Polémica no grupo 5 da Primeira Futgal polo acontecido en San Pedro a pasada xornada no encontro entre o Marín e o Soutomaior, que rematou con vitoria visitante (1-2). O árbitro recolleu na acta que foi golpeado cando se dirixía aos vestiarios ao remate do partido. En concreto, o Comité de Competición e Disciplina explícao así: «incidente de público consistente no golpeo por parte dun afeccionado do club locatario na cabeza do colexiado principal do partido«.
O Marín foi multado por estes feitos, mais dende o club quixeron matizar o sucedido nun comunicado. Logo de expulsar «a máxima condena a calquera tipo de violencia no ámbito do fútbol«, o club di que o colexiado «en ningún caso foi agredido» cando marchaba do terreo de xogo. Aseguran que o que «realmente» ocorreu foi que lle caeron os lentes a un afeccionado «ao inclinarse para recriminarlle ao árbitro a súa actuación«. Segundo o comunicado, este seareiro estaba «no balcón que hai na bancada sobre o túnel de vestiarios«.
Ao caer dende a bancada, os lentes «rozaron o árbitro, que mesmo chegou a collelos coa sú man«, engaden dende o Marín. O club de San Pedro pensa que esta situación «de ningún xeito se pode considerar unha agresión, senón un mero accidente«.
Alegacións desestimadas
Nun escrito presentado, o Marín defende a «imposibilidade de recibir o colexiado un ‘golpe’ por parte do público, porque o público non ten acceso ao túnel de vestiarios e a distancia desde a bancada é considerable«.
Ao non presentar probar de vídeo, para o Comité de Competición e Disciplina, estas alegacións son «orfas de calquera valor probatorio, e mesmo discordantes, indicando en relación aos incidentes de público a imposibilidade de ‘golpear’ ao colexiado, pero si a posibilidade de ser ‘tocado’, o que evidencia unha clara contradición«, aseguran.
O Comité procede por tanto á desestimación das alegacións e á imposición das consecuencias disciplinarias das accións sinaladas na acta arbitral. En concreto, o Marín foi multado e recibiu ademais un apercibimento de clausura do campo de San Pedro ou celebración de partidos a porta pechada.
O Marín pide un túnel nos vestiarios
Para o Comité de Competición e Disciplina, «resulta acreditado que o club Marín CF non adoptou as medidas conducentes á prevención do feito acaecido sendo as medidas de seguridade insuficientes ou de escasa eficacia para a evitación do mesmo«.
Neste senso, dende o Marín asumen a súa «responsabilidade» por non poder «evitar que os afeccionados se acheguen ao túnel de vestiarios, dado que o Estadio Municipal de San Pedro non é da nosa propiedade e, polo tanto, non podemos actuar na súa infraestrutura para evitar tal feito«.
Como resposta, o Marín solicitou ao Concello a instalación dun túnel pregable de lona, como o xa existente no pavillón da Raña, tamén de titularidade municipal.
Imaxe ilustrativa / Concello de Marín