O fútbol feminino galego vive días convulsos trala polémica xerada polo reparto de grupos na Segunda División Galega. O San Estevo Abellá SDC renuncia á súa praza na categoría debido ao que consideran unha decisión inxusta por parte da Real Federación Galega de Fútbol.
Dende FutbolinGalicia, analizamos as chaves deste conflito a través das declaracións do presidente do club, Manuel Gómez, quen nos dá a súa visión dos feitos. A pesar do traballo por contar coas palabras de Amancio Varela, responsable do fútbol feminino na Federación, dende a Futgal afirman que é «un tema xa falado co club pola nosa parte e coas competicións xa pechadas e en marcha».
Unha historia marcada polas dificultades
O equipo do municipio de Frades comezou a súa andaina na tempada 2014-2015. Para o grupo de rapazas que conformaron aquel equipo foi «unha ilusión feita realidade«. O feito de poder xogar ao fútbol preto da súa casa abría novas posibilidades ás rapazas da contorna.
O fútbol feminino continuou crecendo de forma exponencial en moitos ámbitos pero continúan existindo trabas e dificultades cando nos aproximamos á realidade do rural. Este caso que tratamos hoxe non é o primeiro revés para a entidade. No 2019 o equipo logrou un histórico ascenso á Primeira División Galega o cal tiveron que renunciar polas dificultades á hora de conformar un equipo competitivo. Naquel momento, o club non conseguiu atopar porteiras para completar o grupo e decidiron continuar o seu traballo en Segunda.
Un reparto de grupos que frustra a súa planificación
O conflito comezou cando o Abellá recibiu o calendario para esta nova tempada na Segunda División Feminina e comprobaron que estaban incluídos no grupo 2. «No momento que recibimos o calendario e vimos que nos incluíran no grupo 2, xa soubemos que ía ser totalmente inviable facer fronte á tempada nesas condicións», explicou na entrevista o seu presidente.
Para eles o problema reside nos longos desprazamentos que o equipo tería que afrontar e que farían imposible soster economicamente a tempada. «A cantidade de km estimada para competir en dito grupo suporía un gasto aproximado de 9.000 euros, unha cantidade moi por enriba das posibilidades do noso club».
Manuel Gómez coméntanos tamén que ás dificultades non son só económicas: «Eses desprazamentos obrigarían a xogadoras e corpo técnico a perder todo un día para poder xogar un partido de fútbol da Segunda División Galega».
En palabras da Federación, recollidas polo club nun dos seus comunicados, a decisión ten en conta a distancia e o tempo de cada viaxe. Dende o club trataron de amosar con datos que a distancia a percorrer ao incluírlles no grupo da zona de Pontevedra era dificilmente asumible para eles, malia sen sorte.
Un novo descenso fóra dos campos
O sentimento no seo do club é de profunda inxustiza. «Se nos quitou o que por dereito se gañou no terreo de xogo», afirma Manuel con resignación.
As de Frades propuxeron alternativas como a creación de grupos irregulares, xa que na actualidade trátanse de dous grupos de 16 equipos. Así e todo, esta opción non foi tomada en consideración porque, según o recollido no comunicado, a Futgal entende que isto estendía demasiado a tempada.
Fai dous meses, no caso da competición masculina, puidemos ver como os clubs da Primeira Futgal tiveron a oportunidade de votar por tres propostas para a confección dos grupos. Nesta ocasión non houbo esa sorte.
Unha das poucas notas positivas nesta situación para o Abellá é o apoio que están recibindo sobre todo a través das redes sociais. Afeccionados ao fútbol, compañeiras de deporte e outras entidades veciñas están mostrando o seu descontento ante esta situación. «Estamos moi agradecidos con todo o apoio recibido, xa que foron moitas as mostras de ánimo que nos chegaron e nos deron forza para seguir loitando».
O debate atópase na rúa
Como comentabamos no inicio, a situación do Abellá evidencia a escaseza de recursos e a desvantaxe competitiva á que se enfrontan os clubs que non se atopan nas urbes. Dende a entidade deportiva o que non queren son máis paus nas rodas: «consideramos que debería haber moita máis transparencia á hora da confección, e non avisar 10 días antes do comezo da liga».
O presidente deixou claro que, aínda que entenden a complexidade de conformar os grupos, a xestión non foi a adecuada. «O resultado foi que un equipo como o noso, que a tempada pasada xogou a promoción de ascenso a Primeira Galega, se vexa obrigado a baixar de categoría».
Xogadoras, corpo técnico e directiva buscarán recuperar no campo o que consideran que lles foi inxustamente arrebatado e agardan que situacións deste tipo non se volvan a repetir no futuro.
Arranca a competición para a maioría dos grupos de Terceira - FutbolinGalicia
03rd Oct 2024[…] O caso do Abellá abre o debate sobre […]