# Hashtag
Tatiana Barcia e Sara Álvarez, Viaxes Interrías FF

Tatiana Barcia e Sara Álvarez, Viaxes Interrías FF: «Se nos din cando asinamos que na última xornada iamos estar xogándonos o playoff non nolo creriamos»

Das competicións autonómicas á terceira liga nacional en pouco máis de 5 anos

Sensación agridoce para unha tempada excelente do Viaxes Interrías FF, que pelexaron pola segunda posición da táboa ata o derradeiro encontro. Un gol era o que necesitaban para acadar un dos postos que lles permitise loitar na fase de ascenso a Primeira Federación. 

No 2015 creouse en Sanxenxo o equipo feminino da localidade en colaboración co Portonovo SD. Nese mesmo ano, conseguiu o ascenso a Primeira Galega. Na tempada 2018/2019 ascenderon a nacional, e tras 3 intentos chegaron á 2ª RFEF, onde se atopan a día de hoxe. A entidade non se conforma co conseguido ata agora e queren seguir crecendo.

Hoxe falamos con Tatiana Barcia “Tati” e con Sara Álvarez “Muñi”, dous dos reforzos que chegaron ao club pontevedrés nesta campaña.



Xuventude e experiencia nas súas botas

Tati e Muñi á dereita na súa fichaxe pola Atlántida Matamá. Atlántico Diario

Tati e Muñi xa compartiran vestiario noutras ocasións. Coincidiron no desaparecido Atlántida Matamá, con outras compañeiras actuais como «Clo» ou María Figueroa, e tamén nas filas deportivistas.

Cando xogaban no equipo vigués tiñan 17 e 15 anos respectivamente. Lograron o ascenso de nacional a Segunda Pro pero a entidade olívica tomou a decisión de renunciar á categoría tras non conseguir un acordo co RC Celta para sufragar os gastos.

A maldición que perseguía aos clubs femininos vigueses fixo que os soños de moitas xogadoras se atopasen fóra dos lindes da comarca. No caso de Tati, tras pasar un ano polo Interrías, seguiu o seu camiño no Depor, onde volve a cruzarse con Muñi, ata que a rosaleira volta a Vigo para xogar co Sárdoma CF.



Agora, 6 anos máis tarde, a de Mazaricos está graduada en Fisioterapia e a do Rosal atópase estudando Psicoloxía, mentres defenden xuntas a camisola do Interrías.

Repaso desta tempada co Viaxes Interrías FF

FutbolinGalicia: Dende o club o obxectivo principal era acadar a salvación o antes posible, xa que, a tempada anterior o Interrías logrou a permanencia na penúltima xornada de liga. Imaxinabades ao principio de ano estar loitando polos postos de playoff?



Tatiana Barcia: Se nos din cando fomos firmar, que na última xornada, iamos a estar xogándonos poder ir a playoff, non nolo creriamos ninguén. […] Ao manternos aí arriba si que empezamos a soñar con que podía ser posible.

Sara Álvarez: Eu non, tal e como empezamos mirabamonos fortes, pero a priori non era o obxectivo.

FIG: Despois dunha mala xeira de 4 partidos sen gañar, onde o Atlético Baleares vos supera na táboa, como lograstes manter o foco e seguir motivadas?

TB: Ao final sabiamos que se puntuabamos iamos volver estar aí arriba, e volver a competir con eles. Seguiamos tendo a ilusión de estar arriba, nunca nos viñemos abaixo.

SÁ: Non foi presión de elas cara nós, senón de nós mesmas. Sabiamos que era temporal, que podiamos remontar. A motivación sempre estivo aí, pero o esforzo e o traballo foi determinante.



FIG: Que credes que foi o que vos faltou para poder acadar ese playoff de ascenso?

TB: Hai que ter en conta que o rival o fixo igual de ben ca nós, estivemos gañando os mesmos partidos e ao final quedámonos a un gol e non entrou no último partido.

SÁ: Teñen que darse moitos factores para ascender ou incluso para xogar o playoff. De feito, o noso obxectivo inicial era manternos. Fomos un equipos super competitivo, super traballado, foron pequenos detalles. Deixarte algún punto que igual non deberiamos… fiar moi fino.

FIG: A nivel persoal, como foi a vosa experiencia? Que diferenzas tivo esta tempada para vós con respecto ao resto de anos que levades xogando ao fútbol.

