Mauro Nores é unha lenda do fútbol do Morrazo. O talentoso atacante moañés levaba 25 anos sendo unha das referencias do Alondras, no que era capitán xeral ano tras ano na Terceira RFEF. Con cinco fases de ascenso as súas costas, o experimentado xogador de 38 anos cambiou este verán o equipo da súa vida polo equipo da súa vila, o CD Moaña, co que quere loitar polo ascenso na Preferente Sur.
No século XXI, o conxunto do Iago Aspas Juncal-O Casal debutou na categoría no 2007 e nas últimas oito tempadas suma sete dando a cara na Preferente, a excepción da campaña 22-23 onde arrasou na Primeira Galicia. Esta tempada, o equipo dirixido por Edu Charlín ocupa a décima posición da clasificación con 19 puntos, a unha vitoria da fase de ascenso e catro puntos por enriba do descenso, e están liderados por un Mauro que repasa na nosa web a súa traxectoria, a posible retirada, a saída do Alondras ou a actualidade do Moaña.
Futbolingalicia: Este domingo volvestes á senda da vitoria logo de oito partidos onde solo sumarades un triunfo. Como se desenvolveu o encontro ante o Cultural Areas?
Mauro Nores: «A verdade é que comezamos ben a tempada, xa que os tres ou catro primeiros partidos foron bos e tivemos moi boas sensacións. Logo encadeamos unha xeira de malos resultados, a pesar do bo xogo, e iso provocou que o xogo fose empeorando. Necesitabamos a vitoria desta semana. Foi un encontro moi disputado ante un equipo que ten bo trato de balón. Comezamos moi ben e gañando, con varias ocasións nos primeiros dez minutos, pero eles empataron cun golazo e fíxonos dano. No resto da primeira parte eles foron mellores e lograron o 1-2. Na segunda parte estivemos nós moi ben, sobre todo por unha gran presión alta que nos permitía roubar moitos balóns. Logramos remontar e soubemos sufrir con dez nos minutos finais».
FIG: Aos teus 38 anos segues marcando diferencias e anotaches esta fin de semana o 3-2 que vos deu os tres puntos. Que significa para ti seguir rendendo a esta idade?
MN: «A verdade é que estou desfrutando moito no Moaña porque hai un bo grupo. O Alondras díxome que quedara alí a adestrar e para o ano pensareimo, pero eu tiña claro que quería ir ao Moaña un ano a darlle un pouco de vida. A xente da miña vila ilusionouse coa miña fichaxe e non penso na idade. Sei os anos que teño, fisicamente tamén custa, xa que non rematas os partidos igual, pero estou desfrutando porque hai máis espazos e recibo máis balóns. Estou contento co rendemento pese a que unha lesión me deixou dous meses sen xogar. Quixen volver antes de tempo pero coa miña idade igual tiña que ter esperado algo máis. Estou moi contento de poder axudar ao Moaña e ir colaborando a que a xente da vila se involucre no equipo».
FIG: Levas catro goles en sete partidos disputados, tan só catro como titular. Como te estás a sentir neste inIcio de tempada?
MN: «As sensacións son moi boas. Como dixen, foi unha mágoa a lesión de dous meses que tiven pero estou moi contento porque é un grupo xenial. Teño un sabor agridoce porque de ter estado nese tramo de tempada creo que levariamos algún puntiño máis. Queda moita liga e estamos moi animados, esperanzados e con moita confianza».
FIG: Este verán saíches do Alondras tras 25 anos xogando alí. Que motivos provocaron esta marcha?
MN: «Deixei o club porque os horarios de adestramento cambiaron ás 16.00 horas e co traballo e o fillo que teño de dous anos e medio se me facía complicado. Xa o ano pasado quixen ir para o Moaña pero o presidente convenceume de quedar. Creo que tamén querían facer unha renovación no equipo e era algo que tiña que pasar. Eu xa o tiña moi asumido, aínda que eu creo que estaba ao nivel para seguir xogando aí. De feito, Gonzalo (o adestrador) quería que eu continuase pero creo que tamén me facía falta baixar o nivel dos adestramentos coa miña idade. Sigo indo por aí, a velos adestrar e xogar cando podo e sigo vinculado porque é o equipo da miña vida. Tiña incertezas despois de tantos anos no Alondras pero estou moi contento porque en Moaña acolléronme moi ben, así que, en xeral, estou moi feliz».
