Momento de buscar Diferenciais de FutbolinGalicia da Primeira Futgal, con sorpresa no grupo 2, que, tras estar dominado toda a tempada polo Club do Mar, cambia de líderes. Os de Caión víronse superados 2-0 polo Boimorto, que resolveu o partido na primeira metade. Alexandre Villaravid fixo o primeiro aos dez minutos. Aproveita este picazo o Carral, que fixo os deberes e empata a puntos co Club do Mar, colocándose primeiro. Oito vitorias seguidas encadea o Carral, con Jony como pichichi. Na parte baixa, o Bertamiráns sumou o terceiro triunfo consecutivo e abre fenda de tres puntos co descenso tras golear 1-4 ao Vea. Adrián Castro fixo un dobrete.
O Torre acadou o triunfo ante o líder do grupo 1, o Victoria CF, que leva unha vitoria nos últimos cinco encontros. Álex Pérez anotou o primeiro do Torre e suma xa 14 dianas en liga. Na loita pola permanencia, o Numancia de Ares acadou a súa segunda vitoria consecutiva, esta vez ante un rival directo como o Cedeira. Quique puxo o 2-3 definitivo de penalti no engadido. Tampouco o Perlío quere problemas coa zona de descenso. Os de Fene superaron con gol de Xabi ao Meicende e apertan aínda máis a táboa.
Outros líderes que non gañaron
Tampouco puido sumar a vitoria o líder do grupo 6, o Tyde, que viu como o Chaín acadaba o empate 3-3 no minuto 89 con gol de Noel. Os de Tui manteñen, con todo, un colchón de cinco puntos sobre o segundo. O Guardés sumou unha importante vitoria coa que rachan cunha xeira de tres derrotas seguidas. Gañaron 1-3 ao Caldelas, con dobrete de Víctor Fernández. E na loita pola permanencia, o Domaio rescatou un punto de ouro ante o terceiro, o Gondomar. Moisés fixo un dobrete para os das Gaiandas, poñendo o 2-2 no engadido.
Na traca final do Entroido, tampouco o Antela de Xinzo de Limia –líder do grupo ourensán– puido celebrar unha vitoria, ao empatar sen goles co segundo, o Celanova. Aproveita o Muíños para recortar distancias e poñerse a tres da segunda plaza. Superaron ao Loñoá 0-2 e Sergio Rodríguez foi o autor do primeiro. Mentres, o Monterrei apúntase á loita polo play-off coa súa cuarta vitoria consecutiva. Desta volta, por cero a un ante o Allariz; marcou Adrián Parada.
Líderes que non fallaron
Noutros grupos, os líderes non fallan. No 5, o Puebla fixo os deberes e mantén 12 puntos de vantaxe co Unión, que é segundo e tamén ganou, ao igual que o Cordeiro, terceiro. Aos de Valga trataba de darlles caza o Arcade, pero caeron ante un San Martín que quere apuntarse á pelexa. Jorge Miser anotou o 1-2 no engadido. O Vilaboa aproveitou para igualar os puntos dos do Salgueirón ao gañar 0-1 ao Campo Lameiro cun tanto de Sergio Coloret. O Unión Dena mantense como un dos equipos máis en forma, con sete partidos sen perder e catro vitorias. Superaron 4-1 ao Cuntis e Marcos Paz abriu o marcador.
Tampouco fallou o Burela en terras luguesas. Os da Marosa cortaron unha xeira de dúas derrotas ao superar ao Monterroso 3-1, con dobrete de Adrián Fernández incluído. A Residencia perdeu a segunda praza ao caer contra o equipo máis en forma neste momento, o Foz, que remontou na Cheda para gañar 1-2. Daniel Chao culminou esa remontada no minuto 67, cando levaba só dez sobre o verde.

Finalmente, en plena Feira do Viño, o Chantada Atlético levou o derbi diante da SD Chantada cun gol no tempo extra de Dani Delgado. O equipo dedicou o triunfo a Jairo, xogador do Chantada Atlético ‘B’ falecido nun tráxico accidente de tráfico.
Que son os Diferenciais?
Os Diferenciais de FutbolinGalicia son eses xogadores que anotan goles chave para os seus equipos, para levar os tres puntos, para salvar un empate in extremis… Tamén os que realizan grandes actuacións individuais. Todo iso recoñecemos nesta sección dos Diferenciais, que iremos actualizando xornada a xornada e para a que agardamos contar tamén coa colaboración dos lectores.
Cada xornada, a Primeira Futgal deléitanos con máis de medio cento de partidos. Como ter ollos en todos e cada un dos campos é imposible, agardamos a vosa participación para completar a listaxe dos Diferenciais.

Podes poñerte en contacto con FutbolinGalicia a través de X ou de Instagram.
Tamén podes acceder ás listaxes dos Diferenciais das pasadas xornadas, premendo aquí.