Israel Trigás está a ser un dos nomes propios deste inicio de tempada no Sporting Carballiño. O centrocampista, formado na base do Arenteiro, está a combinar rendemento colectivo e eficacia goleadora nun equipo que mira cara arriba na clasificación.
Autor de dous goles na goleada ante o Melias e con nove tantos xa no seu haber, Trigás analiza o gran momento do cadro carballiñés, a súa evolución como futbolista e o significado dos clubs que marcaron a súa carreira.
Futbolingalicia: O Sporting Carballiño protagonizou unha das goleadas máis importantes da xornada ao derrotar por 4-1 ao Melias. Que valoración fas do partido?
Israel Trigás: «Creo que fixemos un dos mellores partidos do que vai de tempada. O plan de partido estaba moi claro e penso que o executamos á perfección, tendo o control do balón en todo momento e creando moito perigo, tanto con centros laterais como atacando a espalda da súa defensa».
FIG: Anotaches dous tantos e xa sumas nove goles en liga. Que sensacións tes nesta primeira parte da tempada?
IT «Creo que entrei moi ben no partido e tiven a sorte de marcar as dúas primeiras ocasións que tiven, que normalmente non adoita pasar. A nivel persoal estou moi contento. Sempre é importante para un xogador marcar goles, e máis se serven para axudar ao equipo a sumar puntos».

FIG: Ao rematar a primeira volta, o Sporting Carballiño é cuarto a un punto do segundo e do terceiro e a nove do líder. Como está o vestiario con este balance?
IT: «No vestiario estamos tranquilos, con moita confianza e, sobre todo, con moita ilusión. O noso é ir partido a partido, sen mirar demasiado máis alá, sabendo que é unha categoría moi igualada. Non temos medo a ningún rival e cremos no noso traballo. Se seguimos traballando así cada semana, os resultados chegarán».
FIG: É posible o ascenso directo?

IT: «Sigo dicindo que o noso é o partido a partido, saír cada domingo a intentar sumar os tres puntos. Se seguimos nesta liña e traballando deste xeito, somos capaces de loitar por todo».

FIG: O ano pasado debutaches en Preferente co Cented Academy. Como viviches esa tempada?
IT: «Foi un ano incrible e, sobre todo, de moita aprendizaxe. Eu viña de xogar en Segunda Rexional e o salto foi enorme. A nivel persoal foi un ano de altibaixos, pero o fútbol é así. En xeral creo que foi unha boa tempada e o máis importante foi a xente que me levei dese grupo incrible. Sempre lle gardarei un cariño especial ao Cented».
FIG: Por que decides no verán volver á túa vila e asinar polo Sporting Carballiño?
IT: «Todo comezou coa miña saída do Cented. Eu sabía que ao ano seguinte ía estudar en Pontevedra e non podía compaxinalo cos horarios de adestramento. O Sporting sempre me chamou a atención por ser o equipo da vila e por como me trataron sempre. Ademais, foron claves a chegada de Neira como adestrador, porque xa o coñecía, e tamén a fichaxe de Damián, un amigo co que xogara no Arenteiro Promesas».

FIG: Tiveches ofertas doutras categorías?
IT: «Si, por iso tardei en decidirme, pero finalmente decanteime polo Sporting porque era o que máis me apetecía e o que máis me motivaba».
FIG: A túa carreira está moi ligada ao Arenteiro. Que significa para ti o club?
IT: «O Arenteiro é o club do que son desde pequeno e gárdolle moitísimo cariño. É o club que me formou como xogador e no que coñecín a moitas das persoas que hoxe son os meus amigos. Ademais, sigo vinculado ao club como adestrador, algo que valoro moito».
FIG: Como recordas os teus anos no filial e na base do Arenteiro?
IT: «Son anos que recordo con moito cariño, sobre todo o último no filial, onde creo que dei un paso adiante como xogador. Aínda así, sempre terei unha espiña cravada polas dúas fases de ascenso que perdemos na prórroga, especialmente o segundo, en Espiñedo, cun ambiente espectacular dunhas mil persoas vendo un partido de Segunda Rexional. Foron dous anos marabillosos pero perdimos a oportunidade do ascenso de maneira cruel».
FIG: Chegaches a ir convocado co primeiro equipo sen debutar. Cres que é posible xogar algún día en Espiñedo co Arenteiro?
IT: «É o soño de calquera neno da base do Arenteiro. Tiven a sorte de adestrar e ir convocado varias veces co primeiro equipo, aínda que me quedou a espiña de non debutar. Foi unha experiencia que agradezo moito e que recordo con moito agarimo. A día de hoxe non é un obxectivo realista, a diferenza de nivel é enorme e non é algo no que estea pensando».






































































































































































































































































































































































































































































































































