FIG: Gustaríache poder tido a posibilidade de retirarte no Alondras?
MN: «Podería ser, pero eu tiña claro que quería darlle algo ao Moaña antes de retirarme. O ano pasado estiven a punto de vir porque é o equipo da miña vila, xoguei aquí algún ano en categorías inferiores e sempre tiven pensado ir ao Moaña nalgún momento».
FIG: Se tiveras que quedar cunha tempada e cun momento da túa carreira. Cal elixirías e por que?
MN: «Houbo tantos que non sei cal dicir. A miña primeira tempada despois de saír de xuvenís foi especial porque xogamos a fase de ascenso a Segunda B ao quedar de cuartos. Enfrontabámonos a un primeiro clasificado, entre os que estaba o Real Madrid C con Granero, Adán, os irmáns Callejón ou Laure. Cando conseguimos a clasificación cantamos «Si, Si, Si, nos vamos a Madrid» e o sorteo emparellounos finalmente co Real Madrid. Fomos a Valdebebas, que estaba estreado fai pouco tempo, e foi unha pasada. Outro momento especial foi a fase de ascenso contra o Mensajero en La Palma».
FIG: Quedou a espiña de non lograr un ascenso co Alondras a categoría nacional?
MN: «Un pouco si. Sabiamos que era difícil, porque o presuposto do Alondras nunca foi dos máis grandes da categoría ao coincidir con equipos como Racing de Ferrol, Pontevedra, Celta B, Arosa, Bergantiños ou UD Ourense, que son clubs que a nivel presupostario son moi fortes. Era complicado pero estivemos moitos anos aí. Eu xoguei cinco fases de ascenso e, ao principio, tomábao como un premio e, co paso dos anos, dicía: «por que non?». Sempre quedou un pouco a mel nos labios pero estou moi orgulloso de poder ter competido aínda que non se dera».
FIG: Volvendo ao Moaña. Despois da difícil decisión de cambiar de club firmas polo equipo da túa vila. Cales foron as razóns desta fichaxe?
MN: «O primeiro foi a insistencia da presidenta Estela, que sempre me preguntaba cando firmaba alí. Eu contestáballe que nunca me chamaba. O ano pasado chamou e estiven moi preto de firmar. Sempre quixen ir ao equipo da miña vila e quería darlle un pequeno impulso. Quería desfrutar nunha categoría menos, un pouco máis relaxado e nun campo novo, que no do Alondras estaba a destrozar o meu físico».
FIG: Que lle transmites aos xogadores con menos experiencia do equipo?
MN: «Nesta mala xeira dicíalles que tiveran tranquilidade e que non se angustiaran. Os xogadores máis novos non meten gol e parece que se lles acaba o mundo. Na súa vida van fallar moitas ocasións e moitos despexes. Eu tentaba transmitir tranquilidade porque a liga é moi longa e que hai que estar centrado en cada xogada, porque unha xogada pode cambiar ata unha tempada completa. Hai que estar tranquilo, competir e desfrutar do fútbol, que ao final xogamos porque amamos este deporte».
FIG: Que obxectivos, colectivos e individuais, tedes para esta campaña?
MN: «De maneira sincera, non teño obxectivos individuais máis alá de facelo o mellor que poida e axudar ao club e aos xogadores máis novos. Gustaríanos xogar a fase de ascenso a Terceira RFEF e esa é unha das razóns polas que firmei aquí, así que polo menos ímolo a intentar. Sabemos que é difícil e que hai equipos moi bos como Céltiga, Barco ou Porriño pero creo que podemos competir contra todos. O obxectivo é quedar o máis alto posible na táboa e que a xente se involucre máis no club».
FIG: Canto tempo lle queda a Mauro Nores vestido de curto?
MN: «A verdade é que non queda moito. Non sei se será esta e xa ou non, non o teño o claro. Vou pouco a pouco, día a día e o problema é que me custa recuperar moito porque o traballo tampouco me axuda. Competir sigo competindo ben e o importante é que non veñan lesións como a rotura de fibras que tiven neste inicio de liga. Como dixo o meu amigo Iago Aspas, quero ir pouco a pouco porque o corpo ao final sofre despois de tantos anos. Agora estou ben e o día a día dirá canto me queda no fútbol».