Na última década, o fútbol en Fisterra non se entende sen os Rapacollóns. Este grupo de animación xermolou a ritmo de percusión no Ara Solís na tempada 2014/15, cando a SD Fisterra acariñaba o título da Liga da Costa.
Lograron unir a máis e máis xente nun fin de tempada histórico. «Tras case 20 anos sen gañar nada, foi un momento de moita ilusión. O equipo estaba nos postos altos e xuntámonos para crear unha importante masa social«, sinala Bebeto, presidente da asociación cultural na que se converteu o que comezara como unha peña.
Así, nos últimos seis partidos da campaña, o Fisterra estivo mellor acompañado que nunca. Cando xogaban como locais, o campo estaba cheo. Cando o facían fóra, os xa bautizados como Rapacollóns subían ao autobús para acompañar ao equipo cos seus instrumentos. Bebeto lembra o derbi ante o Cee como un partido «histórico«. «As crónicas din que houbo 2.000 persoas no campo, cando Fisterra ten 2.300 habitantes no núcleo urbano«, apunta.
O apoio dos Rapacollóns, sempre ruidosos, moi animados e con vistosos disfraces, levou ao Fisterra a acadar o título. Nos anos seguintes, o equipo lograría o ascenso a Terceira División, un premio envelenado e que acabou pasando factura.
«O club foi moi por riba das súas posibilidades. Cando marchou todo o mundo, en Preferente o equipo non competiu«, lamenta Bebeto. Malia todo, pensa que «o maior logro foi non desaparecer tras chegar a Terceira División. O Fisterra conseguiu non facer unha aterraxe non forzosa e manterse en Primeira Galicia«, onde milita na actualidade. O líder deste grupo de animación pensa que esta categoría é «o noso teito«. Mesmo unha por baixo, a Segunda Galicia, que alí é a Liga da Costa, «non estaría mal«.
Aínda así, os Rapacollóns seguiron indo cada domingo a tocar ao Ara Solis. Así o fixeron ata esta última tempada, na que o equipo acabou na zona media da táboa, e despois de oito campañas, o desgaste pasou factura. Os Rapacollóns minguaron en efectivos “e a xente estaba algo cansa”.
Polo tanto, deixaron de acudir todos os domingos cos seus instrumentos e decidiron ir como peña “só aos partidos importantes”. Iso si, dedicaron moitos esforzos a animar aos xuvenís, “que ascenderon e chegaron á final da Copa da Costa”, conta con orgullo Bebeto.
Rapacollóns, máis que unha peña
O que comezou como un grupo de animación nas bancadas do Ara Solís foi moito máis alá. Un ano despois, constituíronse como asociación cultural e comezaron a impartir clases de percusión nas fins de semana. Así xurdiu unha batucada que a día de hoxe aínda está en activo e que ten máis dunha vintena de integrantes. En Fisterra e arredores é todo un clásico.
Os Rapacollóns fan ademais un carnaval de verán, foliadas, teatro e participan en cantos de taberna. «Nove anos despois aínda estamos en movemento«, destaca Bebeto.
Sobre o nome do grupo, o presidente da entidade admite «que soa algo feo, pero ten a súa historia, porque vén dunha expresión«. Conta que en Fisterra «as persoas maiores, ao ver nenos travesos ou xogando polas rúas, dicían: ‘Aí vén a tropa dos rapacollóns’. Nós creamos un grupo de WhatsApp con ese nome e unha pancarta e como sempre iamos de festa ao campo quedou o nome«.
O fútbol vívese doutro xeito na Costa
O propio Bebeto foi xogador do Fisterra durante varias tempadas. Por iso, sabe como ninguén o que se sinte nos campos da Liga da Costa. “Aquí o fútbol ten moito arraigo local. Antigamente había moita rivalidade entre as vilas polo tema do mar, e o fútbol era case unha cuestión de honra«, explica.
Bebeto engade que «xunto co Cee, o Baio e outros equipos, o Fisterra foi un dos fundadores da Liga da Costa. O fútbol aquí trascende do propio deporte. En todas as familias hai xogadores e iso é motivo de honra«.