# Hashtag

Rubén Gullón, Umia CF: «O gol da permanencia foi o colofón a todo o traballo do equipo»

O Umia seguirá sendo equipo de Preferente un ano máis. O conxunto de Barrantes, que volvía á categoría tras acadar o ascenso desde Primeira Galicia, certificou a permanencia este domingo ao vencer por 1-2 ao Atlético Arnoia no Xestal de Ribadavia. Tras un curso onde pasou a maioría das xornadas nos postos de descenso, un tanto de Rubén Gullón no minuto 85 rematou o traballo para o cadro do Salnés.

A chegada do central vigués ao Umia significou un gran paso na tempada do equipo, posto que o nivel defensivo aumentou con creces. Tras un verán movido no que pasou por Bouzas, Barreiro e a retirada, o defensor de 37 anos recalou na Bouza e acabou sendo o heroe. Agora, co obxectivo conseguido, repasa a súa tempada e reflexiona sobre o futuro cunha posible retirada definitiva na recámara.

Futbolingalicia: Coa vitoria deste domingo na casa do Atlético Arnoia, o Umia logrou unha sufrida permanencia en Preferente Sur. Que valoración fas da tempada?



Rubén Gullón: «Pois a tempada foi moi moi dura. Foi unha campaña onde as lesións non nos axudaron nada e creo que deberiamos conseguir antes a permanencia, xa que perdemos partidos que tiñamos ganados e se nos foron nos últimos minutos. Pero, en liñas xerais, foi unha tempada aceptable dentro do dura que foi».

FIG: ⁠Que significa para ti marcar o gol que asegurou a continuidade na categoría?

RG: «Pois foi unha liberación e unha alegría indescritible, só comparable aos dous goles que metín na última xornada ante o Domaio co Caselas xogándonos a permanencia e que serviron para manter a categoría. Este gol foi o colofón ao traballo do equipo e é adicado á afección, xa que nos seguiron alá onde fomos e merecen todo o bo».



FIG: Durante moitos momentos da tempada só erades 12 ou 13 xogadores dispoñibles para xogar nas convocatorias. Canto mérito ten a salvación se temos en conta isto?

RG: «A verdade é que este logro ten un mérito incrible, xa que en moitos partidos íamos 18 convocados dos cales catro ou cinco estaban lesionados e ían para encher o banco».

FIG: Lograstes 19 dos últimos 27 puntos. Cales foron as chaves deste gran rendemento final?



RG: «Sen dúbida, a unidade do grupo. Máis que un grupo, formouse unha familia unida no bo e no malo, loitando contra todos os problemas que nos ían aparecendo durante a tempada».

FIG: ⁠A chegada de Álvaro Soto ao banco de Barrantes pareceu ser determinante. Que cres que mudou co troco de adestrador?

RG: «Mudou a mentalidade dos xogadores porque nos deu máis carácter e competitividade. Con Hugo Sanmartín estábase traballando ben pero as cousas non acababan de saír, e con Álvaro, a pesar de que nos custou unhas xornadas, acabamos collendo o que nos pedía e conseguimos o obxectivo».

FIG: Firmas polo Umia en novembro e o equipo gaña solidez defensiva contigo como líder da defensa. Como valoras a túa tempada?

RG: «Pois considero que, no persoal, tiven unha tempada notable. Houbo algúns altibaixos, xa que contra o Pontevedra B tiven unha rotura no xemelgo que me fixo perder un partido e despois facerme xogar con dor durante algún tempo e non poder xogar o 100%. Iso limitábame bastante, aínda que creo que foi unha boa tempada».



FIG: ⁠Comezaches a tempada no Gran Peña en Terceira RFEF. Que motivos fixeron que firmases polo Umia?

RG: «Pois fichara no Rápido de Bouzas e tivemos o problema que xa todo o mundo sabe. Decidín retirarme e o único que me sacou dese retiro foi a oportunidade dunha última tempada en Terceira co Gran Peña, pero un cambio de traballo no que estou unha semana de mañá e outra de tarde, impedíame adestrar unha semana. Tiven que deixalo e recibín a chamada de Hugo Sanmartín, que é amigo meu, pedíndome que o axudase. Aceptaron o dos adestramentos e decidín fichar para botarlle unha man na medida do posible».

FIG: ⁠Este ano cumpres 38 anos. Seguirás xogando a tempada que vén?

RG: «Pois a verdade é que a intención é deixalo. Co das quendas de traballo é complicado compaxinar os adestramentos, aínda que eu adestro pola miña conta cando estou de tarde. Pero nunca se sabe o que pode pasar e non descarto nada».

FIG: No caso de seguir, gustaríache renovar en Barrantes?

RG: «⁠No caso de que decidise seguir xogando, a verdade é que me sentín moi cómodo e moi ben recibido pola xente do Umia, pero é que vivindo en Vigo resúltame moi complicado e duro a viaxe ata Barrantes. Ademais, o campo, o cal prometeron desde o Concello que este ano íase cambiar e non se fixo, condicióname moito a nivel físico e articular. Por todo isto non che podo dicir un si, pero tampouco un non».

FIG: Ao longo da túa carreira pasaches por moitos clubs entre Preferente e Terceira. Que tempada recordas con máis cariño?

RG: «Pois o mellor recordo é no momento do que falei antes co Caselas. Faltaban tres xornadas e estabamos practicamente descendidos. Non gañaramos dous partidos seguidos en todo o ano pero acabamos logrando a vitoria nos tres últimos e acadamos a permanencia».

Rubén Gullón, Umia CF: «O gol da permanencia foi o colofón a todo o traballo do equipo»

A permanencia en xogo na derradeira xornada

Dejar un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *