Tiivii, a plataforma de televisión do deporte galego, xa está en marcha. Anunciada durante o congreso ‘O Camiño da Futgal’, esta iniciativa lanzada por Cinfo permite aos afeccionados ao deporte ver un bo número de equipos cada fin de semana. Está dispoñible en aplicacións de dispositivos móbiles, de Smart TVs, en Android TV e nesta web. No servizo de navegadores dispoñerá ademais de servizo multicámara e de vista táctica para adestradores.
O servizo é gratuíto e xa comezou a funcionar nun bo número de campos e pavillóns. As ligas seleccionadas para a plataforma son a Preferente Futgal de fútbol masculina, a Primeira División L.G. Feminina e as Preferentes masculina e feminina de fútbol sala. Tamén hai retransmisións de categorías inferiores, veteráns, de baloncesto, balonmán e outros deportes.
A emisión dos partidos utiliza o sistema de intelixencia artificial e de produción na nube de Cinfo, que permitirá emitir todos os partidos minimizando o custo e sen baixar a calidade. Segundo indican os promotores, as retransmisións poden ter locución, repeticións, marcador e todo o necesario para ter unha produción atractiva. O centro de produción e control será instalado no CSA da Cidade das TIC.
Esta plataforma é gratuíta para todos os afeccionados e está aberta ao resto de clubs e federacións de Galicia, para que poidan emitir as súas ligas e crear unha comunidade do deporte galego ao redor desta televisión, indican dende Cinfo.
O proxecto ten un modelo cooperativo. Os propios clubs poden xestionar o seu inventario de publicidade en mesmo ter os seus propios locutores, con presenza en pantalla.
Axenda da televisión do deporte galego
Nesta fin de semana, Tiivii retransmitirá varios encontros, segundo ten anunciado na súa páxina web. Na Preferente Norte, os espectadores poderán seguir os seguintes: Ribadeo – Escairón, O Val – Cidade de Ribeira, Galicia Mugardos – Pol, Lemos – Montañeros, Paiosaco – Arzúa e Lalín – Sigüeiro. A pasada semana puidéronse ver ademais na plataforma varios encontros da Preferente Sur, como o Céltiga – Porriño, o Portonovo – Arnoia e o Matamá – Bouzas.
O sistema xa está instalado en máis de 60 campos e pavillóns de Galicia e hai outros en camiño. Ademais dos clubs, máis de 50 concellos de toda Galicia asinaron unha carta de apoio ao proxecto e cederon as súas instalacións para a instalación do sistema de cámaras automático e do software de intelixencia artificial.
Segundo Cinfo vai instalando sistemas tamén está activando as producións, e xa hai partidos gravados de xornadas anteriores que se poden recuperar na plataforma.