Mentres o primeiro equipo do Arenteiro vive outra campaña histórica no terceiro chanzo do fútbol estatal, o Arenteiro Promesas traballa para afacerse á Primeira Futgal. Planificaran a pretempada para competir na Segunda Futgal, pero a renuncia dun equipo permitiulles acadar o ascenso, algo que coñeceron só unhas semanas antes do comezo da liga. Tocoulles adaptarse en tempo récord e, para máis, competir non no grupo de Ourense, senón ante rivais da zona de Vigo e O Baixo Miño.
O cadro de xogadores do Arenteiro ‘B’ está formado, na súa maioría, por rapaces do Carballiño e arredores que medraron na base do club. Un deles é Raúl Beneitez. No seu caso, tras rematar en xuvenís ía xogar no Maside, pero rompeu o cruzado e tivo unha tempada en branco. A seguinte, a do seu regreso, coincidiu coa creación do Arenteiro Promesas, no que segue dende entón.
Destaca o bo ambiente que se vive no vestiario, favorecido polo feito de que a maioría dos seus integrantes coñécense dende nenos. «O bo é que somos amigos. A media é de pouco máis de 20 anos, e todos medramos xuntos. Estudamos no mesmo colexio e xogamos xuntos dende sempre”, asegura o lateral dereito.
A Primeira Futgal, todo un reto
Raúl recoñece que lles custou adaptarse á Primeira Futgal. “Comezamos a pretempada sendo un equipo de Segunda Rexional e o cadro de xogadores estaba confeccionado para esa categoría, aínda que co obxectivo de ascender. Sabendo dende un principio que xogaríamos en Primeira, seguiríamos case todos os que estamos este ano, pero tamén teríamos tempo para manobrar e facer un equipo máis competitivo”, afirma.
En todo caso, acumulan xa catro xornadas consecutivas puntuando, nas que sumaron dúas vitorias e outros tantos empates. “Temos que sacar vantaxe cos equipos de abaixo, porque estamos todos nun puñado de puntos. O obxectivo é salvarnos”, sinala con claridade o xogador do Arenteiro Promesas.
Este ano compiten ante rivais da zona de Vigo. Sobre isto, Raúl Beneitez admite que é “un ambiente diferente. É unha liga que colle moito máis territorio, nunha zona con equipos e canteiras con máis formación que en Ourense. Non sei se nivel de xogo, pero si en ritmo. Á hora de reforzarse agora en inverno van ter vantaxe”, pensa.
Gustaríalles xogar o derbi
Os xogadores dirixidos por Marc Barreiro agardan acadar a salvación para, o vindeiro ano, quedar encadrados no grupo ourensán, “sobre todo porque moitos traballan e desprazándonos a Vigo perdemos o domingo enteiro. Con todo, este ano imos desfrutar, e se mantemos a categoría e o ano que vén nos toca de novo en Vigo, desfrutaremos outra vez”, di.
Se xogasen en Ourense poderían ademais gozar de duelos moi interesantes, como o derbi ante o Sporting Carballiño, pois adestran e xogan no mesmo campo que eles, A Uceira. “Sería bonito, sen dúbida. Ademais, ao carón de aquí tamén está o Maside e agora o derbi é entre eles e o Sporting Carballiño”, indica.
O Arenteiro vive outra tempada histórica
Como veciño do Carballiño, Raúl Beneitez salienta tamén a situación do primeiro equipo do Arenteiro. “Cada ano que pasa pensamos que é imposible superar o do ano anterior. A xente do Carballiño levamos moitos anos vendo o equipo. Eu lémbroo en Primeira Rexional e Preferente. Ter un fútbol case profesional ao pé da casa é unha sorte. Estamos gozándoo moito”, apunta.
Ademais de velos sobre o verde, asegura que coñecen a moitos xogadores do primeiro equipo “porque ou ben viven aquí ou ben son de Ourense, pero non coincidimos nunca sobre o campo. Eles adestran de mañá e nós a última hora da tarde”.
Aínda hai moita diferenza entre o primero equipo, en Primeira RFEF, e o Promesas. “Non hai comparación no nivel. O obxectivo era crear unha base. É moi raro ver un equipo da categoría do Arenteiro sen un filial. Por algo hai que empezar e creamos o Promesas, xa estamos en Primeira Futgal e agora o que veña, aínda que sexa a longo prazo”.
Mentres, Raúl e os seus compañeiros seguen cos esforzos postos en acadar a permanencia. No seu caso, estase ademais formando como adestrador e bota unha man no equipo xuvenil do Arenteiro, que é líder na súa liga e ten o ascenso como grande obxectivo.