# Hashtag

Piolín, Ribadavia Atlético: «Este será un ano en branco, pero volveremos sacar equipo»

A localidade ourensá de Ribadavia (4.973 habitantes) non contará con equipo sénior de fútbol esta tempada. O club local, o Ribadavia Atlético, renunciou a saír a competir na Primeira Futgal, ao coñecer que se mediría a rivais da zona de Vigo, co incremento de distancias nos desprazamentos que iso conleva. Malia todo, xa pensan en regresar na tempada 2025/26.

Gabriel González, máis coñecido como ‘Pío’ ou ‘Piolín’, é o capitán do equipo. Leva xogando no Xestal dende o seu primeiro ano sénior, agás un efémero paso polo Ribeiro de Preferente e polo Maside. Desvívese polo equipo da súa vila e fala de “frustración” cando lle preguntan por como afronta esta situación.

O peor é que quedamos fóra a última hora. Se nos din que isto ía ocorrer en tres anos xa vas planificando. Pero foi todo mal, sen sentido, e quedamos fóra da Primeira Rexional e, ao final, directamente sen equipo. A xente xa está adestrando e non nos deu tempo nin a formar un equipo en Terceira”, explica Pío.



Moitos xogadores procedían de Ourense

Un dos motivos é que varios dos xogadores do Ribadavia Atlético residen na capital da provincia. “Viñan dende Ourense e viñan porque querían xogar en Primeira Rexional. Eu enténdoos, porque alí sóbranlles equipos para xogar en Terceira Rexional moito máis preto da casa”, sinala o capitán do equipo.

E Piolín vai máis alá. “Mandáronnos só a dous equipos a competir á zona de Vigo [Ribadavia e Arrabaldo]. Que futbolista vai querer vir xogar a estes dous equipos, tendo os outros 16 xogando só contra rivais de Ourense?”, pregúntase. Di que tamén botaron en falta apoio dende o consistorio «neste momento delicado«.

O Ribadavia prepara o regreso

Malia todo, intentaron sacar un equipo en Terceira Futgal, categoría á que descenderon de xeito automático ao renunciar á Primeira Futgal. Piolín di que intentou convencer a varios futbolistas para que seguisen, “pero como nos marearon tanto a metade dos xogadores perderon a paciencia e foron buscando equipo”.



Iso mesturouse con que esta tempada “non sobe ningún xuvenil”, así que non lograron xuntar un grupo a tempo para competir con garantías na categoría máis baixa do fútbol galego. “Se isto o soubésemos ao acabar a pasada tempada, aínda teriamos un tempo para planificar, pero facer un equipo en 15 días é inviable”, lamenta Gabriel González.

Polo tanto, a idea da directiva é parar unha tempada e retomar o equipo sénior de cara á tempada 2025/2026. “Será un ano en branco, pero seguiremos coidando a base e volveremos xuntarnos xogadores da última tempada e os cinco ou seis xuvenís que pasarán a sénior ao final desta campaña”, avanza Piolín.

Cadro de xogadores do Ribadavia Atlético. Facebook

Mentres, os xogadores que ían vestir este curso as cores do Ribadavia Atlético buscan acomodo noutros clubs da contorna. Tamén Pío baralla que facer este ano, pero vai xogar seguro; “non podo estar un ano sen fútbol, que me pega un telele”, di entre risos. Gustaríalle volver ao Maside, equipo no que deixou moitos amigos, ou ben unirse ao Cortegada, que está a facer un proxecto interesante e lle queda máis preto da casa.



Quen ocupará estas prazas?

O primeiro en renunciar á Primeira Futgal foi o Arrabaldo, un equipo acabado de ascender. Iso permítelles renunciar ao ascenso e competir en Segunda Futgal como a pasada tempada. Esta situación abre a porta ao ascenso do CD Arenteiro B, que rematara segundo, empatado a puntos co Arrabaldo.

Con todo, o caso do Ribadavia Atlético é ben diferente. A pasada tempada xa competiron na Primeira Galicia. Por iso, non sería unha renuncia ao ascenso como o Arrabaldo, senón unha renuncia a participar na categoría. Unha das posibilidades é que ocupe a praza a Milagrosa lucense, que descendeu por arrastres a Segunda Galicia.

equipos

Esta por ver se, en caso de que se lles propoña e acepten, se ven obrigados a competir no grupo onde o ía facer o Ribadavia. Non parece viable restruturar os grupos a falta de menos dun mes para o inicio da liga e cando foron os clubs os que votaron entre as propostas da Federación.

Pola súa banda, se o Arenteiro B colle a praza darase unha situación curiosa. O Sporting Carballiño, que xoga na Uceira, ao igual que o filial dos verdes, competirá no grupo de Ourense. Así, un mesmo campo acollería equipos en dous grupos diferentes da Primeira Futgal.



Piolín, Ribadavia Atlético: «Este será un ano en branco, pero volveremos sacar equipo»

Juan de Dora (Betanzos): «Quero facer unha

Piolín, Ribadavia Atlético: «Este será un ano en branco, pero volveremos sacar equipo»

Julio Rey, Céltiga FC: «Non podemos esquecer

3 Comentarios

  1. […] Piolín, Ribadavia Atlético: «Este será un ano en […]

  2. […] Piolín, Ribadavia Atlético: «Este será un ano en […]

  3. […] Piolín, Ribadavia Atlético: «Este será un ano en […]

Deja un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *