O equipo sénior masculino da SD O Val cre na permanencia. O conxunto de Narón está a dous puntos da salvación a falta de dez xornadas para o remate da Preferente Norte. Parecía un imposible hai só unhas semanas, pero agora é unha posibilidade que semella estar a tiro de pedra para un equipo que ganou tres dos últimos cinco encontros disputados.
O Val comezou a tempada sumando dous puntos de 15 posibles, ao igual que o Ribadeo e mellorando ao Pol e o Galicia de Mugardos. Con todo, as xornadas foron pasando e os equipos foron rabuñando puntos. Non así o cadro branco e vermello.
Tiveron que agardar ata a xornada 11, a mediados de novembro, para festexar a primeira vitoria, que obtiveron na casa e ante un rival directo pola permanencia, o Escairón. Malia todo, tras ese triunfo só sumaron 1 punto dos 21 seguintes. Ata febreiro, cando volveron gañar no duelo de proximidade ante o Mugardos. Antes diso, os de Xaqui chegaran a estar a 12 puntos da salvación.
A SD O Val deulle a volta á situación
O Val logrou darlle a volta ao que semellaba un punto sen retorno. Ante outro rival da zona, o Miño, e de novo no campo de Sinde, volveron sumar de tres e deixar a salvación a sete puntos. Logo coñeceron a vitoria tamén a domicilio, no campo da Pinguela de Monforte. E ante un rival complexo como o Cidade de Ribeira acumularon a terceira xornada sen perder, xa no mes de marzo.
A xornada seguinte, a última disputada ata a data, a SD O Val deu a sorpresa da xornada ao vencer ao equipo revelación da Preferente Norte, o Negreira. Esta boa xeira permitiulles aos futbolistas que adestra Joaquín Rico Xaqui recurtar distancias coa permanencia que marca o Ribadeo e confiar no obxectivo da salvación. O Val ten 20 puntos e está a só dous do equipo da Mariña.
Ata a fin da liga, a SD O Val ten o seguinte calendario: San Tirso, Pol, Escairón, Sigüeiro, Órdenes, Arzúa, Montañeros, Paiosaco e Dubra. Ademais ten pendente o partido da xornada 19, no que o seu rival é, precisamente, o Ribadeo.

Así vén a xornada 26 da Preferente Norte
A categoría entra na recta final. Quedan nove xornadas e mais a aprazada polo temporal. Este domingo 16 de marzo xogarase a número 26. Entre os duelos destacados, destaca o que vai medir no García Calvo a dous equipos en play-off, o Negreira e o Cidade de Ribeira. O líder Montañeros recibe ao Dubra, e o Sigüeiro, ao Galicia de Mugardos.
O Lalín, un proxecto deseñado para o ascenso que tivo altos e baixos durante a tempada, conseguiu a pasada xornada acceder a postos de promoción. Esta fin de semana visita o campo do Arzúa, colista. Os do Deza terán a vista posta, precisamente, no que faga a SD O Val, que xogan ante o San Tirso, equipo co que loita o Lalín a praza de play-off.
A xornada complétase cos seguintes partidos: Pol – Miño; Escairón – Sofán; Órdenes – Ribadeo; e Paiosaco – Lemos.
