# Hashtag

Diego Iglesias, CJ Cambados: «Ver á xente en Burgáns celebrando o gol no desconto foi algo inexplicable»

Diego Iglesias chegou este verán a Burgáns para firmar por un Club Juventud Cambados que nos últimos anos converteuse nunha das entidades máis clásicas da Preferente Sur. Esta fin de semana, o extremo de Bueu anotou dous goles, o segundo no tempo de desconto, que provocaron a remontada do equipo frente ao Pontevedra B. 

En Futbolingalicia, Diego Iglesias repasa os seus primeiros meses no CJ Cambados, o descenso co CD Ribadumia ou a súa saída do CD Estradense por unha difícil circunstancia persoal.

Futbolingalicia: O pasado domingo conseguistes unha gran vitoria ante o Pontevedra B logo de comezar perdendo. Como valoras o partido?



Diego Iglesias: «O partido foi moi igualado. Creo que, ao principio, eles dominaron practicamente todas as facetas con balón, sobre todo ata o primeiro gol, pero nós soubemos aguantar ben e estivemos moi ben axustados. Co paso dos minutos fomos collendo confianza e xerando ocasións de gol. Na segunda parte penso que dominamos completamente o partido e estabamos a xerar unha ocasión tras outra, tanto polas bandas como polo centro. Nos minutos finais chegaron eses dous goles e creo que o fútbol foi xusto porque merecemos a vitoria».

FIG: Neste caso, anotaches ti os dous goles e, ademais, o último marcáchelo nos minutos finais. Como describirías os goles e como sentiches ao marcalos?

DI: «Anotar os meus primeiros goles co CJ Cambados foi moi especial, xa que o partido estaba a ser moi igualado. O primeiro gol chega por mor dun descarga de Ramón Caamaño sobre Fran Matos, que é un especialista e púxome un carameliño á área. Eu tireime con todo o que tiña, rematei coa planta da bota e o balón entrou. Meter o segundo gol no último minuto cun golpeo desde fóra da área e ver á xente de Burgáns saltando e celebrándoo foi algo inexplicable. Estou moi contento de poder axudar ao equipo para sacar estes tres puntos que, para min, son moi importantes despois de gañar o anterior partido en casa e empatar en Portonovo».



FIG: No partido había un trío arbitral portugués. Como inflúe esta situación?

DI: «A verdade é que me decatei xusto antes de empezar o partido de que eran portugueses, pero creo que fixeron un moi bo traballo. Non me adoito queixar nin fixar nos árbitros porque xa teñen un traballo moi complexo e eu tento concentrarme en dar todo o que teño dentro do campo. Dáme igual que os árbitros sexan galegos, españois ou portugueses. O seu traballo é moi difícil e o domingo penso que fixeron un gran labor».

FIG: Foron os teus primeiros goles oficiais coa camiseta do Cambados. Que esperas desta tempada tanto a nivel individual como colectivo?



DI: «Poder marcar os meus primeiros goles e facelo en Burgáns é algo moi especial, sobre todo pola maneira na que se produciron. A nivel colectivo, creo que temos que ter os pés na terra porque a liga é moi competitiva, como xa se viu estes últimos anos, e o obxectivo principal ten que ser conseguir a salvación canto antes. Unha vez logremos a meta, miraremos cara adiante, pero o principal é manter a categoría. A nivel individual, a verdade é que non son moito de marcarme obxectivos. Gústame axudar ao equipo e dar o máximo de min e o máximo que me piden o adestrador e os compañeiros. Se tivese que dicir algo, gustaríame poder chegar ás dúas cifras en termos goleadores».

FIG: Cales foron os motivos que che levaron a asinar en Burgáns?

