A SD Pol non comezou ben na Preferente Norte na tempada da súa estrea nesta categoría autonómica. Con todo, a situación da SD comezou a mudar nas últimas semanas e agora xa se atopan fóra dos postos de descenso.
En outubro, o adestrador, Roberto Fernández Alvarellos, xa adiantara a Futbolinlugo os plans do club: “Cambiamos o cadro de xogadores continuamente e creo que así será ata final de tempada, con bastantes cambios”. Dito e feito. Nas últimas semanas, en concreto, o Pol incorporou varios xogadores da Sarriana que xa viaxan a bordo do polémico autobús que adquiriu este concello lugués, que acaba de comprar tamén un supermercado.
A última incorporación, a máis sonada, é a do dianteiro Fernando Cuadrado, con pasado no Racing Villalbés. Na súa segunda tempada na Ribela, Cuadrado, de 30 anos, tivo participación en nove encontros, con só unha titularidade e un gol. Fora expulsado no minuto 90 no seu último partido coa camiseta branca. As lesións impedíronlle gozar dunha maior regularidade, que espera atopar nesta nova aventura na Preferente.
Outros que fixeron camiño a Pol
Alí, no Municipal, Cuadrado atoparase con outros xogadores que comezaron esta tempada en Sarria. É o caso do defensa arxentino Froilán Contreras, que non tivo protagonismo no conxunto de Ribela e que buscou acomodo no Pol, onde acumula catro titularidades consecutivas.
Tampouco callou en Sarria outro defensa, o canario Youssef Sánchez, un futbolista moi mozo, acabado de saír da idade xuvenil, que rematou no Sporting Atlético. Sánchez chegou a debutar na Ribela, pero o lateral formado na canteira do CD Tenerife non tivo oco e tomou o camiño en dirección a Pol. Anotou un dos goles do seu equipo na vitoria 1-2 ante o San Tirso.
No once inicial do equipo de Roberto Fernández ante o Lemos estaba outro ex da Sarriana, o centrocampista Iñaki Fernández, que abandonara o equipo de Ribela ao non poder compaxinar o fútbol co seu traballo, que está tamén moi relacionado con este deporte.
No cadro de xogadores do Pol hai máis futbolistas con pasado na Sarriana, como é o caso de Julio Camba, Hamza e Omar Rodríguez. Ambos os dous clubs manteñen unha boa relación. Ademais, non é estraño atoparse na Ribela co alcalde de Pol.