# Hashtag
Chan da Barcia Ponte Caldelas

Ponte Caldelas confía en recuperar o campo de fútbol en dúas semanas

Hai menos dun ano que o paso da borrasca Domingos deixaba completamente inservible o campo de fútbol de Chan da Barcia, casa do Ponte Caldelas, que entón militaba en Primeira Galicia. Este mércores, como consecuencia de Kirk, o nivel do río Verdugo volveu subir e un novo desbordamento afectou ao campo de fútbol. Por sorte, desta volta as consecuencias foron menores.

O alcalde do municipio, Andrés Díaz, di que no consistorio agardan que o campo estea de novo operativo «en dúas semanas». Antes, deberán agardar a que a instalación seque por completo. Estando mollada, o peso do tapete triplícase e podería romper ao tirar del. Precisamente, ese será o segundo paso, estirar o céspede artificial ata devolvelo ao aspecto que tiña antes de que o Verdugo rebordase esta semana.

O rexedor asegura que o sistema de base elástica de Chan da Barcia «funcionou e, aínda que as imaxes son moi chamativas, simplemente haberá que estirar unha pequena parte do tapete».



O Ponte Caldelas segue adestrando en Chan da Barcia

Así e todo, os equipos do Ponte Caldelas poderán seguir adestrando na metade do campo que non sufriu danos mentres non se resolve a incidencia.

Dende un primeiro momento estaba claro que así o farían os conxuntos de fútbol 8. A última hora deste xoves, o presidente do club, Pedro Rodríguez, o coordinador deportivo da entidade e os adestradores reuníronse para marcar a folla de ruta a seguir, polo menos, durante as vindeiras dúas semanas.

Acordaron que os equipos de fútbol 11 —un sénior feminino e un masculino, dous xuvenís, un cadete e mais un infantil— continúen tamén en Chan da Barcia. Iso si, dos tres adestramentos semanais do primeiro equipo masculino, un deles será no campo de Marcón, en Pontevedra. «Imos adaptarnos como poidamos e a ver se aguantamos estes 15 días», apunta Rodríguez.



O campo de Ponte Caldelas estaba novo

Tras quedar inservible por unha riada en novembro de 2023, a obra de reconstrución de Chan da Barcia pasou a primeira certificación parcial a comezos do pasado setembro, logo dun investimento cifrado nuns 300.000 euros. O alcalde apuntou entón que é «un campo de primeira» e que o seu céspede artificial «cumpre as normativas UNE, Fifa Quality e Fifa Quality Pro».

Chan da Barcia pasou da herba natural á artificial en 2003. Durante 16 anos resistiu o mesmo tapete. «E nese tempo nunca o levou o río. Sempre houbo enchentes, pero é certo que non foron tan graves como estas últimas», di Pedro Rodríguez, que se pregunta que factores puideron motivar as consecuencias devastadoras dos últimos dous episodios.

Entre as posibles causas, nas rúas de Ponte Caldelas fálase de falta de limpeza no Verdugo e mesmo da acción dunha presa localizada no río nas proximidades do campo.



O desbordamento que motivou un descenso

No Ponte Caldelas celebran que, dentro do malo, o problema desta vez teña unha solución que semella será máis rápida. Non queren nin lembrar a pasada tempada, que se saldou cun descenso a Segunda Futgal no que teñen claro que quedar sen o campo, xunto con outros factores, tivo moito que ver.

Tal e como relatara o presidente da entidade, Pedro Rodríguez, a FutbolinGalicia, daquela trasladáranse a Racelo, campo situado no concello veciño da Lama. O tempo que puideron competir en Chan da Barcia sumaron oito puntos de 15 posibles. No desterro, de 36 posibles, só acadaron dez, e remataron a tempada na penúltima posición.

Pero o problema repítese. «Levabamos un mes co campo novo. Pensabamos que xa acabara todo e agora volvemos a empezar. Aínda non as teño todas comigo, pero grazas a Deus non foi tanto como a outra vez, que quedara afectado todo o campo. Desta vez foi unha banda, que está bastante deteriorada, iso si», sinala Rodríguez. O Ponte Caldelas debutou no novo Chan da Barcia en partido oficial o 15 de setembro, nun encontro correspondente á primeira xornada da Segunda Futgal pontevedresa. Só o empregaron en liga unha vez máis, o pasado 6 de outubro.

No club temen que se poidan repetir riadas como a desta semana: «queda todo o inverno por diante e é moita a incerteza».

Estado do tapete de Chan da Barcia tras a enchente de novembro de 2023. Arquivo

Foi un erro non mudar a localización do campo?

Menos dun ano despois, unha nova riada deixou afectado Chan da Barcia. Este feito, produto da enchente do río Verdugo ao seu paso pola localidade, xerou moita controversia na vila. No eido da política, os partidos da oposición amosáronse críticos coa decisión do Goberno local de manter o campo no mesmo lugar. O rexedor, pola súa banda, defende que Ponte Caldelas «siga mantendo o campo de fútbol no casco urbano, por comodidade para as familias e como importante motor dinamizador da economía local».



Desde o club de fútbol foron partidarios de trasladar o campo. «Nós aconsellaramos non arranxar este e buscar outra localización. Hai varios sitios onde se podía facer e mesmo hai algún campo abandonado que se podía rehabilitar», indica Pedro Rodríguez. O presidente do Ponte Caldelas lembra a existencia dun proxecto que quedou gardado nun caixón e que contemplaba deixar o actual Chan da Barcia en herba natural e construír un artificial «nuns terreos que están un pouco máis arriba, onde non chega a auga». Esa proposta, di, non prosperou no seu momento.

Con todo, Pedro Rodríguez coindice co rexedor en que «é un luxo ter o campo onde o temos nós, no centro da vila» e recoñece que Chan da Barcia «dálle vida e movemento á localidade».

Ponte Caldelas confía en recuperar o campo de fútbol en dúas semanas

O San Tirso agarda polo Espanyol do

Ponte Caldelas confía en recuperar o campo de fútbol en dúas semanas

Iñaki Leonardo, Somozas: «O Racing de Ferrol

Dejar un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *