Repasamos os Diferenciais da Primeira Futgal de FutbolinGalicia dunha penúltima xornada que deixou un ‘hat-trick’ de ascensos, os do Dumbría, Burela e Tyde. Súmase aos que xa conseguiran o Antela e o Puebla, polo que só queda pendente coñecer o ascenso directo no grupo 1, que se dirimirá na derradeira xornada da liga regular esta tempada.
O Dumbría ascendeu a Preferente dende o grupo 2, que durante case todo o curso estivera liderado polo Club do Mar de Caión. Hai tres xornadas que o Dumbría asaltara esa primeira praza e o empate entre o Club do Mar e o Carral, sumado á vitoria que conseguiron ante o Calo (2-5), serviulles para confirmar o salto de categoría. Tras un gol en propia porta, foi de novo Diego Estévez quen anotaba para os do Conco. Estévez, máximo goleador do grupo, suma 35 dianas na liga.
En terras luguesas, o Burela volve a Preferente case 20 anos despois. Os da Mariña só precisaban un punto, pero venceron 0-1 ao Chantada Atlético. Mauro fixo o gol dun ascenso que completa unha excelente tempada para os da Marosa, que gañaron 26 dos 33 partidos disputados ata o momento.
Tamén o Tyde podía ascender cun punto e así foi. Empate sen goles ante o Mos e festa rachada no Álvarez Durán de Tui, que leva xornadas rexistrando un ambiente doutra categoría. Os tudenses regresan a Preferente 23 anos despois e houbo ata fogos de artificio na capital do Baixo Miño para celebralo.
A emoción pasa agora polo grupo 1
Aínda a Primeira Futgal nos vai agasallar cunha última xornada, que será decisiva no grupo 1. A cousa está entre o líder, o Victoria CF (65 puntos), e o segundo, a Cultural Maniños (64). Precisamente, os de Fene recortaron distancias cos coruñeses (que empataron) ao impoñerse 2-1 ao Cedeira cun gol en propia e outro de Julián Pardo que mantén a emoción ao máximo.

Nese mesmo grupo 1, queda tamén aberta a pelexa polo segundo posto de play-off, que disputan Olímpico (terceiro, 61 puntos) e Orillamar (cuarto, 59). O Olímpico leva seis vitorias consecutivas (contando o aprazado). Guillermo Galán anotou o primeiro na vitoria 0-2 que obtiveron diante do Galicia de Caranza.

Na última xornada tamén se resolverá o descenso. O Valdoviño conseguiu un triunfo importante para loitar pola permanencia. Mallaron 4-0 ao As Pontes, con Noel abrindo o marcador.
Máis alá do ‘hat-trick’ de ascensos
Completamos a listaxe dos Diferenciais co repaso aos demais partidos da xornada 33. No grupo 2, o Vea volve saír do descenso. Gañáronlle 0-4 ao Fisterra e Daniel González fixo o primeiro. Fíxolles un bo favor o descendido San Lorenzo, que se impuxo 4-3 ao Agolada, con Javier Pérez asinando un ‘hat-trick’.
Sete triunfos consecutivos encadea a SD Chantada, que terá que gañar e agardar un picazo do Castro para entrar en play-off no grupo 3. Os chantadinos venceron 2-0, con Sergio Abad anotando antes do descanso. No duelo entre descendidos, o San Lázaro quíxose despedir da categoría cunha vitoria na casa: 2-1 ante o Meira, cun tanto de Borja Núñez e outro de Philip John.

A vitoria do Antela, xa ascendido, e o empate Polígono-Celanova (os dous equipos de play-off) deixa todo o peixe vendido na parte alta do grupo ourensán.
No grupo 5, o Unión de Asados superou 2-0 ao ascendido Puebla e logra praza de play-off de ascenso. Javier Pouso entra na listaxe dos Diferenciais. En terra de ninguén, destacamos o ‘hat-trick’ de Nicolás Fernández na vitoria 6-2 do San Martín ante o Cuntis. Outros tres fixo Juan Carlos Caamaño, do Caldas, para superar 3-0 ao Marín.
No grupo 6, o Arenteiro ‘B’ encadea oito partidos sen perder, que lle serven para soñar coa permanencia. Remontaron ante o Racing Castrelos e sumaron tres puntos de ouro (2-3), cun dobrete de Andoni Pajaro.
Que son os Diferenciais?
Os Diferenciais de FutbolinGalicia son eses xogadores que anotan goles chave para os seus equipos, para levar os tres puntos, para salvar un empate in extremis… Tamén os que realizan grandes actuacións individuais. Todo iso recoñecemos nesta sección dos Diferenciais, que iremos actualizando xornada a xornada e para a que agardamos contar tamén coa colaboración dos lectores.
Cada xornada, a Primeira Futgal énchenos de emoción e deléitanos con máis de medio cento de partidos. Como ter ollos en todos e cada un dos campos é imposible, agardamos a vosa participación para completar a listaxe dos Diferenciais da Primeira Futgal.

Podes poñerte en contacto con FutbolinGalicia a través de X ou de Instagram.