TB: A pesar do resultado final, eu a valoro de forma moi positiva. Foi moi intensa e de implicación total. Eu viña de estar 3 anos nun club profesional, e isto era un novo reto no que non sabía moi ben o que me ía atopar e encontreime cun club que quere profesionalizarse. Profesionalizarse en tódolos aspectos, en instalacións, a nivel de corpo técnico, nutrición…

SÁ: Para min foi totalmente diferente a calquera outra tempada. Sabía que era un proxecto novo, con novo corpo técnico […] pero non agardaba que fose algo tan profesional e unha implicación por parte de todo o mundo moi grande. Ao final, todo iso tamén é unha motivación para que ti intentes estar ao máximo nivel.

Tatiana Barcia e Sara Álvarez, Viaxes Interrías FF
O equipo do Interrías tras o seu partido en Lezama . Facebook Viaxes Interrías

FIG: Este ano percorrestes parte do norte da península, algún campo ou partido que vos fixera especial ilusión xogar?

TB: Eu creo o feito de ir a Valdebebas e xogar contra o Real Madrid, elas primeiras e nós segundas, creo que foi o máis especial. Estivemos a piques de gañar, e escápasenos nos minutos finais.

SÁ: A min particularmente o partido de Gijón, porque viña dunha xeira de non xogar, de non estar ben comigo mesma, e xoguei e marquei dous goles.

FIG: Fostes unha decea de xogadoras as que chegades ao Interrías nesta campaña, xogadoras novas pero con ampla experiencia en categorías nacionais. O equipo aposta tamén pola incorporación de Cris Oreiro aos mandos. Como foi a cohesión grupal de todo ese grupo de xente?

TB: Eramos case todas fichaxes novas, algunhas coñeciamonos de xogar noutros equipos, ou coa selección, pero practicamente tiñamos que coñecernos, e coñecernos no campo e co novo modelo de xogo que propuña a adestradora. Traballamos un montón en pretempada pero polo que se ve funcionou ben e parecía coma se nos coñecesemos de sempre.

SÁ: Fixemos grupo moi rápido, en pretempada fomos unha semana a Asturias que nos veu moi ben para cohesionar o grupo. O feito de vernos aí a piques de conseguir un posto para o ascenso tamén axudaba a que o grupo estivera sempre motivado e unhas tirasen das outras. No momento que flaqueabamos sempre tiñas o apoio da compañeira do lado.

FIG: O «novo San Pedro» foi un fortín e poucos puntos se vos escaparon na casa. Notabades ese apoio dende as bancadas?

O «Novo San Pedro» ateigouse para alentar ao equipo. Facebook Viaxes Interrías

TB: Dá gusto que se encha o campo como ocorreu neses partidos importantes e en varios máis. Ademais sempre apoian de forma positiva, nunca sentimos reproches, e iso fai que sexa máis doado gañar.

SÁ: A min San Pedro paréceme un espectáculo. O partido de Oviedo, ou o último de Baleares ou contra o Real Madrid que veu un montón de xente. Saír ao campo, escoitar á xente gritar, aplaudirnos, estar enriba en cada balón, non só nos goles. Eu creo que o equipo rival tamén o nota, cando a bancada apreta somos un máis.

FIG: Gustariame saber como vedes o nivel do fútbol feminino galego, xa que tamén coñecedes o nivel que hai por aí fóra.

TB: Creo que se debería apostar máis polos equipos para conseguir estar máis arriba. O ano pasado había 3 equipos galegos en 2ª RFEF e queremos que os volva a haber. Creo que si que evolucionou moitísimo o nivel competitivo do fútbol galego, coa creación das novas ligas aumentou o nivel, pero penso que se podería facer moito máis. A chegada do Celta por exemplo que chega tarde e que debería ter estado moito antes.

SÁ: O Depor é o referente, o que está arriba e o que apostou máis forte. A distancia que hai entre o Deportivo co resto de equipos galegos, salvando ao Interrías, é moi grande. É o que di Tati, baixaron dous equipos o ano pasado de 2ª RFEF e esa brecha segue aí. Hai que apostar ben porque non é fácil recortala, ascender non é nada fácil, e menos en categorías que cada vez están máis profesionalizadas.

O ano que vén, en palabras da directiva, o Viaxes Interrías apostará por mirar cara eses postos altos da táboa para conseguir dar o salto de categoría. Dende FutbolinGalicia compartimos os desexos de Tati e Muñi para o fútbol galego e agardamos velas ascender.

Tatiana Barcia e Sara Álvarez, Viaxes Interrías FF: «Se nos din cando asinamos que na última xornada iamos estar xogándonos o playoff non nolo creriamos»

Diario Dun Mercado Preferente Sur. Episodio 1

Tatiana Barcia e Sara Álvarez, Viaxes Interrías FF: «Se nos din cando asinamos que na última xornada iamos estar xogándonos o playoff non nolo creriamos»

Atlético Escairón, Cented e Beluso celebran o

Deja un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *