe dentro do San Pedro, evidentemente, tamén axuda».

Este ascenso á Primeira División Galega Arzúa-Ulloa DOP abre un novo capítulo na historia do club. Con máis de 70 anos de vida, na próxima tempada comezarán a súa primeira andadura na máxima categoría feminina do fútbol galego.

«Envexo ás nenas de agora que poden escoller onde xogar e que haxa tantos equipos con base. Ogallá isto siga crecendo» admitía Virginia, que conta con ampla traxectoria como futbolista en equipos como o Friol ou o Victoria CF.



Sumámonos a ese desexo da súa adestradora e desexámoslles as maiores das sortes neste novo percorrido futbolístico.

As leoas do Atlético San Pedro chegan á Primeira Galicia

Máxima emoción e ascensos en xogo no

Deja un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *