Comeza abril e é momento de buscar Diferenciais de FutbolinGalicia da Primeira Futgal tras unha xornada que deixa ao Puebla acariñando o ascenso dende o grupo 5. Os de Chofri sumaron a sétima vitoria consecutiva ao gañar 1-3 ao Unión Dena. Xa teñen 15 puntos de vantaxe sobre o Unión, que perdeu, con xa só 21 puntos en xogo dende aquí ata o final da temporada.
O equipo de Asados (Rianxo), pola súa banda, caeu ante o Marcón Atlético, que chegara a poñerse 3-1 cun gol chave de Nicolás. No mesmo grupo, o Marín, que leva seis partidos sen perder, superaba 0-2 ao Cuntis con Iván abrindo o marcador. O Valiño puxo fin a unha mala xeira grazas a un gol de Felipe, o único tanto na vitoria dos de Cabo de Cruz ante o San Martín.
No grupo 6, o líder Tyde tamén ten unha vantaxe importante, 8 puntos. O segundo é o Alertanavia, que superou ao Caldelas con dobrete de David Somoza, máximo artilleiro da liga. Tampouco afrouxa o terceiro clasificado, o Gondomar, que volveu ao camiño da vitoria ao vencer ao Mos con gol de Daniel. Pola parte baixa, o Goián encadea a cuarta xornada sen perder e sae de descenso ao superar ao Progresista. David Alonso fixo o primeiro para os de Tomiño e suma 12 tantos na súa conta particular.
O contrario do caso do Puebla
O que ocorre co Puebla no grupo 5 non se repite, por exemplo, no grupo 1, moito máis apertado. A Cultural Maniños, líder, é o equipo máis en forma, pero só ten tres puntos máis que o Victoria CF (segundo), que só gañou un partido dos últimos cinco. O Orillamar (terceiro) leva cinco xornadas sen sumar de tres e o Cambre (cuarto) tamén gañou un só partido nas últimas cinco semanas.

Na zona media da tabla, dous equipos sumaron a segunda vitoria consecutiva. Por unha banda, o Meicende, que lle gañou, precisamente, ao Victoria cun tanto de Joni (1-0). Pola outra, o Marte, que leva seis xornadas sen perder e nesta fin de semana mallou 1-5 ao Valdoviño; Gabriel Núñez marcou dous goles. O Valdoviño, mentres, ve como os rivais directos pola salvación, como o Perlío, comezan a afastarse. Os de Fene venceron ao Eume cun gol no treito final de Miguel.
No grupo 2 non fallan os primeiros: Club do Mar (66), Carral (63) e Dumbría (61). Con cinco triunfos consecutivos, os do Conco son o equipo máis en forma. Esta xornada superaron 4-0 ao Bastavales e, como case sempre, non faltou o gol de Diego Estévez, pichichi da liga, con 29 tantos. Neste mesmo grupo, festival de goles no Rebordelo: Calo 3 – 6 Esteirana. Os visitantes chegaron ao minuto 81 perdendo 3-1; o resto é historia, e tamén os tres goles de Elias Ruso. O Praíña venceu ao Fisterra, con Aron abrindo o marcador no minuto catro.

En Lugo e Ourense
No derbi da Mariña, o líder Burela non pasou do empate ante o Xove. Con todo, o segundo, o Castro, non puido aproveitar para recurtar distancias ao verse superado 1-2 polo Santaballés. Xoán marcou o gol da vitoria dos da Liga nos últimos minutos. Venceu con claridade a SD Chantada: 3-0 ante o Guntín con Manu Rodríguez inaugurando o electrónico no Sangoñedo.
En terras ourensás esgótanse os cualificativos para o Monterrei. Esta xornada superaron a un Sporting Carballiño en crise e Rafael Jose puxo a súa sinatura a dous dos goles. O Monterrei suma sete vitorias consecutivas e xa é cuarto, a dous puntos do play-off. Marca eses postos de promoción outro equipo moi en forma, o Polígono, que ameaza a segunda posición do Celanova, con só un punto de diferenza.
Paso de xigante de cara á salvación do Maside, que deixa o descenso a oito puntos tras gañar o cuarto dos últimos cinco partidos. Superaron 4-2 ao Melias con Roi abrindo o marcador ao pouco de comezar. Na zona media da táboa, o A Peroxa racha cunha xeira negativa ao superar 4-2 ao Viana con remontada e ‘hat-trick’ de Pablo Martínez.

Que son os Diferenciais?
Os Diferenciais de FutbolinGalicia son eses xogadores que anotan goles chave para os seus equipos, para levar os tres puntos, para salvar un empate in extremis… Tamén os que realizan grandes actuacións individuais. Todo iso recoñecemos nesta sección dos Diferenciais, que iremos actualizando xornada a xornada e para a que agardamos contar tamén coa colaboración dos lectores.
Cada xornada, a Primeira Futgal deléitanos con máis de medio cento de partidos. Como ter ollos en todos e cada un dos campos é imposible, agardamos a vosa participación para completar a listaxe dos Diferenciais.
Podes poñerte en contacto con FutbolinGalicia a través de X ou de Instagram.
Tamén podes acceder ás listaxes dos Diferenciais das pasadas xornadas, premendo aquí.