DI: «O motivo principal foi a confianza que depositaron en min tanto Fol (director deportivo), como o presidente e Pénjamo (adestrador). Creo que apostaron moi forte desde o primeiro momento e non tiven que pensalo moito porque creo que o proxecto do club nestes últimos anos foi moi bo. A verdade é que cheguei con moita ilusión e con ganas de dar o máximo de min. Espero devolver toda esa confianza co meu fútbol».

FIG: Como definirías ao vestiario do CJ Cambados?

DI: «A verdade é que o vestiario do Cambados lémbrame moito a un vestiario que tiven no Umia no meu primeiro ano en Barrantes. É un grupo moi humilde con xente que se nota que son amigos desde hai tempo. Eu apenas coñecía a xente e desde o primeiro momento establecín relación con moitos deles. Cada vez máis. É un grupo marabilloso, non hai ningunha discusión adestrando e predominan os ánimos. É un ambiente moi positivo e poucas veces tiven a sorte de estar en vestiarios así. Creo que isto será moi importante para o resto da tempada. O Cambados non para de subir ano tras ano na clasificación e creo que unha das claves é a unión do vestiario».



FIG: A tempada pasada anotaches doce goles no CD Ribadumia, pero descendestes a Primeira Galicia. Que valoración fas dese curso?

DI: «A tempada pasada no Ribadumia foi unha das miñas mellores campañas a nivel individual porque marcar doce goles non é fácil. Pero si que foi bastante doloroso descender. É un pau bastante fodido a nivel futbolístico, sobre todo cun equipo como o que tiñamos. Tento verlle o lado positivo e creo que esta situación, sumado ao descenso co Umia fai dous cursos, fíxome madurar moito como persoa e fortaleceume mentalmente. Tento tomarme isto como unha aprendizaxe porque é parte do deporte. Agora espero que algún ano se me poida dar a outra versión e poida vivir un ascenso».

FIG: Xogaches en Terceira División durante dúas tempadas e media. Veste volvendo á categoría?

DI: «A verdade é que volver a Terceira sería moi ilusionante, non vou mentir. É un obxectivo que teño en mente e moi presente. Tívenme que ir do Estradense porque o meu pai enfermou de gravidade nese momento, eu estaba a vivir en Santiago e o corpo pedíame estar con el nos seus últimos meses antes de falecer. Volvín a casa para estar preto del e funme do Estradense porque, loxicamente, era inviable estar en Bueu e ir adestrar catro días á semana á Estrada. Agora mesmo teño a ilusión de poder volver á categoría algún día e oxalá poida ser co Cambados. Sería moi especial e un soño ascender con este gran club, tanto por min como polo meu pai, que seguro que desde alá arriba estame a ver con moito orgullo».

FIG: Na próxima xornada visitades a un dos cocos da categoría e actual líder como é o CD Barco. Que esperas da vosa visita a Calabagueiros?

DI: «A visita ao Barco sempre é moi complicada. Imos co obxectivo de tentar conseguir dúas vitorias seguidas e iso témolo todos moi presente. Tentaremos dar o máximo e a ver se temos ese chisco de sorte para poder conseguir sacar os tres puntos».

FIG: Aínda non gañastes fóra de casa. Cres que é un lugar idóneo para dar un golpe encima da mesa?

DI: «Creo que gañar fóra de casa sempre é moi complicado e vimos de dúas xornadas lonxe de Burgáns nas que só sacamos un empate, pero onde creo que fixemos méritos para conseguir algún punto máis. Penso que Calabagueiros pode ser un bo lugar porque, ademais, están líderes na clasificación e iso pode darnos un extra de motivación. Conseguir alí os tres puntos pode ser un bonito golpe sobre a mesa».

Diego Iglesias, CJ Cambados: «Ver á xente en Burgáns celebrando o gol no desconto foi algo inexplicable»

O Rápido de Bouzas afúndese con 32

Diego Iglesias, CJ Cambados: «Ver á xente en Burgáns celebrando o gol no desconto foi algo inexplicable»

Casablanca e Pastoriza marcan o rumbo na

Dejar un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *